Lores: "Pontevedra sairá mellor da pandemia porque tiñamos os deberes feitos"

Pontevedra enfronta 2021 co maior orzamento da súa historia e a vocación de incentivar a economía local. Lores sinala que o centro deportivo da Parda ou Santa Clara serán algúns dos proxectos estrela
Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Lores. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

REMATA 2020, un ano moi complicado pola pandemia de covid-19. A nivel municipal tamén mudou as prioridades e obrigou a repensar moitas cousas. Que balance fai?
Máis que cambiar prioridades o que fixo foi acelerar certas cuestións. Por exemplo, nun tema como a dixitalización. Estabamos co tema da administración electrónica e isto acelerouno todo. Fixemos operativa unha plataforma para que puideran traballar 200 persoas desde a casa. Estou moi satisfeito do traballo de todo o persoal, que se adaptou rapidamente. Nos primeiros meses despachamos nove millóns de euros de pago a proveedores porque entendiamos que había que inxectar cartos na economía. Tamén se aceleraron inversións para adaptar as dependencias municipais para que estivesen en condicións de seguridade. No caso do espazo da cidade, sen embargo, non tivemos que facer moitas cousas, nese sentido levamos traballando décadas. Pontevedra foi un referente durante toda a pandemia. Non foi casualidade que se celebrase aquí a conferencia de alcaldes do Eixo Atlántico sobre a era post-covid porque Pontevedra xa é un referente urbano e de loita contra o cambio climático, de seguridade vial e de dinamización económica mellorando a calidade urbana. Houbo concellos que estiveron peonalizando rúas a mata cabalo porque cando se saíu do confinamento non tiñan espazo onde estar. En Pontevedra non foi difícil facer a desescalada.

Cal foi o momento máis complicado ou no que viu que isto ía en serio e había que tomar medidas?
Fíxose un traballo exquisito que quero agradecer. Por unha banda, a toda a cidadanía porque a inmensísima maioría respectou as normas e iso facilita as cousas. E por outra parte a toda a maquinaria municipal. Levamos seis millóns de euros gastados especificamente en cuestións que teñen que ver coa covid-19 e que é un esforzo tremendo. Non creo que haxa outro concello que fixera outro esforzo semellante e logo se atendeu pola vía de emerxencia ás familias máis necesitadas. Sacáronse as liñas de axuda Supera 20 e Supera 21 para atender as actividades económicas máis afectadas... É un feito que pode levar a certa discusión, pero nós cremos que é a forma de equidistribuír o orzamento municipal para que chegue a quen máis o necesita. Estamos a piques de pagar as primeiras axudas de Supera 20, cunha media de máis de 3.000 euros. En contra de todo o que se di, negociando con todo o mundo cal é a liña que precisan. O que sexa para garantir a viabilidade das actividades económicas de cara o futuro.

"Pontevedra é a cidade galega con maior renda familiar e a máis nova de Galicia"

Non é iso o que din os hosteleiros que os acusan de non ter sensibilidade cun sector moi castigado pola pandemia.
Hai xente que considera que non son axudas directas. O Concello está saneado porque levamos anos facendo unha política equilibrada. Levamos seis anos sen tocar as taxas e impostos municipais pero é obvio que se non temos eses ingresos non podemos facer inversións. Os cartos non saen de debaixo das pedras. Se destinamos cinco ou seis millóns a este tema é unha porcentaxe altísima. Nós non temos o orzamento da Xunta e si que estamos facendo cousas que son deles claramente. E logo hai que garantir que o Concello teña orzamentos suficientes. Se ben se garanten os ingresos no 2021, no 2022 xa veremos. Temos que prever que imos ter máis gastos e menos ingresos.

"Non creo que haxa outro concello que fixera outro esforzo inversor durante a pandemia semellante ao noso"

2021 é o ano da reconstrución?
Primeiro temos que seguir baixando a incidencia da covid. Unha vez que a vacina está aí, en seis meses temos que poder ter vacinada a unha gran porcentaxe da poboación. Unha vez feito isto hai que reactivar a economía, apostar por proxectos multiplicadores, polo consumo de proximidade. A economía ten que partir do local, do próximo e de desenvolver con sentidiño as nosas posibilidades.

Que actuacións concretas vai facer o Concello para reactivar a economía na cidade?
Imos facer o máximo investimento posible dentro da economía local. Intentamos sacar proxectos para adiante que van supoñer unha inversión que se aproxime ou supere os cen millóns de euros. Uns xa están en marcha, como os proxectos de abastecemento e saneamento rural, que suman 68 millóns de euros, pero tamén contaremos con fondos propios, cos proxectos coa Deputación, o que nos queda de Edusis e os fondos europeos que poidan vir. Imos presentar proxectos que xeren máis de 2.000 postos de traballo na cidade. Están 13 ou 14 empresas da comarca traballando no abastecemento rural e no saneamento rural. E logo obviamente nós temos unhas potencialidades bestiais sempre e cando a pandemia remate.

Refírese a nivel turístico?
A todos os niveis. Pontevedra é unha cidade dinámica que está aumentando en poboación. É a cidade máis nova de Galicia e ten máis capacidade rexeneradora. Nos dous últimos anos pasamos a ser a primeira cidade galega en renda familiar. Sempre estaban por diante A Coruña e Santiago pero cos datos do IGE na man agora somos nós. Tamén baixaron as risgas... Queremos cubrir o 100% das necesidades da xente que máis o necesita. Incrementamos todas as partidas de convenios con ONG e queremos facer unha inxección importante e sacar todos os cartos de remanentes.

"Hai que apostar polo consumo de proximidade e por proxectos multiplicadores"

Co maior orzamento da historia do Concello, cales serán os proxectos estrela do 2021?
Rematar o tema de abastecemento e saneamento, que imos cubrir o 100%. Temos 300 núcleos de poboación e iso dificulta dar servizo e encaréceo. E logo hai outras cuestións que teñen que ver coa rexeneración ambiental de barrios e rúas. Imos ter un orzamento de 80 millóns que é o máis alto que nunca, logo en abril teremos unha modificación para proxectos pendentes importantes: estamos coa compra de Santa Clara, a reforma de Barcelos, actuacións no Burgo, en Lérez, na Santiña, Mollabao... Imprescindible de cara o futuro o proxecto do centro deportivo da Parda. Estamos falando de ordenar 33.000 metros cadrados e facer aí un equipamento deportivo que fai falta e que nos permitirá traer campionatos do mundo ou europeos de certa categoría. Temos que seguir co modelo de cidade estamos traballando moi seriamente co tema dos residuos sólidos urbanos, que vai supoñer un incremento no custo do contrato porque reciclar é coherente, necesario e ecolóxico, pero é máis caro. Implica máis persoal e unha concienciación cidadá grande. Outro tema importante é o das enerxías alternativas. Todo o que se vai facer no Concello ten que empregar enerxías alternativas desde 2021. Hai que intentar baixar a pegada de carbono.

Que ensinanzas lle deixou esta pandemia?
Esta pandemia veu a reconfirmarme en posicionamentos que tiñamos porque se está demostrando que as pandemias se producen por unha invasión do espazo natural, por unha globalización mal entendida, etc. Dáme máis razóns para seguir traballando na liña que estamos de respecto polo público. A política serve para cambiar as cousas que están mal e ten que adiantarse ó que vai vir e responder ós retos do futuro, ser vangarda. E eu con toda a humildade podo dicir que nós fomos vangarda. Podemos saír mellor desta pandemia porque tiñamos feitos os deberes. Por outra banda, apéname moito porque moita xente quedou no camiño.É certo que somos a área sanitaria que ten menor mortalidade pola covid, pero falamos de 78 persoas que son 78 familias. A importancia do público, da solidariedade, dos comportamentos éticos... son as leccións que quito. Sabemos que a poboación responde cando é preciso e a min iso dame moita confianza no futuro.

"Non é certo que este Goberno non escoite, pero as decisións tomámolas nós"

Unha das polémicas do ano foi o peche de Raíña Vitoria de xeito permanente para facilitar as entradas e saídas do alumnado do Sánchez Cantón.
Iso foi unha decisión que a xente non entendeu. Dicimos que é permanente porque non a abrimos de noite e a pechamos de día, nin a abrimos en vacacións... Outra cousa é que nós nesa zona de Raíña Vitoria, Praza de Galicia, Alameda, Echegaray, San Roque... pensemos que hai un tráfico excesivo. Xa estabamos facendo un estudo global desa zona, pero que se adiantou pola pandemia. Paréceme que seguen pasando demasiados coches pola Alameda e empregando de saída a ponte da Barca, non ten sentido.

Detrás desa decisión atópase a intención de deixar a Ponte da Barca cun único sentido?
O tema da ponte da Barca non é noso. Poio estaría de acordo se lle fixesen un acceso á Caeira por abaixo. Nós o que temos detectado é unha excesiva cantidade de tráfico de paso que non é normal. Un 30% do tráfico que no 98 entraba na cidade estaba de paso. Outro 30 ou 40% era o que está buscando aparcadoiro. Cando quitamos o aparcamento de superficie en Barcelos baixou a densidade de coches de 8.000 a 4.000. O obxectivo é eliminar o tráfico de paso. Agora coa pandemia pensamos que era preciso adoptar esta medida para que entren e saian 900 alumnos do instituto. Mentres dure a pandemia quedará así, logo xa veremos. Estamos vendo como facemos iso para evitar o tráfico innecesario. Os que protestan por iso son os mesmos de sempre. Xa nos pasou no Pleno. A algún xa lle dixen que xa estaba en contra de que se pechase Michelena hai dezaséis anos e segue co mesmo discurso.

A oposición acúsalles de non escoitar á veciñanza. Preocúpalle que cale ese discurso que anos atrás lles puido pasar factura?
Non é verdade que non escoitemos. Tivemos reunións con todas as plataformas. Nós escoitamos á xente, pero unha cousa é escoitar e outra moi distinta é que as decisións políticas témolas que tomar nós. Nós imos facer o que queira a maioría dos veciños. Outra cousa é a xente que di que non escoitas porque o que quere é que faga o que eles piden.

Sairá adiante o transporte a demanda?
Eu teño moita ilusión planteada con este tema, porque é máis racional creo que vamos resolver problemas sen ter gastos excesivos. Estamos traballando niso e houbo certas variacións normativas que nos permiten ver unha luz para empregar os taxis para o transporte público. Hai que sacalo adiante con furgonetas máis pequenas. Un exemplo, temos o centro de saúde de Lérez que atende todo o norte da cidade: Campañó, Alba, Cerponzóns... e de Campañó a Lérez hai unhas conexións malísimas. Ti podes programar un pequeno transporte que vai o centro de saúde e volve, pero non é un autobús. Non hai masa crítica para un autobús pero si para vehículos máis pequenos. O outro non é asumible social e ecoloxicamente.

Miguel Anxo Fernández Lores. DAVID FREIRE

O BNG está en condicións de dar o salto á Xunta, cos pés na terra"

Logo de acadar representación no Congreso dos deputados, o BNG arrincou unha serie de compromisos ó PSOE que pasaban pola reducción da peaxe da AP-9. Sen embargo, veñen de votar en contra dos orzamentos do Estado. Como o explica?
Estamos aquí para defender os intereses de Galicia. Valoramos positivamente o esforzo que se fixo acadando ese compromiso que aínda está sen executar, pero o que non pode ser é que aconteza igual que co orzamento da Xunta. Se ti colles todas as partidas do ano pasado, verás todo o que quedou sen executar da Xunta, por exemplo, Montecelo. Era imposible votar a favor destes orzamentos estatais sen un sinal de compromiso con Galicia. Por exemplo, podían ter incluído o corredor atlántico. Nós defendemos o AVE, obviamente, pero pensamos que era moito máis importante contar no eixo atlántico cun transporte público viable vertebrador do país. Cando o orzamento é o máis investidor dos últimos anos, cando en Cataluña subiu un 60% e a nós nolo baixan un 11 por cento... Non podemos votar a favor, por coherencia. Ten razón o PP dicindo que son discriminatorios respecto dos deles, pero cando lles propuxemos incluir aí a recuperación da ría, o Museo... entón iso xa non lles interesou. Ao PP no lle interesa Pontevedra.

"Votamos non aos orzamentos do estado por coherencia. É o orzamento máis investidor e a Galicia báixalle un 11%"

2020 tamén quedará como o ano no que o BNG se converteu na segunda forza política no Parlamento Galego con Ana Pontón ó fronte. Recuperan posicións. Como ve agora o partido?
O BNG xa estivo neste punto pero non coas cousas tan claras como as temos agora. Non fixemos as cousas ben, crimos que eramos unha forza homologable porque eramos unha forza xa alternativa ó PP e estrellámonos. Nós cremos que é preciso o nacionalismo, ter confianza no país, apostar pola nosa capacidade de desenvolvemento económico e a soberanía financeira e de decisións políticas e económicas. Somos unha forza política necesaria e creo que estamos en condicións de dar o salto á Xunta, cos pés na terra, para ser a alternativa do PP. Se o PP ten os resultados que ten aquí é porque tamén ten unha certa concepción territorial. De feito, utiliza sempre o galeguismo nas súas campañas, desde aquelo de ‘Galego coma ti’ a ‘Galicia, Galicia, Galicia’. Está xogando cos sentimentos que son susceptibles dunha forza política de país e nacionalista como a nosa. Creo que estamos en condicións de dar ese paso, e é necesario facelo. Consideramos que somos un país rico, empobrecido Lores xunto á árbore de Nadal, na Ferrería. david freire por decisións políticas. Ana ten a capacidade de transmitir todo iso de forma excepcional. E xera confianza. Creamos confianza no país, que é un pouco o que fixemos en Pontevedra. A Pontevedra puxémola entre todos no mapa. Ademais, nós non enganamos a ninguén. Por exemplo, sempre dixemos que estamos en contra de Ence. Cremos firmemente no que facemos e nas posibilidades desta cidade. Iso é posible trasladalo a Galicia. O que fixemos nestas eleccións foi ser a alternativa ó PP e iso leva consigo opoñerse ós orzamentos do Estado, se non nos opoñemos non somos coherentes. Estariamos despistando ós cidadáns. Queremos acabar coa idea de que Galicia soa non pode. Si que pode.

"Cada vez son máis partidario de ir partido a partido, pero iso si, con plantexamentos de futuro"

Logo de 21 anos na Alcaldía, canto tempo seguirá Lores na primeira liña da política?
Eu son unha persoa moi activa. Vas adquirindo experiencia e capacidade de ler o partido que te fan estar máis seguro e ser máis feliz tamén. Atópome moi ben. Estou encantado na casa coa familia, teño tres netas e a cuarta en camiño, pero tamén me atopo moi a gusto neste Concello co equipo que teño e véxome con capacidade para seguir traballando por Pontevedra. As persoas que entendemos a política como unha forma de entender a vida, iso non o cambias nunca. Outra cousa é o grao de dedicación que queiras darlle. Pero mira, cada vez son máis partidario de ir partido a partido pero, iso si, con plantexamentos de futuro.

"Os PXOM están obsoletos, Pontevedra non ten problemas para medrar nin para construír"

O Colexio de Arquitectos volveu reclamar que se saque do caixón o PXOM, que todo o que se fai sen el non deixa de ser "decoración urbana". É o momento de retomalo?
Non se enteran. Debe de haber trece, catorce ou quince equipos de arquitectos que están a traballar co Concello. O director xeral de Urbanismo foi a Madrid e a propia ministra lle dixo que o planeamento de facer novos PXOM está obsoleto. Fixéronme esa mesma pregunta na Cumbre do Clima en Madrid. En Vigo está suspendido. O Grove, Ponte Caldelas téñeno nun caixón. Sempre se alongan dez anos e provocan discusións e polémicas con todo o mundo. Cando foi o de Beiramar, con Rivas de alcalde, tiñamos decidido un máximo de alturas que permitía ver Santa María, e de súpeto unha xogada de última hora permitiu máis altura e quedou así. As unidades de actuacións é o que se leva agora.

Di o de Beiramar pero agora nos terreos de Tafisa véñense de construír tamén edificios altos.
Non é o mesmo. Nós entendemos que mellor era recuperar espazos libres e deixar espazo para a universidade. Nesta promoción hai moita menos edificabilidade da que había en Beiramar. A única forma de conseguir que me cedan terreos é que haxa cargas e beneficios, que ti constrúas en altura e me deixes espazo para solo publico. Nós somos máis partidarios de facer un plan sectorial como o de Montecelo, igual que fixemos tamén en Campolongo. Daquela pagaron seis millóns de euros e iso repercute nas arcas municipais, igual que os que saíron de Tafisa, onde se invistiron seis alturas nun terreo de 100.000 metros pero deixaron 90.000 libres para espazos públicos. Pontevedra non ten ese problema para construír.

"Feijóo parece razonable, pero ás veces lévaste decepcións"

Coida que 2021 será por fin o ano no que arrinque Gran Montecelo de verdade?
Si, eu creo que si. Outra cousa é o que vai pasar co Provincial, que usos se van definir. Arredor de Montecelo a Xunta xa fixo as cousas mal. Todas as empresas que se presentaron ó concurso lles daba que o presuposto non chegaba e hai un problema que non expropiaron o vial para facer a obra desde fóra. Falamos coa Xunta e pedimos que o expropiaran xa. Logo tamén nos aceptaron dentro do proxecto sectorial que todo o ámbito que estea dentro do vial exterior o deixen como solo rústico compatible para equipamento, o que permitirá poñer un aparcadoiro de superficie. Iso facilita un prezo razonable. Polo de agora o que pasa é que non se puxeron cartos. Só pagamos nós. Igual acontece na estación intermodal, mentres que nós xa pagamos todo a Xunta non pagou nada. Eles poñen catro millóns para o ano que vén, nós pagamos millón e medio.

Segue sendo boa a súa relación co presidente da Xunta ou chocan máis?
Cando falas con el parece razonable, pero logo lévaste decepcións. Ás veces parece que entende e outras non. Os malos entendidos con Ethel Vázquez no tema do saneamento da ría, por exemplo, ou da Variante de Alba foinos solucionando el. Logo temos diferezas ideolóxicas a punta pala como para que cada un estea coas súas cousas, eu sempre lle digo que non se meta co idioma. E cando non coincidimos sempre lle lembro que eu teño a obriga de defender os intereses de Pontevedra e entendémonos ben.

Pode dicir o mesmo co seu socio de Goberno? Aí atrás víronse algunhas diferenzas, no tema da supresión das taxas ós hostaleiros por exemplo, que Tino Lores saíu rectificando despois.
En xeral a relación co PSOE é unha boa relación institucional a nivel da Deputación, sempre o foi, por exemplo. A relación co noso socio de Goberno é positiva e incluso foi positiva noutros tempos, malia o que poida parecer. A nivel municipal nunca tivemos maioría absoluta como BNG e se sacamos adiante cousas foi porque eles apoiaron os nosos orzamentos e nos permitiron ir facendo as cousas. Non podo falar mal en ningún caso. Non ten que ver co PSOE que me chamaba traidor hai cinco anos.

Comentarios