Luís Davila e Migallas reciben os Premios Xoán Manuel Pintos

O debuxante de Bueu e o grupo de teatro de Pontevedra recollerán os galardóns nun acto público o 26 de febreiro no Pazo de Mugartegui
Parte dos membros do xurado que fallou os galardóns deste ano
photo_camera Parte dos membros do xurado que fallou os galardóns deste ano

O debuxante de Bueu Luís Davila e o grupo de teatro de Pontevedra Migallas son os gañadores dos Premios Xoán Manuel Pintos 2016. O concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, anunciou o luns que o xurado do certame concedera os galardóns por unanimidade e que a entrega se realizaría nun acto público a celebrar o 26 de febreiro no Pazo de Mugartegui (21.00 horas).

Davila recibe o galardón na categoría que recoñece o labor desenvolvido a prol da lingua galega no último ano. O xurado destaca como o seu traballo "reflicte a nosa cultura e a nosa idiosincrasia e fai que cada día miles de persoas busquen nas súas viñetas en galego a denuncia social atinada e a crónica actual a través da retranca e do humor".

Polo que se refire a Migallas, que recibe o recoñecemento na categoría que premia unha traxectoria, o xurado subliñou "o seu compromiso coa lingua ao longo de máis de vinte anos de traballo incansable para facer normal o uso da lingua galega en todo tipo de artes escénicas dirixidas ao público infantil e familiar, onde reside o futuro da lingua".

Alberto Oubiña, que formou parte do xurado xunto a Manuela Rodríguez, Paz Castro, Nel Vidal, Anxos Sobriño, Calros Solla, Francisco Freire, Pablo Queiruga, Marcelo González, Concepción Díaz, Juan de Sola, Isabel Barreiro e Conchi Cochón, lembrou que os Xoán Manuel Pintos, que entregan o Concello e Rede Amiga da Lingua, recoñecen o traballo a prol da lingua ao tempo que manteñen viva a memoria da figura do Rexurdimento que lles dá nome.

Comentarios