Lores di que a súa relación con Rajoy é "inexistente" e acúsao de estar "noutra galaxia" 

O alcalde de Pontevedra aspira ao seu sexto mandato e amósase rotundo no seu rexeitamento á limitación de mandatos 

Fernández Lores. GONZALO GARCÍA
photo_camera Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores, arremeteu contra o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, co que asegura ter unha relación "inexistente" porque entende que está "noutra galaxia" e ignora aos pontevedreses e ao seu goberno local. 

Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, Lores mostrouse tallante ao afirmar que Rajoy "se estivese calado, sería mellor" e contrapuxo a ausencia de trato con el á "relación normal" que mantén, en cambio, coa exministra e presidenta do Congreso, Ana Pastor. 

"Cando aquí só vén de vacacións, ou só aumenta a concesión de Ence, ou cando se lle convida a visitar o seu concello e di que xa veremos. Teño unha relación normal con Ana Pastor, pero con este señor é imposible, debe estar noutro mundo, ou noutra galaxia, como é que o presidente dun país non chame ao alcalde da súa cidade", remarcou. 

Eu creo que hai un argumento futbolístico que é o que máis se entende, se funciona un administrador ou un adestrador, imos cambiar mentres se gañan ligas ou Champions e as cousas funcionan?

En cambio, confronta esta situación coa relación non só con Ana Pastor senón tamén co seu marido, José Benito Suárez, presidente da Autoridade Portuaria de Marín e un dos nomes que soa como posible candidato do PP á cidade de Pontevedra. 

Unha posible candidatura que a Lores "lle parece estupenda", por ser "unha persona afable coa que se pode falar", aínda que desliza que non lle ve "moito ánimo de enfrontamento electoral", pero "alá el". 

En caso de presentarse, terá como rival a Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra polo BNG desde o ano 1999, que aspirará a un sexto mandato e amósase rotundo no seu rexeitamento á limitación de mandatos, "convencido" de que tanto el como o seu equipo teñen aínda moito que achegar e que "son necesarios, non imprescindibles, pero si necesarios". 

"Eu creo que hai un argumento futbolístico que é o que máis se entende, se funciona un administrador ou un adestrador, imos cambiar mentres se gañan ligas ou Champions e as cousas funcionan?", argumenta, para engadir a continuación que na defensa da limitación de mandatos o que existe, "no fondo", é unha "mala conciencia de certa xente" que cre que "o poder corrompe". 

E puntualiza: "Eu creo que o que se quere corromper corrómpese en tres ou seis meses, e non fai falta estar dez ou 20 anos para corromperse", "é un erro a limitación de mandatos". 

Lores defende así a súa candidatura a un sexto mandato alegando ademais que aínda ten moito que achegar a Pontevedra. "Teño ese compromiso de seguir mentres vexa que se poidan facer cousas interesantes e que se poida avanzar, mentres lle sigamos subindo a paletilla á xente, eu seguirei achegando o que poida, cando perciba que a xente que me rodea dígame que é mellor que che vaias de viaxe por aí para traer información do que se fai, espero saber marcharme a tempo", admite. 

Desde o inicio da súa etapa como alcalde á fronte do concello de Pontevedra Lores non contou con maiorías absolutas, liderando entre 1999 e 2015 gobernos de coalición e un con minoría desde as últimas municipais, pero se amosa favorable a "dialogar" e a unha situación de minoría que obriga a "repensar as cousas".

O problema é que alguén non está a foder, está a fodernos o sistema, o capitalismo, a concentración de capital que multiplica beneficios sen preocuparse da xente

O BLOQUE, NA "LIÑA CORRECTA" CON ANA PONTÓN. O triunfo nos case últimos 20 anos do BNG en Pontevedra non se trasladou, con todo, a outros puntos da xeografía galega, aínda que Lores cre que "todo se andará", coa formación na actualidade avanzando "na liña correcta" e facendo as cousas "ben". 

"Síntome moi ben representado por Ana Pontón como portavoz nacional", engade con rotundidade. 

Lores enlaza o discurso de defensa da política do BNG co impulso nos últimos anos de Pontevedra, e a necesidade dunha maior "confianza" nas posibilidades de Galicia.  "Canto máis viaxo, máis orgulloso estou disto, pero se a xente que goberna non ten confianza e o de fóra é mellor, isto non sae adiante", asegura, para engadir que, a "sétima cidade de Galicia, triste" que era Pontevedra ao comezo dos seus mandatos como alcalde, transformouse en "referente do Estado e referente mundial". "E fixémolo os pontevedreses", agrega. 

"Iso de que o nacionalismo é excluínte, dáme a risa, porque a metade da xente que vive en Cataluña é de fóra", prosegue. 

Nesta liña de defensa de teses soberanistas, critica que Madrid teña o "17% da poboación e o 40% dos ingresos do Estado", e insiste en que o actual sistema prexudica a Galicia.  "Eu creo que hai que ter capacidade de decisión sobre aspectos importantes para que a xente poida vivir dignamente neste país, non é todo UE, temos mercados en África, América Latina, estamos apapanatados, encolleitos, o problema de fondo é que non temos confianza en nós mesmos, necesitamos levar por diante o orgullo de ser galegos". 

E conclúe, arremetendo contra o sistema actual: "O problema é que alguén non está a foder, está a fodernos o sistema, o capitalismo, a concentración de capital que multiplica beneficios sen preocuparse da xente". 

Comentarios