Lores agradece ao alumnado de primaria o seu comportamento na pandemia

O alcalde vén de remitirlle unha carta aos estudantes de 5º e 6º de primaria na que tamén convida aos nenos e nenas a trasladarlle os seus desexos de futuro en relación a escola, familia e cidade
Fernández Lores. DP
photo_camera Fernández Lores. DP

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, enviou a pasada semana unha felicitación de Nadal para toda a comunidade educativa dos centros de primaria pontevedreses, na que ademais achegaba unha carta dirixida ao alumnado de 5º e 6º.

Nesta carta, o alcalde diríxise persoalmente aos nenos e nenas dos últimos cursos de primaria para agradecerlles "o ben que vos estades a comportar para acabar con este virus", ao tempo que lles asegura que están sendo "un gran exemplo para a xente maior".

Tamén os anima a seguir sendo "rigurosos coas medidas sanitarias" durante todas as festas.

Nun ano que o rexedor cualifica na misiva como "raro", aproveita para convidar aos rapaces e rapazas a que lle transmitan a súa opinión a través de tres desexos relativos á escola e amizades, á familia e á cidade, e explícalles que serán tidos en cota para "tomar as mellores decisións".

As respostas do alumnado, que serán recibidas no correo electrónico da Alcaldía, forman parte da filosofía do Concello de Pontevedra de darlle voz á crianzas e coñecer de primeira man as súas opinións, neste caso en particular sobre a situación de excepcionalidade derivada da aparición da covid-19.

Comentarios