Ludotecas de verán nas os máis pequenos poden salvar ao planeta

A campaña de divulgación do Efecto PO2 , promovida pola Concellería de Promoción da Cidade, chega aos máis pequenos para recoller as súas ideas sobre o consumo responsable
2020072712041828324
photo_camera Lectura do conto "A miña cidade con-sumo responsable" nunha das ludotecas municipais. CEDIDA

QUE PODEMOS facer as crianzas para acabar coa contaminación? Como sería o mundo no que nos gustaría vivir? Que se fai desde a cidade para garantir un futuro mellor? Estas son algunhas das preguntas ás que os rapaces e rapazas se teñen que enfrontar nas ludotecas municipais deste verán. Eles téñeno claro: reciclar, plantar árbores, non empregar botellas de plástico, reutilizar botes de cristal... Son algunhas das medidas que propoñen.

O achegamento da campaña Efecto PO2 ás ludotecas persegue fomentar este tipo de iniciativas na procura dun consumo responsable. Precisamente, a actividade iníciase coa lectura do conto "A miña cidade con-sumo responsable", que invita a reflexionar sobre os hábitos de vida e de consumo respectuosos co entorno. Logo, comeza o turno dos cativos e cativas, que teñen pista libre para propoñer actividades responsables co medio. A semana pasada participaron os escolares das ludotecas da Xunqueira II e do CEIP Cabanas. Agora, será a quenda do CEIP Campolongo e o Manuel Vidal Portela.

Reciclaxe e respecto polo medio. propostas claves dos cativos

Esta actividade encádrase na divulgación da campaña Efecto PO2, que ten como obxectivo converter a cidade en referente na loita contra a emisión de dióxido de carbono. Así, son diversas as iniciativas que achegan esta proposta á veciñanza explicándolles a importancia dun estilo de vida respectuoso co medio e coa saúde das demais persoas. Non só se centran nos máis pequenos, senón que hai accións de todo tipo. Haberá pintadas nas rúas co lema -CO2, +PO2. Visibles en dez puntos diferentes da cidade, propoñen "canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2". Tamén está incluída unha campaña de cartelería con sete imaxes diferentes que explicarán que é o "Efecto PO2" e cal é a súa importancia. Ademais, baixo o lema #comonacasa, uns microvídeos amosarán como o espazo público é a extensión das vivendas e dos espazos de traballo dos pontevedreses e pontevedresas. Finalmente, o mes de setembro acollerá uns faladoiros do alcalde con distintos persoeiros.

Polo momento, o protagonismo está nos cativos. Sen dúbida, son conscientes de que o futuro do planeta tamén está nas súas mans.

Comentarios