Lores rexeita para Galicia a "vacua consigna do independentismo importada de Cataluña"

O rexidor pontevedrés defende a "elección estratéxica" de Pontón como portavoz nacional do BNG, fronte ao "tacticismo" e cre que Feijóo non se foi para Madrid porque "se ía levar unha castaña como un templo"

 

 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o Fórum Europa en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, durante o Fórum Europa en Vigo. SALVADOR SAS (EFE)

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu este xoves un modelo político no que "se adopten as solucións que Galicia necesita e non as que estean de moda", e rexeitou, entre outras posicións, a "vacua consigna do independentismo importada de Cataluña". 

Así o proclamou o rexedor pontevedrés durante a súa intervención nun almorzo coloquio organizado por Forum Europa en Vigo, no que foi presentado polo avogado Nemesio Barxa, e ao que asistiron, entre outros, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; varios alcaldes e concelleiros nacionalistas da provincia; empresarios; e representantes de colectivos. 

O rexidor pontevedrés apostou por un modelo para Galicia no que as políticas "se axusten ás necesidades previsibles", fronte a actuacións "sobredimensionadas" que supoñen "malgastar recursos públicos". A ese respecto, sinalou que hai "suficiente intelixencia colectiva" en Galicia para tomar decisións adecuadas, "pero isto require aprender de todo o mundo", e non aplicar o "mimetismo" ou "solucións importadas". 

Lores aposta por políticas que se axusten ás necesidades previsibles

Nese aspecto, Fernández Lores renegou do "europeismo acrítico", da "totémica remunicipalización" cuxa viabilidade legal "ninguén demostrou", ou da "vacua consigna do independentismo importada de Cataluña". "Se nos dedicamos a copiar solucións de forma acrítica, demostraremos que non temos fe na capacidade de Galicia", sentenciou.

FUTURO DO BNG. Paralelamente ao futuro de Galicia, o alcalde de Pontevedra referiuse ao futuro do BNG, unha formación que, nos últimos tempos, "deu un cambio radical" para "centrar a súa mensaxe, e preocuparse de si mesma e non doutros". "Está a recobrar o pulso e creo que non hai alternativa ao BNG", proclamou.

FEIJÓO. O alcalde pontevedrés afirmou que o presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, decidiu non competir pola presidencia nacional do seu partido e quedar en Galicia porque "se ía levar unha castaña como un templo"

Segundo apuntou o rexedor pontevedrés, o presidente galego "dixo que quedaba para cumprir os seus compromisos con Galicia", algo que cuestionou posto que os populares '"ocupan o poder, pero formulación de futuro para Galicia non teñen ningún". 

"Ence é unha auténtica remora para Pontevedra"

Lores tamén se referiu a Ence, á que considera "unha auténtica rémora" para a cidade, na que, dixo, quere que se implanten empresas e actividade industrial, pero non "que veñan roubar" ou a "facer negocio á conta de contaminar".

Expuxo que existen "espazos desérticos a punta pa" onde Ence podería levar a súa fábrica de Pontevedra e denunciou que a Xunta lle "condone" o canon da auga que debería pagar, segundo os seus cálculos, entre 5 e 6 millóns de euros anuais, polo que deduciu: "así tamén son empresario eu".

Comentarios