Loito para despedir a Ravachol e ao Entroido

O animal permaneceu toda a tarde na Praza da Verdura, onde se celebrou un velorio antes de ser trasladado á Ferrería para incinerar

Centenares de persoas apesadumbradas, vestidas de rigoroso loito e sumidas nun doloroso pranto despedían onte ao papagaio símbolo do Entroido pontevedrés. Ravachol faleceu tras unha semana de troula e non faltou quen lle chorara. O velorio celebrouse durante toda a tarde na Praza da Verdura, onde permaneceu o finado dende as 18.00 horas. Numerosas persoas se achegaron ao longo das horas que permaneceu alí a expresar a súa tristura polo falecemento da ave. 

O traslado dos seus restos tivo lugar ás 21.00 horas, acompañado dunha ampla comitiva que percorreu as rúas da cidade. A despedir a Ravachol e ao Entroido acudiron as comparsas Amoriños de Bora, Os Canecos, Os Paparrulos, Os Solfamidas, Os 100 Tolos, Os Miúdos, Las Flores del Carnaval, Vamos a Todo, Os da Caña e As Sonecas, que durante estes días de festa participaron activamente nas diferentes propostas do Entroido da cidade. 


Na Praza da Ferrería esperaba o público para celebrar o funeral polo falecido. «Chorade! Chorade todos! Morreu Ravacholiño!», lamentaban dende o escenario a fin do paxaro e das festas de Carnaval. Os asistentes ao cabodano fixeron escoitar o seu pranto á vez que Ravachol recibía unha coroa fúnebre. Tras a lectura dunha elexía para o finado, o velorio tradicional interpretado por Os de Algures, a danza da morte interpretada por Celme e a saeta Val do Lérez na honra do animal, este foi incinerado pese a que o tempo non acompañaba. E é que a chuvia ameazou onte con estragar o final do Entroido durante todo o día.

Unha das novidades do Entroido 2020 en Pontevedra foi a saída das murgas á rúa. Deste xeito, as agrupacións participantes no certame, que se celebra no Pazo da Cultura con gran éxito de público,  interpretaron as súas composicións na rúa. Foi no mediodía de onte, ás 13.00 horas, e as agrupacións participantes foron a Murga PTV, Val do Lérez (gañadores do citado certame por cuarto ano consecutivo), Equipo Ja e Murga do Naveiro. Os seus integrantes interpretaron as ‘chirigotas’ nas prazas de Curros Enríquez, Méndez Núñez, a Verdura, a Praza de Abastos e a da Leña durante a hora do vermú.


 

Comentarios