"Estou mirando o tempo todo o día. O mércores vai xerrear; na inauguración choverá un pouqiño e o venres, o sábado e o domingo fará bo", asegura Miguel Anxo Fernández Lores. A meteoroloxía é unha das principais preocupacións do alcalde de Pontevedra para as Series Mundiais de Tríatlon, o evento deportivo máis grande da historia da cidade, que terá lugar do venres ao domingo.
Como está a vivir a antesala desta competición?
Este é o culme de todo un proceso no que levamos anos traballando. Somos a capital mundial do Tríatlon. E isto foi grazas a tres cousas. A primeira delas é a referencia que nos deron Iván Raña, Gómez Noya, Pablo Dapena, Saleta Castro, Antonio Serrat e Susana Rodríguez neste deporte. Todos eles fan que sintamos o tríatlon de forma diferente porque foron e son os mellores. O segundo motivo é a capacidade organizativa que ten o Concello, dende o servizo de Deportes ata a Policía Local, que está a facer un traballo inmenso. E pódese facer, ademais, porque a cidade está volcada. O terceiro motivo de por que somos capital de tríatlon é o modelo urbano. Dicíano Gómez Noya e Dapena: correr polo centro da cidade e polo casco histórico coa xente aplaudindo é impagable. Nou hai outra cidade onde un poida ver aos deportistas no río, correndo pola rúa ou percorrendo a cidade en bici.
Que papel xogou Javier Gómez Noya na consecución das Series Mundiais de Tríatlon?
A claves deste campionato foron tres: Gómez Noya e o resto de triatletas; o modelo urbano, que facilita que poidas facer unha competición de proximidade e con participación activa da xente e a capacidade organizativa que hai.
Máis de 2.000 atletas, equipos técnicos e outros acompañantes van estar en Pontevedra e a súa comarca ao longo desta semana. Que impacto terá na economía local?
Vamos facer un estudo con toda a repercusión que está vinculada ás series mundiais. Vaino facer unha empresa que se dedica a iso. Porque hai interese da Federación Internacional de Tríatlon en que así sexa. A repercusión que ten unha competición desta envergadura tamén vende. En Pontevedra non hai unha habitación libre. Estamos a falar de moita xente, que tamén se aloxará na Armenteira, en Cambados, Sanxenxo ou Vilagarcía. En moitos sitios.

"Vamos facer un estudo con toda a repercusión vinculada a estas series mundiais"
É o Tríatlon a mellor campaña turística para a cidade?
É a mellor campaña turística que poida ter a cidade e o resto de Galicia. Porque a xente, cando vén aquí, se decata de que Pontevedra, as Rías Baixas e Galicia son moito máis do que pensaban. Por gastronomía, por paisaxe, por todo. Ademais disto, teremos unha proxección internacional grazas á retransmisión por televisión. O sábado e o domingo vaise transmitir en directo por espazo de dúas horas para máis dun cento de países en todo o mundo. Iso é impagable.
Está nervioso?
Claro que estou! Tamén estou contento porque está a ir todo ben. O único problema é o tempo para a inauguración. Fastidiaríame que o espectáculo de Pablo Méndez ou o desfile de todos os triatletas se perdera pola chuvia. Logo, todos temos ‘problemas’. Eu caso un fillo este venres. Iso implica que teño na casa familiares de Euskadi e de Barcelona. É un estrés porque non podes atendelos como quixeras. Pero, bendito estrés!
Pontevedra vai despregar un operativo sen precedentes. Canta xente está a traballar nel?
Calculamos que sobre cen persoas están a traballar, como mínimo, dende hai meses neste operativo. Tamén hai persoal de seguridade, de emerxencias, os voluntarios deportivos, o servizo de Deportes a tope... Tamén están a colaborar a Brilat e a Escola Naval, como nunca. Os restauradores e os hoteis tamén están a poñer todo da súa parte para deixar unha boa imaxe e para que a xente volva. Estase a sementar para o futuro.

" Os restauradores e os hoteis están a poñer todo da súa parte para deixar unha boa imaxe e que a xente volva"
O Tríatlon uniu a Pontevedra e Sanxenxo. Prevense colaboracións futuras para atraer eventos deste ou doutro tipo con este ou outros concellos da comarca?
Os localismos non teñen sentido cando se organizan eventos internacionais deste tipo. Nós temos capacidade de organización pero non temos capacidade de ‘habitación’. Por iso hai que buscar sinerxias, que son positivas. Ninguén vén a Sanxenxo, a Vigo ou a Pontevedra expresamente. Vén a coñecer un destino turístico, que é as Rías Baixas ou Galicia. Que a executiva da Federación Internacional (de Tríatlon) estea a facer o Camiño de Santiago é boa mostra disto. Iso promociona Galicia. E no futuro, se queremos seguir acollendo grandes eventos deportivos e ser un destino turístico punteiro e de calidade, hai que traballar por esta vía: a colaboración.
Que lle pediría á cidadanía na semana do Tríatlon?
Que desfrute. Porque non todos os días se pode ver unha final das Series Mundiais de Tríatlon. Isto é unha proba onde van estar os mellores do mundo. Vai un espectáculo grandioso. E ademais poderá verse toda a competición polo propio modelo da cidade. Non é casualidade que isto se faga aquí e se faga por unanimidade das federacións internacionais. Aquí están os exipcios, os americanos, os canadienses, os xaponeses, os de Australia ou os de Nova Zelanda... É un orgullo moi grande.