Lombos: seguridade ou martirio para condutores?

Sobran ou faltan lombos en Pontevedra? Axéitanse ao ‘sentido común’? Santiago Laya, vicepresidente da Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila, e Juan Loureiro, presidente da Federación Castelao, debaten sobre o asunto
Santiago Laya, Boa Vila, y Juan Loureiro, Federación de Asociacións de Veciños Castelao, en uno de los lombos pontevedreses.
photo_camera Santiago Laya, Boa Vila, y Juan Loureiro, Federación de Asociacións de Veciños Castelao, en uno de los lombos pontevedreses.

Santiago Laya chega ao encontro con 15 minutos de antelación. Leva no peto un metro co que comproba a altura de cada lombo polo que pasa e cuestiona a política do Concello que, na súa opinión, abusa destes elementos. É o vicepresidente da Federación de Asociacións de Veciños Boa Vila. Na postura oposta está Juan Loureiro, que defende os lombos e está convencido de que se deberían colocar máis. É o presidente da Federación de Asociacións de Veciños Castelao. Chega puntual.

Juan Loureiro: "Adaptarse ás normas do Estado é imposible porque non ten en conta as peculiaridades de Pontevedra"

Hai demasiados lombos en Pontevedra ou hai demasiado poucos?

Juan: Para Castelao e as asociacións que representa hai zonas nas que hai os xustos, outras nas que hai poucos o outras nas que se poderían eliminar algúns. É que isto non ten que ser unha cuestión uniforme, hai distintas beirarrúas e non pode ser todo tan homoxéneo como plantexa a normativa do Estado.

Santiago: Para federación de Veciños Boa Vila son moitos e irregulares, non hai unha normativa que rixa a colocación de lombos, hai algúns demasiado elevados. Todos estamos de acordo en que os lombos son necesarios, pero xa hai unha limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora. O problema é que non sabemos que lexislación aplica o Concello. Creo que o Concello debería establecer unha normativa e cumplila. De todos os xeitos, son demasiados lombos. En termos relativos, debemos de ser a cidade con máis lombos de España.

Santiago Laya: "En termos relativos, a nosa debe de ser a cidade de España onde hai máis lombos. Eu penso que son demasiados"

J: Hai unha normativa aprobada e publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra que foi votada de xeito unánime por todos os partidos políticos da Deputación en 2013, cando gobernaba o PP. Chámase Ordenanza Provincial sobre Seguridade Viaria. Dase a casualidade de que se adapta de xeito textual ao que sucede en Pontevedra. O que nós intentamos dicir é que é moito máis felexible a normativa do Concello e da Deputación que a do Estado. A do Ministerio de Fomento é moi ríxida. En Pontevedra temos beirarrúas de diferentes alturas e a normativa estatal obrigaríanos a que todos os pasos tiveran 30 centímetros de alto, o que implicaría ter que levantar ou baixar beirarrúas. Se queremos poñer os pasos de peóns á altura das beirarrúas para facilitar a accesibilidade de persoas con problemas de visión ou con mobilidade reducida temos que adaptar a altura dos lombos dos pasos de peóns á da beirarrúa. Onde haxa que adaptar a rampa de entrada e de saída do lombo para facilitar o acceso do vehículo, que se faga, pero rebaixar ou subir as alturas é algo inútil e absurdo. 

S: O que se ten que aplicar é o sentido común. Pero, ademais, hai rúas nas que non é preciso poñer lombos, nas que xa hai demasiados ou nas que están moi seguidos uns dos outros, con moi poucos metros de distancia. A sinalización ás veces é moi defi ciente, por non falar da pintura. 

Que outros problemas presentan os lombos en Pontevedra? 

S: Depende do vehículo que os pase, hainos máis grandes e máis pequenos, que pasan mellor. As caravanas, por exemplo, teñen moitos problemas, ao igual que os vehículos de reparto ou as ambulancias. 

J: Terían máis problemas se se aplicase a normativa.  

S: Para iso está o sentido común. Non tes por que aplicar a normativa, nós pedimos sentido común.

Santiago L.: "Consúmese máis combustible a 30 quilómetros por hora polo centro da cidade que a 100 pola autovía"

J: Pode ser certo que algúns deles estean mal iluminados, pero tamén é unha boa idea que a maioría coincidan con pasos de peón. E digo máis, salváronse moitas vidas en Pontevedra dende que se colocaron os lombos. Cando unha cousa funciona, deixémola estar. O problema é que a norma que se está debatendo é ríxida, que non se adapta as peculiaridades de Galicia. Pero a norma da Deputación e do Concello si o é. E poño un exemplo, coa rúa Josefi na Arruti está todo o mundo encantado, pero se nos adaptamos á normativa de Fomento, teríanse que elevar o lombos. Outro exemplo, algúns dos que hai nas zonas rurais son moi altos, pero porque o piden os propios veciños xa que o tráfi co que se quere escaquear dunha zona na que a velocidade está limitada a 30 vai por alí moi rápido. Na Avenida de Vigo, no tramo entre o Galicia Palace e a rotonda de Fernández Ladreda, os veciños piden dous lombos máis. 

A realidade é que o número de accidentes descendeu. 

S: Si, porque hai menos coches, porque por Pontevedra xa non se pode circular con coche. Que mortes vai haber? 

E que outras solucións pode haber para reducir a velocidade dos coches que pasan e mellorar a seguridade? 

S: A verdade é que son poucas. Unha delas é a sanción por radar, que é certo que pode perxudicar aos veciños porque ás veces non te decatas e poste por enriba da velocidade permitida. Creo que habería que concienciar á xente de que na cidade se debe circular a velocidade moi moderada para que tome conciencia sobre o asunto. 

J: O problema é plantexar que facemos. Volvemos outra vez ao modelo no que todo serve? Imos ao peto de todo o mundo para adaptarnos unha normativa que, como xa expliquei, non ten en conta as peculiaridades de Pontevedra? Eu penso que se algo funciona non hai que cambialo e este modelo de lombos está dando bos resultados. Hai partidos políticos en Pontevedra que están propoñendo outros sitemas de calmado, como por exemplo rotondas. Hai vías nas que non tes espazo para rotondas, entón tes que expropiar para poder construílas e iso é un custo moito máis elevado. 

S: Ademais as rotondas son un problema para os autobuses, que non dan xirado. O outro día falaba cunha persoa que traballa no transporte de pasaxeiros en autobús e estaba molesto porque, entre as rúas peatonais, polas que non pode circular, e as rotondas non pode chegar co autobús á porta do hotel. Ten que ir buscar á xente a dúas rúas de distancia do hotel, e iso obriga á xente a cargar coas maletas e tamén afecta aos negocios. 

Juan L.: "Se vas á velocidade adecuada, os lombos non danan o coche, pero é que é incómodo para o condutor ir freando"

J: Si, pero, en cambio, Pontevedra ten máis turismo que antes. 

S: Pode ser, pero os hoteis das zonas peatonais vense afectados. 

J: Eu penso que debe primar o interese xeral sobre o particular. Camiñar uns metros con maleta non supón nada. 

S: A ti non e a min tampouco, pero unha persoa con difi cultades para andar ten problemas. 

J: Pero a miña pregunta é: entón que facemos? O que di a moción presentada no Concello de Pontevedra di, literalmente: "No prazo máximo de dous anos dende a entrada en vigor desta ordenanza, todos os dispositivos situados na rede de vías urbanas de Pontevedra deberán ser adaptados ao disposto nela". Do que non nos decatamos é de que axustarse a esta normativa tan ríxida non ten sentido. É dicir, non podería haber ningún a 50 metros do inicio da rúa, terían que estar separados entre sí por 200 metros, habería que quitar todos os lombos do rural porque non son urbanos. Isto ocorre porque a normativa do Estado está pensada para as vilas de Castela, onde son núcleos homoxéneos. En Galicia temos a poboación dispersa e no rural a xente tamén pide lombos. 

Santiago, vostede está de acordo en que a xente pide lombos? Podería dicirse que os veciños ‘prolombos’ son maioría? 

S: Hai de todo. Á xente á que lle coincide que as súas casas están preto das estradas si lle interesa que se coloquen lombos para que os coches circulen máis a modo. Pero os que están máis alonxados da estrada non os quere. Os que os piden é porque lles interesa. 

J: Non creo que sexa unha cuestión de interese, é que son persoas que padecen nas súas carnes as consecuencias de que os coches pasen a moita velocidade. 

S: É certo, pídenos por seguridade, porque moitas pistas antes eran camiños e agora pasan os coches a moita velocidade. Pero tamén é certo que se colocaron lombos que facían moito ruído e duraron un mes porque os propios veciños os quitaron xa que non lles deixaban durmir. 

J: Si, pero estamos falando dos que non fan ruído. No que creo que estaremos de acordo é en que primeiro debemos pensar na seguridade das persoas e logo na dos coches.

Santiago L.: "O equilibrio entre coches e peóns sería colocar os lombos con máis sentido común"

Non existe a posibilidade de conseguir un equilibrio entre a seguridade dos peóns e a comodidade dos condutores? 

J: É que este é o equilibrio! 

S: O equilibrio sería colocalos con sentido común, non poñelos por poñelos. Só onde sexan necesarios. 

É certo que os vehículos se resinten polos lombos? 

S: Si, con toda seguridade. Eu, que collía o coche a diario, tiven que cambiarlle toda a amortiguación dúas veces polos lombos. Sabes o que é pasar todos os días 15 ou 20 lombos? Constantemente, porque están por todas partes. O coche resíntese moitísimo. 

J: Se vas á velocidade axeitada non, creo que é máis molesto o feito de ir freando cada dúas por tres que a repercusión que poida ter no coche. 

S: Pois frear constantemente tamén afecta aos freos. Ademais, hai que ir en segunda todo o tempo. Iso canto consume? 

J: A 30? A 30 non consumes nada. 

S: Consumes máis a 30 polo centro da cidade freando e acelerando todo o tempo que a 100 pola autovía. 

Cantos lombos calculan que pode haber en Pontevedra fóra dese ‘sentido común’ do que falan?

J: Poucos, moi poucos. 

S: Eu non estou de acordo, penso que se deberían revisar e incluso eliminar un 30% dos lombos. 

Que pensan da colocación de lombos nas parroquias?

S: Algúns están ben, outros non. En xeral abúsase da colocación de lombos.

Juan L.: "Os condutores aos que lles gusta correr utilizan vías secundarias para evitar os lombos e iso perxudica ao rural"

J: A min contábanme o outro día que en Matalobos hai unha persoa maior coa casa preto da rúa e non podía cruzar porque os coches pasaban moi rápido e tiña que esperar dez minutos para pasar dun lado a outro da estrada. O problema é que hai condutores aos que lles molestan os lombos porque lles gusta correr no coche e, para evitalos, utilizan vías secundarias como as do rural e pasan ‘mangados’. Nós entendemos que prima a seguridade das persoas sobre as dos coches.

S: Niso estamos de acordo. As vidas das persoas están por enriba de calquera coche. 

Ás veces parece que esta cuestión está politizada. É dicir, os que son do BNG están a favor dos lombos e os que non están en contra.

S: Eu creo que non. No Goberno, entre eles, pero os cidadáns non temos ese problema. Gustarannos máis ou menos, pero non porque o fagan uns ou outros. Os lombos creo que non lle gustan a ningún condutor, pero podemos entender que son necesarios nalgúns casos. 

J: É un debate político, utilizado dentro do Concello, pero non creo que os cidadáns estean a favor ou non dos lombos por afi nidade con un ou outro partido. Nós, por exemplo, notamos algunhas faltas de coherencia nalgún partido que estivo gobernando durante moitos anos e agora que está na oposición presenta medidas alternativas.

Comentarios