Luces, cámara... Pontevedra!

"Eu non podo falar de algo que non ame profundamente", di Alfonso Zarauza, que grava estes días a súa película sobre a cidade, protagonizada por Ledicia Sola, Melania Cruz e Marta Lado
Alfonso Zarauza dirixindo a Ledicia Sola (esquerda) e Melania Cruz, este luns no Café Savoy. RAFA FARIÑA
photo_camera Alfonso Zarauza dirixindo a Ledicia Sola (esquerda) e Melania Cruz, este luns no Café Savoy. RAFA FARIÑA

Unha discusión entre dúas actrices e o director sorprendeu este luns, na visita á rodaxe da película que Alfonso Zarauza está facendo sobre Pontevedra, ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e á concelleira de Promoción, Anabel Gulías. Ata que o director dixo "corten!" e se aclarou que o que se estaba a presenciar era unha escena do filme. Ficción.

Esa parte de ficción mestúrase con outra máis documental neste traballo sobre Pontevedra, cidade da que Alfonso Zarauza (Encallados, Ons) dixo querer capturar a alma. "Eu non podo falar de algo que non ame profundamente", sinalou sobre este título, que conta con tres actrices protagonistas, "para min as tres mellores do país": Ledicia Sola, Melania Cruz e Marta Lado. As dúas primeiras estiveron presentes na rodaxe, este luns, no Café Savoy, cando o alcalde e a concelleira visitaron o set. Este martes foi Lores o que se puxo fronte á cámara, no seu caso no Museo de Pontevedra.

O equipo, formado por unhas 15 persoas e que conta con Alberte Branco como director de fotografía (gañador de catro Premios Mestre Mateo), leva unha semana traballando en espazos como Montecelo ou Monte Porreiro, buscando as vistas máis espectaculares sobre a vila. Quedan outros sete días de rodaxe, dedicados a resolver a parte de ficción do filme.

"Estamos empapándonos de Pontevedra", explicou o cineasta. "Porque a cidade é a protagonista desta historia. O que pasa é que había que darlle un protagonismo intelixente, que non fose nin manido nin tópico".

Sobre isto, o alcalde lembrou que Zarauza contou con total liberdade para elaborar o guión. "Nós agardamos que o filme sirva para posicionar Pontevedra e para que a xente valore a cidade. Estamos desexando velo", dixo Lores.

"Eu sempre teño un proceso de búsqueda da historia que intenta evitar lugares comúns. Atopar o camiño para esta historia foi longo e dunha importante autoesixencia comigo mesmo", explicou o máximo responsable deste traballo. "Pero estou moi contento porque atopei ese camiño narrativo que buscaba para amosarlle esta cidade ao mundo dunha maneira particular e persoal".

Comentarios