Lores defende o cumprimento da Axenda 2030 nun foro nacional

O alcalde participou nun debate organizado pola Deputación de Barcelona cos rexedores de Santander e Pamplona e a edil de Mobilidade de Vitoria-Gasteiz
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, durante o encontro.DP

A Boa Vila segue exportando o seu modelo por todo o mundo e onte fixo o propio no congreso Ciudades y pueblos verdes y saludables, que organizou a Deputación de Barcelona. O alcalde de Pontevedra defendeu neste foro a necesidade de tomar decisións políticas encamiñadas á mellorar a calidade dos espazos urbanos e, en consecuencia, a calidade de vida das persoas e a saúde do planeta. Miguel Anxo Fernández Lores participou, xunto coa alcaldesa de Santander, Gema Igual, o alcalde de Pamplona, Enrique Maya, e a concelleira de Mobilidade de Vitoria-Gasteiz, Ana Oregui, nun planel de debate titulado Planificar el modelo urbano desde lo verde nunha cita pensada para reflexionar sobre o futuro das entidades locais. Neste contexto, Lores asegurou que «cada cidade ten que seguir o seu camiño pero a Axenda 2030 hai que cumprila». A este respecto volveu avogar pola "valentía política" á hora de tomar decisións sobre o espazo público.

O alcalde comezou a súa intervención dando a coñecer as claves das últimas dúas décadas na cidade e centrándose na redución dos tráficos innecesarios, na redución de velocidade e na mellora significativa da seguranza viaria resaltando o dato de 0 mortos por accidente nos espazos tratados, na mellora da accesibilidade universal, e na recuperación de contornas naturais como os ríos e as xunqueiras e a creación de sendas nestas contornas.

Tamén indicou o rexedor local que as persoas pasan a maior parte do tempo ao longo do día en contornas urbanas polo que "é necesario falar de medio ambiente urbano" e afrontar retos que vaian máis aló da mera creación de zonas verdes e que están nos obxectivos da Axenda 2030 como son a eficiencia do ciclo da auga e o tratamento dos residuos a través da reciclaxe e a compostaxe. Asegurou, ademais, que a aparición do covid puxo de manifesto a necesidade "de promover comportamentos e tomar decisións máis respectuosas co medio porque o planeta non é inagotable.

Comentarios