Lores defende o espazo público fronte ós coches no foro dos Champions Mayors

Pontevedra convértese nun referente para representantes políticos de 17 países, que profundizan sobre a redución de vehículos nas cidades

O rexedor pontevedrés foi un dos protagonistas da xornada - Reunión de Champions Mayors
photo_camera O rexedor pontevedrés foi un dos protagonistas da xornada - Reunión de Champions Mayors

A cidade do Lérez participou este luns na cuarta reunión de Champions Mayors da Organización para la Cooperación y el Desarrollo Económico (OCDE) para abordar o crecemento inclusivo nas cidades no ámbito social, nas políticas públicas e no aspecto tecnolóxico. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou a experiencia de Pontevedra como innovación en políticas públicas ao facer unha gran defensa do espazo público como dereito básico, tal e como resumiu a moderadora do congreso, quen asegurou que nas cidades era viable reducir o uso do vehículo privado e mellorar a mobilidade nas urbes do planeta.

Lores explicou que a contaminación é un dos principais problemas que asolan e asolarán ás cidades nos vindeiros anos, e será a causante de miles de mortes prematuras. Os vehículos contribúen singularmente á polución nas cidades, ademais de ser os responsables das mortes por atropelos nos ámbitos urbanos.

Indicou que o espazo público ten que ser ocupado polas persoas, especialmente polas máis desfavorecidas, o que suporá a restrición drástica dos vehículos, e iso suporá o incremento da cohesión social, da convivencia... en definitiva, da democracia.

O rexedor pontevedrés foi un dos protagonistas da xornada - Reunión de Champions Mayors (3)

"É posible", apuntou Fernández Lores, quen puxo a Pontevedra de exemplo onde se reduciron nun 90% os vehículos no centro da cidade e nun 57% na trama urbana; eliminouse un 67% de emisións de CO2 á atmosfera, mellorando a calidade do aire; os nenos ao colexio andando e quedan para xogar nas rúas e prazas da cidade; Pontevedra leva nove anos sen mortos por atropelos e reducíronse considerablemente os feridos graves por accidente de tráfico; e, sobre todo, destacou o orgullo dos pontevedreses por vivir nunha cidade habitable.

"Creemos que é posible", concluíu o alcalde, que recordou que a Boa Vila foi premiada en 2014 co premio do ONU Habitat por ser unha cidade habitable e no 2015 recibiu o premio do Center for Active Design da Fundación Bloomberg, en Nova Iorque.

O ENCONTRO. O Concello de Pontevedra está a participar neste encontro de alcaldes e ministros que a OCDE organiza na cidade de Atenas para abordar como facer cidades máis inclusivas, e como afrontan os grandes retos como o cambio climático, o crecemento demográfico... O alcalde e a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías –quen defendeu que esta "é a cita máis importante á que ten sido convidada a cidade dende que comezou a transformación urbana"–, estarán na capital grega ata este martes, despois de que o luns a axenda comezase cunha entrevista para a canle televisiva da OCDE.

O rexedor pontevedrés foi un dos protagonistas da xornada - Reunión de Champions Mayors (2)

Lores foi preguntado pola achega que Pontevedra pode facer ao cambio de paradigma nas cidades, ao que contestou que é o momento de actuar, de que os gobernantes das cidades asuman as súas competencias e comecen a preocuparse pola calidade de vida de todos os seus veciños.

PLENARIO. A xornada continuou co plenario da cuarta reunión dos Champion Mayors polo crecemento inclusivo logo de que o alcalde de Atenas e o secretario xeral da OCDE, Ángel Gurría, deran a benvida aos representantes de Bolonia, Braga, Budapest, Glasgow, Liubliana, Reikiavik, Rotterdam, Sevilla, Sinta, Umea (Suecia), Mérida (México), Quillota e Renca (Chile), Santa Mónica (USA), Thetford Mines (Canadá), Fukuoka e Toyama (Xapón), Distrito Leste de Singapur, Chauen (Marrocos).

Ademais da presentación da enquisa OCDE/Bloomberg Philanthropies 2018 sobre a capacidade de innovación das cidades, desenvolvéronse tres encontros sobre a innovación nas cidades nos que Pontevedra tivo oportunidade de participar. O programa para este martes centrarase no intercambio de ideas e propostas de cambio.

Co anfitrión. Os atrancos de Kaminis para imitar o modelo pontevedrés
Aínda que estaba concertado un encontro co alcalde de Atenas, Georgios Kaminis, por motivos de axenda tivo que suspenderse, pero igualmente o rexedor grego quixo achegarse ao alcalde de Pontevedra e mantivo un aparte con el para falar das súas cidades. Georgios Kaminis coñecía que Pontevedra era unha cidade na que manda o peón e trasladoulle as dificultades que ten a administración local en Grecia para executar un modelo como o da cidade do Lérez debido á dificultade de deixar claras as competencias entre as distintas administracións.

Fernández Lores animouno a loitar por mellorar a vida para os seus veciños e convidouno a visitar Pontevedra cando tivese oportunidade.

A xornada para a delegación pontevedresa rematou cunha cea oficial ofrecida polo embaixador de España en Atenas, o sevillano Enrique Viguera Rubio, que aproveito o encontro para agradecerlles ós seus invitados a súa presenza na cidade grega.

Comentarios