Lores é o alcalde co soldo máis alto de Galicia

O rexedor da Boa Vila cobra 72.566 euros, uns 2.000 euros máis que Abel Caballero ► Doce alcaldes galegos desenvolven as súas funcións sen recibir retribución algunha
Miguel Anxo Fernández Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores. AEP

O Ministerio de Hacienda fixo públicos os soldos dos rexedores galegos en 2020, un ano no que os alcaldes de Pontevedra e Vigo, Miguel Anxo Fernández Lores (72.566 euros) e Abel Caballero (70.775 euros), perciben as maiores cantidades. Pola súa banda, unha ducia de rexedores de pequenos municipios non cobran polo seu posto, mentres hai 39 concellos que non ofrecen datos.

Entre as sete cidades, após Pontevedra e Vigo, a orde de maior a menor é: Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (69.926 euros); A Coruña, Inés Rey (69.218 euros); Lugo, Lara Méndez (68.361 euros); Santiago, Xosé Sánchez Bugallo (52.020 euros); e Ferrol, Ángel Mato (40.000 euros).

Máis aló das sete cidades, hai 11 alcaldes que perciben máis de 50.000 euros, é dicir, todos cobran máis que o rexedor de Ferrol e algúns máis que o da capital de Galicia. Aquí atópanse: A Estrada, José López Campos (58.372 euros); Ribeira, Manuel Ruiz Rivas (56.733 euros); Culleredo, José Ramón Riobóo (56.178 euros); Arteixo, José Carlos Calvelo (56.100 euros); Narón, Marian Ferreiro (55.155 euros); Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán (54.127 euros); Lalín, José Crespo (53.521 euros); Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo (50.694 euros); Betanzos, María Barral (50.370 euros); O Grove, José Cacabelos (50.095 euros).

Aquí tamén aparece o municipio de Ames, onde estaba en 2020 como rexedor José Miñones (54.060 euros), antes de pasar a ser delegado do Goberno en 2021, substituído no bastón de mando municipal por Blas García.

Mentres, os salarios dos presidentes das deputacións galegas son os seguintes: Pontevedra, Carmela Silva (77.696 euros); A Coruña, Valentín González Formoso (72.954 euros); Ourense, José Manuel Baltar (72.325 euros); e Lugo, José Tomé (68.914 euros), quen tamén percibe 7.700 euros polo seu posto de alcalde, segundo datos de Hacienda.

UNHA DUCIA SEN SOLDO. Ademais, hai unha ducia de alcaldes en Galicia de pequenos concellos que non perciben soldo polo seu cargo municipal –todos sen dedicación exclusiva–.

En concreto, trátase dos rexedores da Capela, Pontedeume, Alfoz, Guntín, Mondariz-Balneario, O Barco, Carballeda de Avia, Maside, A Mezquita, Pontedeva, Ramirás e Xunqueira de Ambía. A eles súmase o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, que percibe cero euros polo seu cargo como alcalde, aínda que conta cun soldo de 72.954 euros como presidente da Deputación da Coruña.

A cifra de alcaldes sen dedicación exclusiva é de 69 en toda Galicia. Con todo, aquí hai diferenzas, desde a citada ducia que non cobra, pasando polos 40 euros que recibe o de Ramirás até os 27.719 euros que cobra o alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo.

Por provincias, a repartición de alcaldes sen dedicación exclusiva é: Ourense (31), A Coruña (18), Lugo (15) e Pontevedra (5).

CASE 40 NON OFRECEN DATOS. Paralelamente, a información do Ministerio de Facenda, que recolle Europa Press, indica que hai 39 municipios galegos que non facilitaron información sobre as cantidades percibidas polos membros da corporación municipal en 2020.

A listaxe de municipios que non ofrece información é o seguinte: Marín, Teo, Nigrán, Cambados, Sarria, Salvaterra de Miño, Xinzo, Oroso, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, Ribadumia, A Illa de Arousa, Fisterra, A Rúa, Friol, Rodeiro, Agolada, Frades, Sober, A Pobra de Trives, A Merca, Vilardevós, Paradela, Lobios, Riós, O Irixo, Portomarín, Vilar de Barrio, Rairiz de Veiga, Laza, Cerdido, Ourol, Petín, Manzaneda, Porqueira, Lobeira, Triacastela, Parada de Sil e Larouco.
 

Comentarios