Lores defende en Elx o modelo Pontevedra

"Estou aquí para expor e compartir a nosa experiencia, se atopan inspiración en nós encantados pero cada quen ten que atopar o seu propio camiño" subliñou o rexedor pontevedrés

Lores, durante a súa visita a Elx. DP
photo_camera Lores, durante a súa visita a Elx. DP

Unha sesión de traballo con responsables do Institut d´Estudis Comarcals del Baix Vinalopó (IECBV) de toma de contacto e un longo e comentado percorrido pola cidade -no que participou tamén a concelleira de Mobilidade de Elx, Esther Díaz- ocupou a mañá do alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores en Elx. Neste tempo tamén atendeu a medios locais, interesados en coñecer o modelo Pontevedra e as razóns que fan do noso modelo urbano un referente no mundo.

Fernández Lores está en Elx convidado polo IECBV, que quere coñecer polo miúdo o modelo Pontevedra,  nun momento no que na cidade alicantina está de plena actualidade o proxecto municipal de avanzar na peonalización do centro.

O alcalde pontevedrés escoitou, tanto na reunión primeira como ao longo do percorrido, as propostas que barallan en Elx, comentou as posibilidades que percibe para recuperar o espazo público para as persoas e expuxo as solucións acadadas en Pontevedra fronte a situacións semellantes.

"Eu estou aquí para expor e compartir a nosa experiencia, se atopan inspiración en nós encantados pero cada quen ten que atopar o seu propio camiño" subliñou Lores.

A concelleira de Mobilidade de Elx, Esther Díaz, agradeceu as aportacións e o intercambio de impresión co alcalde de Pontevedra xa que "queremos cambiar o noso concello en termos de sostenibilidade". Neste eido, considera “de gran utilidade coñecer a experiencia dun municipio como Pontevedra que ten implementado medidas de calmado de tráfico, que ten pensado como deseñar e levar a realidade unha cidade para as persoas. Poder coñecer de primeira man as experiencias que teñen funcionado ben en Pontevedra e que o mellor poderíamos usar en Elx".

Comentarios