sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

"PONTEVEDRA HAI 16 ANOS ERA UNHA CIDADE ANODINA"

Lores: "Será difícil reeditar o pacto co PSOE"

Lores durante a entrevista
Lores durante a entrevista
O alcalde de Pontevedra afronta o mandato coa tranquilidade de ser a lista máis votada e con bastante distancia respecto á segunda, o que lle permite liberarse da obriga de pactar con outras forzas

Fernández Lores é, seguramente, o político que máis xesticula de Pontevedra. Para falar quita as gafas, aparca a batería de cigarros electrónicos e arremanga a camisa.

Levou moitas sopresas o domingo?

Non. Nin sequera a nivel xeral. Quizais me pareceu excesivo que non obtiveramos representación en Vigo e Ourense. Vino persoalmente inxusto. Independentemente de que se puideran cometer erros, pero non é normal. E logo, a maioría absolutísima do PSOE en Vigo pareceume dificilmente entendible.

E en Pontevedra?

En Pontevedra está todo dentro da normalidade. O máis destacable, quizais, foi o descenso marcadísimo do PP, e a abstención, que tamén foi de xente do PP.

O portavoz do PP dixo esta semana que vostede se xubilará sen maioría absoluta.

Iso son chorradas porque eu non teño decidido absolutamente nada. Eu estou pensando no salto cara adiante que podemos dar este mandato.

A onde se van eses votos de Lores nas xerais e nas autonómicas? Ou de onde veñen?

Esa discusión remátase da seguinte maneira: nós, nunhas municipais, temos a credibilidade e a xestión suficientes como para que xente que non é do BNG nos vote. E chegadas as outras eleccións vota segundo o que ideoloxicamente considera. Pero non é negativo. O que imos tentar é gañar ese votos nas xerais e nas autonómicas. Para os pontevedreses tan importante é que o BNG goberne no Concello como que teña unha representación ampla na Xunta e en Madrid, porque é unha garantía de facer as cousas con criterio. Pero iso aínda non o conseguimos.

A vostede gústalle esa etiqueta de que aquí goberna o Lores Nacionalista Galego.

Non me gusta o de Lores Nacionalista Galego. Teño un equipo de xente impresionante e son un home de traballo colectivo

Non. Non me gusta iso. Primeiro porque non é verdade en absoluto. Eu son un home de traballo colectivo e son consciente de que teño un equipo de xente impresionante. O noso traballo non sería posible con Lores só. Ademais, vivimos nunha cidade moi aberta, participativa, culta e que entende certas cousas. O noso modelo non sería posible se unha maioría non asumira o que estamos desenvolvendo. Se non, teriamos follóns por tódolos lados. Hai unha certa oposición, cachondeo, Lombópolis e esas cousas... Chorradas que parten de opcións partidarias pero que a cidadanía non asume. Igual que non asume que a culpa do paro a teña o alcalde. Porque iso de que somos a cidade con máis paro é mentira.

A EPA dío.

Nin a EPA o di. Houbo unha EPA que nos deu iso e outra, que non me creo tampouco, que nos dixo que crearamos emprego. Baixamos do 28% ó 24%, e eu non sei onde se creou tanto emprego da noite para a mañá. É mentira.

Pero os datos da Xunta tampouco son bos.

Xa, pero recoñezamos primeiro que os datos da EPA non son bos. No Consello Económico e Social pedímoslle á Universidade de Vigo que fixera un estudo sobre o tema. Utilizaban a poboación potencialmente activa e o paro rexistrado, que son datos inapelables. Dábanos un 14% de paro. A Vigo un 14%, un 16 a Ferrol, un 14 a Ourense e Lugo, un 12 ou 13 á Coruña e un 12% a Santiago, que sempre é a que menos ten. O diario Expansión fixo un estudo en todos os concellos do Estado utilizando tamén a poboación potencialmente activa, o paro rexistrado e, ademais, a afiliación á Seguridade Social. Dábanos o 17%. Vigo, un 20%; Ferrol, 28; Ourense, 19; Lugo, 17; A Coruña, 14 ou 15, e Santiago 12 ou 13. Así que non é verdade que sexamos a cidade con máis paro de Galicia.

En Pontevedra, a diferenza de outras cidades de Galicia excepto Vigo, o efecto da Marea quedou minimizado. Como se pode captar o voto indignado despois de estar 16 anos no poder?

Eu non cambiei de posicionamento político desde que estou nisto. Agora dise que somos antisistema. Antes non se utilizaba ese termo pero xa o eramos. Aquí a xente non se acorda pero nós fomos ó Parlamento, non votamos a Constitución e botáronnos de alí. Nós fixemos campaña contra o Mercado Común. Eu predicaba esas cousas e mirábanme ‘rarito’: non era moderno. Porque a modernidade vén de Europa toda. Nós o que estamos demostrando é que a xente de Europa está mirando para aquí. Desenvolvemos un modelo urbano que provoca envexa. Estamos elevando a autoestima dos pontevedreses e dos galegos. E sobre as Mareas... por quen están formadas? Xente que marchou do BNG porque eramos excesivamente nacionalistas e ortodoxos, e por xente de Esquerda Unida que vén do Eurocomunismo e de pactar a Transición e todo. Eses señores son antisistema? E logo a nivel de Estado din que non son nin de esquerdas nin de dereitas. Din que son da base. Si, home, e da hipotenusa. PP e PSOE tiñan o 80% dos votos e da noite á mañá xorden forzas efervescentes. Pero de onde sae toda esta xente? É que eu non creo nestes cambios radicais. Que pasa? Que agora todo o mundo se fixo de esquerdas e antisistema? É que eu non o podo entender.

Eles meten a PP, PSOE e BNG no mesmo saco e falan da vella política e da nova política.

A vella política eu entendía que eran PSOE e PP, que conflúen en moitas cousas.

Os das Mareas a nivel do estado din que non son de esquerdas nin de dereitas, que son da base. Si, home, e da hipotenusa

Hai moita xente que si ve ó BNG na vella política. Comprobouse nas autonómicas co efecto de AGE.

Pero quen modificou a Constitución para favorecer ós bancos? O PSOE co apoio do PP. Quen privatizou cincuenta mil sectores deste país? Sería Felipe González. Barreras, Astano, Álvarez... Quen lle fixo caso a Botín cando dixo que lle estaban facendo competencia desleal as caixas? Independentemente de que aquí as caixas se trincaron soas, porque había uns delincuentes. Curiosamente a nós nunca nos deixaron entrar. E refírome a Pontevedra e a Vigo.

Veiga Lage, que foi concelleiro do BNG en Pontevedra, si estivo en Caixanova.

Veiga Lage entrou e denunciou o tema. Pero porque eu petei na mesa, na dos nosos e na dos outros e mais en tódolos lados. Claro, é que tiña que ser alguén que tivera non sei que. Había un tipo en Vigo que pasaba por ser un empresario afín ó BNG. Mire, non. Pontevedra ten a representación que ten e vai elixir Pontevedra. Pero antes nos saltaron. E estivo Froiz en representación da praza que teoricamente nos correspondía. Dixeron que poñían a Froiz. E eu repondín que me levaba moi ben con Froiz pero... E nombrárono igual. Entereime despois. Nós nunca estivemos aí.

Pode haber pacto con alguén que lle chama mentiroso e traidor?

É difícil. Con iso dígoo todo. Sobre todo porque é inxusto.

Este último ano cruzáronse algunhas liñas vermellas no que adoitan ser as diferenzas dun pacto de goberno.

Intentar enmerdarnos a nós co tema de Pasarón cando foi Chano Esperón o que firmou o proxecto reformado e nós lle fixemos caso... Antes de comezar Pasarón reformouse de cinco millóns a doce e medio, firmado por Chano Esperón. O Concello pagou o 40% deses cartos. Logo foise a non sei canto, pero diso o Concello non pagou nada. O PSOE terá que dicir que o que firmou foi o seu concelleiro.

O outro mandato en minoría, o de 1999 a 2003, foi moi fastidiado, pero nós tampouco eramos a forza máis votada

Eles din que caia quen caia.

Pero non din que foi o seu concelleiro! Están mentindo! E a partir de aí, que pregunten á Deputación, pero non me metas a min non saco dicindo que pactei con Louzán ata 17. Se houbo cazo? Non o sei. Eu intento chegar a acordos coa Deputación para facer cousas e resulta que é un pacto. Estes señores confunden o obrigados que estamos os representantes públicos de calquera administración a chegar acordos entre nós con outra cousa.

As declaracións de Agustín Fernández, de todos modos, non foron por Pasarón senón pola pranta de compostaxe.

Peor aínda. E xa falando de cachondeo podería dicir que como vou facer a incineradora do Sur e eles están en contra, pois xa non hai pacto.

Vostede xa gobernou en minoría de 1999 a 2003. Como o recorda a efectos de poder repetilo?

Foi un mandato difícil. Nós tampouco eramos a forza máis votada. Chegou un momento do mandato no que petei na mesa e díxenlles ós do PSOE que pactaran co PP. Eu recordo que veu Cáceres, que daquela era o secretario xeral da UXT e do PSOE, e díxome que como dicía iso. Pois porque era intolerable. Aquelo era moi complicado. Estaba Roberto Taboada, que ía ás manifestaciones a favor de Ence e que estaba directamente en contra da peonalización, e que votou en contra de cantas cousas puido. Foi moi fastidiado.

Quere dicir que sería máis fácil agora.

Probablemente moito máis fácil. Para empezar, porque daquela estabamos iniciando un proceso de transformación da cidade que non era visualizable exteriormente. Agora si. Agora vaille dicir á xente que non. O outro día estiven cuns comerciantes e dixéronme que cando peonalizabamos Cruz Gallástegui e Castelao.

Aínda así tería que pactar os presupostos e os soldos da Corporación.

Si, pero eu non teño inconveniente ningún.

Ciudadanos pode ser un apoio?

Eu vou manter un respecto exquisito por toda a Corporación, pero a min non me van doer prendas. Obviamente, sobre o tema de Ence non vou pactar con Ciudadanos ou co PP. Nese caso supoño que Marea e o PSOE serán consecuentes. Agora, se hai unha mellora nun barrio, eles verán. Faremos un proxecto e a algún se lle ocorrerá votar a favor.

Vai ser o último mandato?

Non teño decidido nada. Estou preocupado por este mandato. Unha das primeiras cuestións é falar con outras administracións. Paréceme moi ben que Feijóo quera unha relación de temas, xa llos mandaremos. Ó mellor aprendeu algo nestas eleccións e xa senta a falar.

Unha das grandes críticas que se lle fan a vostede é a súa falta de capacidade para chegar a acordos con outras administracións.

Ou sexa que é culpa miña. Iso é o que fai Agustín Fernández. Na campaña díxome que non tiña capacidade para negociar coa Xunta. Tena el para negociar coa Deputación ou coa Consellería de Educación dos seus temas. Como se atreve a dicir algo semellante se non falaba con ninguén? Nin cos seus. Nós imos ser o primeiro centro histórico recuperado, a primeira gran cidade co rural saneado, con abastecemento en todas as parroquias. Imos ser os primeiros en todo, e logo vai un señor e dime que non teño capacidade de diálogo. A Xunta non quixo negociar cousas. Decidiron ‘putear’ ata o final. Eu non quero ‘el oro y el moro’. Quero a variante de Alba, continuar o paseo do Gafos, mellorar o Camiño de Santiago... E ó mellor meto cartos eu tamén, pero teñen que xestionalo eles.

Lores: "Será difícil reeditar o pacto co PSOE"
Comentarios
ç