lunes. 10.08.2020 |
El tiempo
lunes. 10.08.2020
El tiempo

Luís Bará: "O único que fixo Feijóo foi botarlle a culpa de todo a Madrid"

Luís Bará no casco vello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA.
Luís Bará no casco vello de Pontevedra. GONZALO GARCÍA.
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra di que a Xunta ten unha "enorme débeda" con Pontevedra e defende a liberalización da AP-9 para acabar cos "sablazos" de Audasa

É O ÚNICO home cabeza de lista que o BNG presenta ás eleccións do 12 de xullo. "A nosa é unha candidatura feminista e con moito peso das mulleres, un sinal do camiño que leva o nacionalismo e o país", di Luís Bará (Vilaboa, 1965), que asegura que "neste século, os liderados serán das mulleres".

O BNG reivindica a Ana Pontón como a primeira presidenta da Xunta, pero todas as enquisas dan maioría absoluta ao PP. Hai partido contra Alberto Núñez Feijóo?
Eu creo que hai partido. As enquisas tamén intentan transmitir determinadas liñas e ideas. A enquisa definitiva vai ser o día 12, cando a xente vote nas urnas. Nós queremos mobilizar o voto da xente indecisa, que nos está a ver como referencia no ámbito da esquerda. O voto urbano e o voto da xente nova van soer claves.

Por que voto de esquerdas compite o Bloque? Polo do PSOE ou polo de Galicia en Común e a Marea?
O Bloque está competindo por liderar o país, por facer un proxecto transformador e cun liderado moi potente e atraente, que é o de Ana Pontón. E cun proxecto avalado por gobernos municipais coherentes e serios. O que nos move é a defensa do país, a xustiza social e a igualdade. E iso está xerando simpatía e apoios, que cada vez medran máis. Se isto segue así podemos dar un campanazo e ser unha sorpresa o día 12. Hai moita xente que dubida, que foron antigos votantes da Marea, de Podemos ou do PSOE que están a ver ao BNG como referencia dun cambio galego para este país.

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou en campaña que "Galicia corre o risco de que goberne o BNG"...
Esa é a miña frase de motivación. Porque o que vén a dicir é que o BNG é a forza emerxente que pode derrotar ao Partido Popular. Os nosos soños son os seus pesadelos. Eles teñen medo que unha forza como o BNG os bote do poder e os pase á oposición e que perdan todo o entramado de privilexios, de prevendas e de uso partidista das institucións. O feito de que intenten manipular os medios públicos ocultando ó BNG o que demostra é que canto máis BNG menos PP.

É Feijóo un bo xestor, como defende o Partido Popular?
Non. Eu desmíntoo. Como xestores son nefastos, porque non dan executado os Orzamentos en políticas que son fundamentais para desenvolver o país. Eu só admito que Feijóo é un bo xestor porque montou unha xestoría na Xunta que está ao servizo dos poderes económicos estranxeiros. Está ao servizo de Iberdrola, de Ence, de Pémex, de DomusVi, de Audasa... Niso si que é un bo xestor. Nós imos darlle o finiquito e pechar esa xestoría para poñer en marcha un auténtico goberno galego.

Dígame algo bo de Feijóo...
Cústame moito. Eu creo que ten un dos maiores defectos que pode ter un político, que é o cinismo, o oportunismo, a mentira e a manipulación. O que fixo durante a crise da covid foi, basicamente, montar un gabinete de comunicación na Xunta de Galicia e vender fume. Porque medidas para combater a crise e de apoio a sectores afectados, ningunha. O único que fixo Feijóo foi botarlle a culpa de todo a Madrid, que nalgúns casos tivo actuacións equivocadas, e trasladarlle toda a responsabilidade da crise aos concellos. Un Goberno que se preocupa de que se celebren verbenas e de que abran discotecas e que teña pechados os centros de día se define por si mesmo. As nosas prioridades son outras.

"No programa do BNG non está facer un referendo de independencia. Nós o que queremos é que o país avance"

O BNG leva no seu programa electoral a defensa dun maior autogoberno. É unha prioridade que Galicia se independice de Madrid?
Galicia o que necesita é ter capacidade de decisión en asuntos clave para o seu futuro, para a súa economía, para o seu benestar e para o progreso do país. Precisamos ter un novo estatus político no Estado; que se recoñeza a Galicia como nación e avanzar no autogoberno. Iso significa, nos próximos catro anos, dar un salto en materia de competencias. Queremos o mesmo que conseguiu Euskadi. Ese é o camiño. Euskadi, cun goberno nacionalista con peso en Madrid, é quen de impulsar procesos favorables para o seu pobo.

Fala de máis autogoberno e de máis competencias. Está a plantexar a vía independentista?
Xa o dixo claramente Ana Pontón. No programa do BNG non está facer un referendo de independencia. Nós o que queremos é que o país avance, sexa forte e teña ferramentas de defensa e de impulso. E iso significa ter máis soberanía, máis capacidade de decisión, máis autogoberno e máis financiamento.

Como resolvería o BNG a polémica da AP-9?
O que hai que facer é rescatar a concesión, nacionalizala e transferila a Galicia.

O rescate da concesión implicaría unha indemnización para a empresa concesionaria. Compensa?
O que non compensa é que os galegos e as galegas paguen a toca teja todos os días os sablazos que lles mete Audasa por atravesar Galicia de Norte a Sur. Compénsalle ó Estado rescatar as arruinadas autoestradas radiais madrileñas? Para Madrid púidose facer. E noutras partes do Estado tamén. A AP-9 é clave para o desenvolvemento do país. Mentres iso non chegue, nós o que propoñemos é, de forma transitoria, un abaratamento das peaxes. O BNG negociouno no acordo de investidura. Agora, con este panorama da crise da covid, foi un tema que quedou en standby. Pero temos que recuperalo. O Goberno galego do BNG porá esta cuestión como unha prioridade de negociación co Goberno central.

O Bloque defende a continuidade de Alcoa en Lugo e a saída de Ence de Lourizán. Hai aí unha contradición?
Non.

Por que?
Alcoa é unha industria que está asentada na zona da Mariña, que é central e clave para a economía da zona. E Ence está nuns terreos de dominio público marítimo-terrestre nos que non debe estar. A mesma Abogacía del Estado o di. No caso de que valoremos que ten que haber unha industria de transformación da celulosa, completando o ciclo produtivo (do papel), haberá que buscar unha ubicación nuns terreos de carácter industrial que cumpran esa función. Pero non en terreos de dominio público porque iso estrangula o desenvolvemento urbano de Pontevedra e Marín, a posibilidade de aproveitamento dos recursos marisqueiros da ría e ten un impacto en forma de contaminación ambiental moi forte. Ence non pode estar aí. Iso é indiscutible.

"Esta crise puxo de manifesto que as residencias privadas converteron aos maiores en mercadorías"

Feijóo lanzou un vídeo de campaña na que defende a súa contribución ao desenvolvemento de Pontevedra nos últimos anos. A Xunta cumpriu coa cidade nesta lexislatura?
O Goberno da Xunta, do Partido Popular, o que ten con Pontevedra é unha enorme débeda porque importantes proxectos desta cidade foron paralizados ou abandonados. Se Pontevedra foi quen de avanzar desta maneira espectacular tendo en contra ó Goberno da Xunta, imaxinemos a onde pode chegar a cidade se ten un Goberno que lle dea un trato xusto. O único bo que lle podemos atribuír a Feijóo é que rectificase a proposta do hospital en Monte Carrasco, pero perdemos dez anos.

A pandemia puxo o foco nos servizos públicos. Están en perigo?
Fortalecer a sanidade pública vai ser a gran batalla do futuro. O PP promoveu as privatizacións de servizos. E iso hai que revertilo. Ademais, dentro do ámbito social, hai que impulsar un novo modelo de residencias. Esta crise puxo de manifesto que as residencias privatizadas, convertidas nun negocio de empresas multinacionais, que moitas veces son fondos de fondos buitres, converteron ás persoas maiores en mercadorías. E iso non pode ser. Porque se algo se respecta neste país son as persoas maiores, que non podemos tratar como se fosen unha mercadoría.

Luís Bará: "O único que fixo Feijóo foi botarlle a culpa de todo a...
Comentarios