Lorena Conde gaña o III Premio María Victoria Moreno

"Nunca escribira algo tan rápido e fora tan divertido", recoñece a autora da obra galardoada, 'Velloucas e Minchas'
Lorena Conde, a la derecha. GONZALO GARCÍA
photo_camera Carme Fouces (esquerda) falando con Lorena Conde, onte, no Concello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

A escritora de Ponte Sampaio Lorena Conde vén de facerse co III Premio María Victoria Moreno, que convocan anualmente a editorial Cuarto de inverno e o Concello de Pontevedra dentro do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. "De feito, este galardón tiña que terse fallado o 23 de abril, pero no ano do coronavirus todo se vai facendo cando se pode", dixo a concelleira de Cultura, Carme Fouces, ao tempo que lembrou que Antonio Manuel Fraga e Beatriz Maceda foron os autores recoñecidos en anos anteriores.

Velloucas e Minchas é o título da obra que, presentada baixo o lema Timbané, foi escollida por un xurado composto pola libreira Luz Gallego (en representación do Concello de Pontevedra), o escritor Antonio Manuel Fraga (en representación da familia de María Victoria Moreno) e a editora Andrea Jamardo (en representación do selo Cuarto de inverno). Actuou como secretario, David Cortizo.

María Victoria Moreno é unha figura do meu altar persoal, un referente literario, pero tamén humano

40 OBRAS. Durante a presentación da autora galardoada, Carme Fouces quixo destacar que este ano se incrementara considerablemente o número de obras que se presentaran ao certame, que, unha vez decretado o estado de alarma, anunciou que as recibiría on-line. "Chegaron 40 obras cando viñan chegando arredor de 17".

O premio está dotado con 4.000 euros e inclúe a publicación por parte de Cuarto de inverno. "Eu teño que confesar que, para min, foi unha dobre alegría saber que a gañadora deste ano era Lorena Conde: porque é muller e porque é de Ponte Sampaio. Penso que ademais, na súa obra, os valores que defendía María Victoria Moreno están moi representados", explicou Carme Fouces, que estivo acompañada pola propia Lorena Conde no Concello.

Eu son de Ponte Sampaio. Convén reivindicar que nas marxes tamén se fai cultura. Non todo sucede no centro

"Nunca escribira algo tan rápido e fora tan divertido", confesou a autora, que recoñeceu que foi a ampliación do prazo do premio a que a animara a escribir a súa historia. "Se chega a fallarse o premio en abril, eu non chego. Decidinme a escribir o mesmo mes de xuño".  O prazo este ano ampliouse ata o 30 dese mes.

Actriz, dramaturga e poeta, Lorena Conde publicou nos últimos meses dúas obras coa editorial Urutau, o poemario O perfil da boca e a obra de teatro Santa Inés, e ten pendente de publicación unha obra para mozos e mozas que tamén publicará Cuarto de inverno. No medio destes proxectos gañou este galardón co nome dunha muller á que ela coñeceu persoalmente. "Foi a miña mestra no ‘quinto’ [o instituto Torrente Ballester]. María Victoria Moreno é unha figura do meu altar persoal, un referente literario, pero tamén humano, en canto a ética e tenrura", sinalou a escritora, que xa homenaxeara á súa mestra coa obra de teatro Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos.

Fixen protagonistas da historia a mozas preadolescentes e a mulleres no final da vida, personaxes que adoitan ser secundarios

Conde tamén aproveitou para demandar atención ao que sucede fóra da capital. "Eu son de Ponte Sampaio. Convén reivindicar que nas marxes tamén se fai cultura. Non todo sucede no centro".

Velloucas e Minchas está protagonizado por mulleres que se atopan nun momento da súa vida para tratar de resolver unha serie de problemas. "Son mozas preadolescentes e mulleres no final da vida. Fixen protagonistas a personaxes que normalmente son secundarios. Penso que ese é un dos valores da novela. Ese e o sentido do humor".

Comentarios