Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Luís Rei: "O que diga Podemos non me vai distraer do meu obxectivo"

Luís Rei. ADP
Luís Rei. ADP

Repite experiencia coa ilusión de liderar o relevo no concello capitalino

"Coas cartas que temos agora mesmo enriba da mesa, aspiro a gobernar Pontevedra". Así de confiado se amosa Luís Rei (A Coruña, 1958) sobre o seu futuro político a partir de maio de 2019. Alleo ás turbulencias na Marea galega, coincide con Luís Villares e Xosé Manuel Beiras en que Paula Quinteiro debe dimitir inmediatamente e anuncia «novidades importantes» na futura lista electoral.

Moitas persoas sorprendéronse cando hai tres anos vostede decidiu dar o salto á política. Que pouso lle está a deixar a experiencia?

Unha mestura de sensacións. Pero ante todo, o desexo de construír un proxecto alternativo a un goberno que leva 20 anos, é dicir, todo o que levamos de século.

Que ten mudado na súa parcela privada e na laboral?

A nivel persoal, a política resta calidade de vida e tempo coa familia, porque é moi absorbente; a nivel profesional, eu sigo co meu traballo de toda a vida pero agora teño outro patrón máis, que son os pontevedreses.

O de Marea é o único grupo municipal que xa decidíu o seu candidato, a pouco máis dun ano das eleccións. Sorpréndelle que as outras forzas aínda non teñan feito os deberes ou é que vostedes tiñan presa en resolver esa cuestión?

Eu quero construir un proxecto alternativo ó actual, que ten moitos déficits que prexudican ós cidadáns. E a maneira de facelo é ó longo do tempo, traballando con seriedade nos ámbitos menos atendidos nestes anos. Se os demais partidos prefiren improvisar e converter a campaña electoral nunha tómbola na que cada quen presenta a ocorrencia do momento, é cousa deles. Eu propuxen á miña formación que había que traballar con tempo e que o primeiro que había que despexar era a dúbida de quen debía encabezar a candidatura. Tivemos unhas primarias e os compañeiros me elixíronme a min. Agora queda un longo camiño por diante: por un lado, acabar de definir o proxecto gañador para esta cidade e, por outro, completar o equipo da candidatura. Iso farase no último trimestre deste ano. Porque teñen que ir emerxendo compañeiros que os cidadáns poidan ver como un equipo solvente no que depositar a súa confianza.

Deixa entrever que haberá bastantes novidades...

Así é. Imos presentar unha lista que é un equipo de goberno para a cidade. E irá compensada por sectores, por idades, por sensibilidades políticas...

O BNG de Lores é o rival a bater. Comparte a previsión de que cando o actual alcalde se retire, o Bloque sufrirá un descalabro semellante ó dos últimos procesos?

Nas eleccións estatais de 2016 o BNG acadou na cidade un 5% dos votos, pero en 2015 a porcentaxe foi do 43%. É indubidable que aquí hai algo, un plus, para unha organización política que no resto de Galicia é case residual. E ese algo é a figura de Miguel Anxo Fernández Lores. Iso funcionoulles ben durante moitos anos, en parte, tamén, por incomparecencia da oposición, dunha alternativa que permitise disputarlle con garantías ó Bloque a Alcaldía de Pontevedra. Pero cando sexamos quen de construír unha alternativa fiable, o que ata agora os cidadáns valoraron como un plus, acabarán valorándoo como un atranco, porque non é demasiado hixiénico democraticamente que alguén leve 31 anos nunha institución (que é o tempo que leva o señor Lores no Concello), nin 20 como alcalde. Por iso chegou o momento de mandalo ‘á cámara dos Lores’.

Marea Pontevedra deu a coñecer unha enquisa que a situaba como primeira forza no concello fronte á debacle do BNG e o esmorecemento do Partido Popular. A estas alturas da temporada, só serven para crear ilusión ou teñen certo rigor?

A nós válennos para orientarnos, pero non lles damos unha validez absoluta. Hai xente que é adicta ó tabaco e ó alcol, e hai outra adicta á demoscopia. Nós non o somos, pero se nos serven para reorientar algunhas cousas e ver que estamos fallando na transmisión do noso proxecto, claro que son útiles. Ese é o valor que lle damos.

Á marxe da presión que está a facer Podemos no caso Quinteiro, a formación morada fixo tambalear hai pouco a unión da confluencia local cunha imposición, a de levar a súa marca na candidatura, que non gustou moito ás bases...

Os órganos de Marea Pontevedra xa tomaron unha decisión hai dous meses, que pasou por unha primeira peneira: as primarias nas que fun elixido como candidato á Alcaldía. Nós estamos no traballo de construír unha alternativa para Pontevedra, polo tanto, a min non me vai distraer o que diga un partido.

Di vostede que no último trimestre do ano se coñecerán os integrantes da súa candidatura. Se Podemos decide desmarcarse da Marea, en qué pode afectarlle á súa candidatura?

En febreiro presentamos un proxecto importante, que vai formar parte da cerna do noso programa electoral: a Praza do Mar, con César Portela, para rescatar As Corvaceiras. Imos seguir presentando propostas importantes e a final deste ano haberá a segunda fase das primarias, ás que se pode presentar quen queira.

Incluída a xente de Podemos?

Por suposto.

Aínda que estamos a un ano vista e todo pode cambiar, atreveríase a dar un prognóstico das vindeiras eleccións municipais?

(sorrí) Coas cartas que temos agora mesmo enriba da mesa, aspiro á posibilidade de gobernar Pontevedra. Pero entendo que o goberno que saia das hurnas non vai poder ser monocolor de Marea Pontevedra, polo tanto, intentaremos que ese goberno que aspiramos a encabezar sume aquelas forzas que permitan, negociadamente entre todos, imprimir unha ou dúas marchas máis ó percorrido que ten que seguir o Concello no que falta desta década e na seguinte.

"Ante un erro deste tipo, a persoa que o comete ten que asumir a súa responsabilidade"

A división no seo de Marea é cada vez maior, con Podemos tensando a corda e desafiando as directrices de Luís Villares. Cal é o seu punto de vista? Cre que debería dimitir de xeito inmediato, como indicou o portavoz?

Eu identifícome plenamente co portavoz, Luis Villares, que é tamén identificarse co que dixo Xosé Manuel Beiras dende o minuto un de estoupar todo isto. Penso que ante un erro deste tipo, a persoa que o comete ten que asumir a súa responsabilidade.

Cre que estas liortas internas poden ter un custe electoral ou, pola contra, que aínda hai tempo para cicatrizar as feridas?

Non sei en que medida nos pode afectar a nós electoralmente, porque eu non teño nada que ver con iso. De tódalas maneiras, casos coma este sucederon en tódolos demais partidos. Se os demais intentaron responder agochándoos, é problema deles. Iso nós non o debemos facer. Polo tanto, nin Cristina Quinteiro nin Paula Cifuentes.

Luís Rei: "O que diga Podemos non me vai distraer do meu obxectivo"
Comentarios