Anxo González: "No 'Luar' continúo dando clase, que é o que sempre me gustou"

Dende o 2021 Anxo González presenta unha sección no programa da TVG Luar. Profesor xubilado do IES Sánchez Cantón, segue a desenvolver outros proxectos como ogalego.eu, una páxina web en colaboración coa súa muller, Vitoria Ogando, que o ano pasado lle abriu as portas ao premio Cidade de Pontevedra
Anxo González no IES Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Anxo González no IES Sánchez Cantón. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tras a súa xubilación como profesor, comenzou a participar no programa Luar. Agora xa é un habitual da Galega.
Unha vez xubilado chamáronme do programa, xa hai dous anos, para que dixera en directo como se lles dicía aos animais para que se moveran. A partir deste momento parece que a miña intervención gustou e empezaron a chamarme máis, primero cada tres semanas e ultimamente cada dúas. Esta colaboración formou unha sección que se basea en dar unha pequena clase en galego sobre a lingua contando algunhas anécdotas da vida galega.

Como afectou na súa vida este cambio profesional de docente a colaborador na televisión?
Realmente non foi moito cambio porque o que eu fago alí é dar tamén unha clase. É o bo. Non é unha clase habitual como as do instituto porque alí é algo diferente, pero teñen cousas en común como que tamén é en directo. No fondo segue sendo un pouco o que xa facía, continúo dando clases que é o que sempre me gustou, por iso non me supón grandes dificultades nin é un cambio moi grande na miña vida.

Un dos seus proxectos máis destacados é ogalego.eu, en qué se basea esta páxina web?
Dende o ano 2005 a miña muller, Vitoria Ogando, e máis eu temos a páxina web ‘ogalego.eu’ na que fomos subindo e poñendo todo o que faciamos nas clases coa finalidade de compartir estes coñecementos para o alumnado que o necesitase. É unha plataforma que ten moitas visitas, por exemplo, todo o que ten que ver coa preparación da materia de lingua galega na selectividade, que se pode preparar perfectamente coa nosa páxina, é un contido moi frecuentado. Outra sección moi vista é a de 200 letras de cantigas populares galegas, onde a xente acode para observar a letra de cantigas como A rianxeira ou outras moi coñecidas. Unha característica moi positiva desta páxina é que está optimizada para que sexa sempre posible vela con calidade dende o móbil, porque sabemos que agora a xente consulta moitas cousas por medio deste dispositivo.

Tamén participa activamente na Galipedia, cal foi a súa motivación para comezar a traballar nela?
Xa xubilado un exalumno que é un dos administradores da Galipedia, Adrián Estévez, púxose en contacto comigo para que compartira os meus coñecementos co resto da xente nesta páxina. Traballo en nome de ogalego.eu, e tanto Vitoria coma min colaboramos moito. Fixen ao redor de 800 entradas ademais de 1.000 colaboracións referidas, sobre todo, ao que máis me gusta, que é a lingua e a literatura, mais tamén ás veces fixen páxinas relacionadas con exalumnos ou profesores que no teñen entrada. Por exemplo, se vexo que unha exalumna é actriz e non ten páxina inmediatamente fago unha, porque un sempre ten agarimo a aqueles que foron os seus alumnos.

A pesar de que non deixou de traballar, estraña dar clase?
Hai que aproveitar e gozar a etapa da docencia. Estiven moi contento e feliz ata o meu último día de profesor, pero cando me chegou a idade de xubilación era o que tiña que facer. Hai que deixar que veña xente nova que traen tamén outras ideas. Aínda xubilado podo continuar facendo cousas que me gustan exactamente igual, polo tanto, estraño dar clase, pero tampouco estou incómodo por non estar no instituto.

Comentarios