Ludantia reunirá a expertos arredor da transformación do espazo público dende o perspectiva dos nenos

A I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e Mocidade reunirá en Pontevedra a expertos de 19 países e catro exposicións sobre a participación dos nenos e nenas na humanización do espazo público

Niños y mayores por el centro de Pontevedra. LAURA F.-ARCHIVO
photo_camera Nenos e maiores polo centro de Pontevedra. LAURA F.-ARCHIVO

Unha serie de relatorios arredor de como os nenos modifican o espazo, exposicións e obradoiros farán do Pazo da Cultura de Pontevedra un referente no que se refire a arquitectura e pedagoxía ao longo do mes de maio. 

Así o anunciaron na mañá de hoxe o director executivo de Ludantia, a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e  Mocidade, Xosé Manuel Rosales; o decano do Colexio Galego de Arquitectos, Antonio Maroño; o director xeral da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta, José Antonio Cerdeira; a presidenta da deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores. Trátase dunha iniciativa que se celebra ao longo de dous anos e que xa convocou un concurso de proxectos educativos sobre a participación dos nenos na transformación do espazo. "De 89 propostas chegadas de todo o mundo, 18 eran galegas", indicou Rosales. Os proxectos gañadores foron presentados polo CEIP Sanjurjo Carricarte (A Coruña), un centro das Illas Baleares e unha iniciativa dunha favela de Caracas no que os nenos decoraron unhas longas escaleiras do barrio con pintura azul para imitar un río. Todos estes proxectos estarán expostos no Pazo da Cultura ao longo do mes de maio nunha das exposicións que compoñen Ludantia.

De 89 propostas chegadas de todo o mundo, 18 eran galegas (Rosales)

Outra das mostras estará protagonizada polo país convidado a Ludantia, Colombia, que presentará 33 proxectos levados a cabo no país que están vencellados á participación dos pequenos na construción do espazo público. Ademais, haberá un espazo adicado a visitas para escolares chamado Expoactiva. Está previsto facer tamén obradoiros para familias durante as fins de semana. 

Parelelamente, entre o 11 e o 13 de maio, o Pazo da Cultura acollerá relatorios de expertos nesta materia chegados desde 19 países de todo o mundo, o que converterá a Pontevedra na capital dunha corrente de urbanismo que pretende recuperar espazos para as persoas contando coa cidadanía da que os nenos e nenas forman parte. "Levamos moitos anos traballando neste aspecto e por iso quero amosar a miña satisfacción porque Ludantia se celebre en Pontevedra", explicou o alcalde. 

Pola súa parte, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou o compromiso do ente provincial coa humanización das vilas e cidades. "Na provincia apostamos por este modelo e xa son 22 os concellos que comparte esta forma de entender o espazo público", explicou Silva.

Comentarios