sábado. 21.09.2019 |
El tiempo
sábado. 21.09.2019
El tiempo

Lorix, a Rafacarreta, Revengatechos e os 'trogloditas de Vox' no novo cómic de Kiko Da Silva

Presentación de Lorix Magazine. JAVIER CERVERA
Presentación de Lorix Magazine. JAVIER CERVERA

Kiko da Silva asina unha nova entrega do magazine protagonizado por Lorix e que foi lanzado por primeira vez nas municipais de 2015. Toda a oposición aparece retratada no exemplar, do que haberá un segundo capítulo

Catro anos despois, Pontevedrum segue resistindo ao invasor do imperio PPromano. Lorix segue a ser o heroe das aventuras asinadas por Kiko da Silva e Mosquérix o seu amigo inseparable. Por outra parte, un tal Rafa Domingus é nomeado polo Imperio de Feijoum para arrebatarlle o poder ao heroe galo a bordo dunha 'Rafacarreta' dende a que vende "tonterías y ocurrencias". 

O debuxante pontevedrés presentou unha nova entrega da historieta de banda deseñada que xa empregara o BNG na anterior campaña electoral das  eleccións municipais de 2015. O autor, inspirado na obra de  René Goscinny e Albert Uderzo, recrea en Pontevedra unha aldea gala na que hai composterix, lombos e unha escultura dunhas gafas de pedra que recordan "unha aparición mariana moi sonada". 

No cómic aparece tamén o líder socialista, Tino Fernández, que na anterior edición (hai catro anos) saía agochado destrás dun mato. Desta vez, Fernández atrévese a saír do seu refuxio tras coñecer a vitoria do "líder socialistum supremum" para probar algo da apócema que bebera Pedro Sánchez para as eleccións xerais. 

Clicka aquí para gozar deste cómic

A historia terá continuidade nun segundo capítulo, mais o debuxante Kiko da Silva quixo adicar dúas páxinas a dous dos partidos que se presentan  ás eleccións. Por unha parte, adica unha historieta a 'Vox, Os Trogloditas' inspirada no cómic 'Hug, El Troglotida', de Jorge Gosset Rubio. Nela, o protagonista laméntase de que o arco da vella loza sobre a cidade de Pontevedra ou mesmo de que un papagaio, Ravachol, sexa un símbolo na cidade: "Tienen tanta pluma que hasta tienen una escultura de un loro. Cuando sea alcalde la sustituiré por un toro de Osborne". 

Por outra parte, Da Silva fai broma coa profesión de Goyo Revenga, óptico, e caracterízao como Revengatechos (inspirado en Rompetechos), un personaxe con problemas de vista que acaba metido en líos debido á súa miopía. "A súa campaña está vista cunhas gafas mal graduadas", apuntou Da Silva.

O BNG repartirá 20.000 exemplares do cómic e outros 20.000 do seu segundo capítulo. Neste sentido, a número dous da candidatura, Anabel Gulías, indicou que a súa pretende ser unha campaña "chea de sorrisos" e na que participen tamén os protagonistas do "boom creativo" que está a vivir Pontevedra. Pola súa parte, Miguel Anxo Fernández Lores, coincidiu na idea de "incorporar a creatividade á vida política" e indicou que a forma de traballar no seu partido implica "alegría". Por iso, pediulles aos seus adversarios políticos que "non se ofendan e entendan que todo é en clave de humor". 

Lorix, a Rafacarreta, Revengatechos e os 'trogloditas de Vox' no...
Comentarios