Lores cualifica a Feira Franca como unha "referencia en toda Galicia"

O "reto" do próximo ano será incorporar ao recinto desta festa de recreación medieval os restos arqueolóxicos próximos á Ponte do Burgo 
Lores, na Feira Franca, xunto a outros membros do goberno local. RAFA FARIÑA
photo_camera Lores, na Feira Franca, xunto a outros membros do goberno local. RAFA FARIÑA

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, cualificou a Feira Franca como unha "referencia en toda Galicia". Na súa vixésima edición, o rexedor local destacou os "20 anos de éxito e consolidación" dunha festa de recreación medieval pola súa "rigorosidade histórica", a "participación impresionante" da cidadanía e porque "sempre vai a máis". 

Acompañado por varios concelleiros do Goberno local cos que presenciou, na Praza da Ferraría, o desfile que acompaña o transporte do viño nun carromato tirado por bois, Fernández Lores referiuse a esta "romaría urbana" como "algo totalmente diferente" a outras festas históricas. 

No caso de Pontevedra, o alcalde insistiu en resaltar o seu carácter "familiar" e a "participación de todo o mundo" ata o punto de converterse nun "aceno de identidade" da cidade. 

Pola súa banda, a concelleira de Festas, Carme da Silva, explicou que "un dos grandes retos" da Feira Franca é "manter o nivel" e evitar o "risco de ir dexenerando por rutina". Así, precisou que o obxectivo é "conseguir que todas as persoas se sigan esmerando máis cada ano" en aspectos como a ambientación histórica das terrazas dos locais de hostalaría.

FUTURA AMPLIACIÓN. Da Silva tamén adiantou que, coas obras de rehabilitación da Ponte do Burgo, a previsión da organización é "estendela" a outros espazos da cidade "agora que se inicia o proxecto de posta en valor dos restos arqueolóxicos medievais" na contorna da rúa Valentín García Escudeiro, os restos da antiga muralla na rúa Arcebispo Malvar e o Campiño de Santa María para "incorporar todo ese patrimonio cultural á Feira Franca o ano que vén", concluíu. 

Clasificada como Festa de Interese Turístico de Galicia, esta vixésima edición está dedicada á propia Feira Franca para conmemorar os seus 20 anos de traxectoria, recuperando espectáculos e actividades de convocatorias pasadas. No seu retorno figurado ao século XV, Pontevedra lembra o privilexio concedido á cidade polo rei Enrique IV, en 1467, autorizando a celebración dun mercado libre de impostos. 

Así, distintas prazas da zona monumental de Pontevedra acollen durante o primeiro venres e o sábado de setembro preto de 70 postos de venda con produtos de todo tipo: de artesanía na avenida de Santa María e de alimentación na Alameda, a rúa Pasantería, a avenida de Montero Ríos e as prazas de Curros Enríquez e de España.

NOVIDADE. Tamén destaca a afluencia de público na mostra de oficios tradicionais –cerámica, cestaría, caligrafía, forxa e tornería, entre outros– situada na Praza da Ferraría e, por primeira vez, como novidade, labores relacionados co sector marítimo, como reparación de redes e elaboración de nós mariñeiros. 

Precisamente, o tramo do río Lérez entre a Ponte das Correntes e a Ponte do Burgo acolle o encontro dunha vintena de embarcacións tradicionais, a cargo da Federación Culturmal de promoción da cultura marítimo-fluvial de Galicia. 

Outras actividades deportivas desenvólvense na Avenida de Montero Ríos: esgrima, tiro con arco, danza e cetraría, entre outras, que culminan coa celebración dun torneo medieval aberto ao público na praza de touros. 

Neste ambiente lúdico, con pasarrúas de música medieval e actividades de animación, a Feira Franca convértese nun gran comedor urbano, con 400 mesas instaladas para celebrar comidas e ceas durante a xornada do sábado, entre peticións de grupos de persoas a nivel particular e as que corresponden aos locais de hostalaría. 

Ante a previsión de altas temperaturas, a concelleira Carme da Silva recomendou aos visitantes "hidratarse" para previr os efectos da calor. Neste sentido, a empresa Viaqua instalou para a ocasión 15 fontes de pedra cun deseño especial para a Feira Franca que abastecen de auga da traída pública.

SEGURIDADE. Por outra banda, ata as 3 da madrugada do domingo permanece activo un plan de seguridade que involucra aos distintos servizos de emerxencias. Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e voluntarios participan tamén na posta en marcha dun dispositivo especial de tráfico, ademais de realizar inspeccións nos postos de elaboración de comidas para que dispoñan de extintores nas proximidades das grellas. 

Paralelamente, os servizos médicos dispoñen dun posto avanzado no Teatro Principal e tres ambulancias medicalizadas.