Luces en 80 rúas, campás, bólas e árbores para vestir Pontevedra de Nadal

A Concellaría de Festas iniciou a colocación da iluminación, con varias novidades

photo_camera Iluminación de Nadal. CONCELLO

Pontevedra comeza a prepararse para o Nadal. A Concellaría de Festas iniciou nestes días a colocación da iluminación de Nadal nas rúas da cidade, coa previsión de que se acenda o venres 4 de decembro.

Nun tempo tan complicado coma este, marcado pola pandemia, o Concello "redobrou esforzos" para que "a cidade ofreza a súa mellor imaxe", colocando arcos, iluminando farois e arborado e instalando elementos decorativos en 81 rúas e prazas da cidade. Así é que chegan a zonas que ata agora non tiñan decoración, e, xunto aos elementos coñecidos doutros anos, haberá tamén algunha novidade.

Segundo explicou este venres a administración local, xa está instalada a iluminación do centro histórico, coa colaboración do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, e tamén está colocada noutras rúas. Este mesmo vernes tocoulle a Michelena.

A iluminación acenderase o 4 de decembro

Unha das novidades deste Nadal será a instalación dunha campá de "grandes dimensións" na praza de Barcelos e a colocación de dúas bolas de Nadal máis ás habituais. Unha estará na praza do Hospital e outra no barrio de Monte Porreiro. Ademais, levarase á Parda unha árbore de Nadal e as prazas da Leña e de Méndez Núñez terán un manto de luz. Terá tamén iluminación a gran árbore que preside a entrada á Alameda.

O plan do Concello inclúe a colocación de oito paneis de felicitación de festas nas entradas á cidade, unha árbore artificial de 20 metros na Ferraría e a iluminación das camelias da praza de Ourense. Tamén no centro histórico está prevista a instalación dunha árbore artificial de 10 metros na praza de Méndez Núñez, así como a iluminación do Teatro Principal, do Pazo da Cultura, da casa consistorial e do edificio administrativo do Concello.

Tampouco faltarán as luces nas árbores da praza de San Xosé e a árbore do cruzamento das rúas Uxío Novoneira, Eduardo Pondal, Gorgullón e Xermán Adrio Sobrino. E á praza da Audiencia e a Daniel de la Sota volverán as bólas xigantes de Nadal.

Comentarios