Luís Rei: "Facilitaremos un novo orzamento se beneficia á maioría social"

►"Sabemos que é imposible que nós, no ano 2019, teñamos maioría absoluta. Pero tampouco a terá o Bloque", asegura Luís Rei, que vaticina que o vindeiro Goberno de Pontevedra sairá dunha coalición de esquerdas a dúas ou tres bandas. "O tempo de Lores pasou", asegura.
Luís Rei na rúa Michelena.
photo_camera Luís Rei na rúa Michelena.

ASEGURA QUE os dous anos que Miguel Anxo Fernández Lores leva gobernando en minoría foron "bastante decepcionantes" e defende que o seu partido "foi de menos a máis" neste tempo. Luís Rei (Pontevedra, 1958) fai balance do ecuador do mandato municipal.

Por que cre que Lores segue a ser alcalde de Pontevedra? As enquisas sonlle favorables...
Eu creo que os veciños son bastante comprensivos cos gobernos municipais. En xeral, son excepcións os casos en que alguén que accede a unha Alcaldía a perde. Ten que facelo moi mal e ter moitas discrepancias internas que se aireen para que os veciños lle retiren a confianza.
Quere dicir que Lores volverá ser alcalde en 2019?
Eu creo que o tempo de Lores xa pasou. El mesmo, cando di, despois de cinco mandatos seguidos como alcalde, que pretende seguir porque hai proxectos que están pendentes... No fondo o que está a facerse é unha moción de censura a si mesmo. Porque 20 anos é un período o suficientemente dilatado no tempo como para que os proxectos ambiciosos que tivese os tivera desenvolvido.

A axuda ós veciños pobres: "A renda social atopouse con atrancos, tanto a nivel político como técnico, que non vemos xustificados" 


Cal é a postura de Marea coa compostaxe? Apoia o novo sistema?
Nós estamos totalmente de acordo co principio da compostaxe. Neste asunto, o que nos preocupa un pouco é que se aclare o proxecto que hai; que se aclare a xestión da recollida, que debe ser pública; e que se aclare tamén o custo do recibo para os veciños. Non se pode cargar ós veciños con recibos inxustificadamente encarecidos.
Cre que hai un exceso de servizos privatizados en Pontevedra?
Eu creo que si. É un dos temas da nosa axenda. Nós cremos na xestión pública dos servizos básicos.
Que fallou para que Marea non entrase este ano no Goberno local?
Para entenderse ten que haber cesións. Nós estivemos dispostos a aparcar propostas moi importantes en aras de chegar a un acordo de gobernabilidade. Se non foi posible foi porque, aínda que nós tiñamos a vontade e estabamos dispostos a facer moitas cesións, o Goberno de Pontevedra non estaba para iso.
Entón, a culpa foi do Bloque?
Non é cuestión de falar de culpas. A nós nos tocaría facer máis cesións, porque o noso grupo é menor, pero se o Bloque tivera interese en ter unha estabilidade durante todo o mandato tería que facer algún xesto de recoñecemento e de complicidade con nós. Non o houbo.
Cre que se vai poder activar este ano a renda social municipal?
Nós traballamos para que isto tivese o período de tramitación máis curto posible. A renda social atopouse con atrancos, tanto a nivel político como técnico, que non vemos xustificados. E estamos intentando reconducir iso para que se poida resolver con éxito nun tempo breve. O único que falta é darlle a cobertura legal a esta renda social. O tempo que se perda neste asunto é un tempo gañado para o futuro, cando se despexe a vía normativa para a súa implantación.

O novo Fillo Predilecto: "O informe de Sabino Torres era imperfecto. Iso xerou moitas dúbidas sobre a conveniencia dun recoñecemento así"


Apoiaría Marea o orzamento de 2018 se o Bloque reserva fondos para este subsidio?
Queremos influír no orzamento para que os temas que forman parte do noso programa electoral se leven á práctica. Esa é a vontade que temos. Na medida en que iso se abra paso, a través da negociación que se estableza no seu momento, nós estamos dispostos a facilitar un novo orzamento que beneficie á maioría social.
Quen é o líder da oposición?
Iso terano que dicir os veciños de Pontevedra. E dirano cando volva haber eleccións.
O PP é o único partido que lle podería disputar a Alcaldía a Lores, non?
Nós chegamos, no concello de Pontevedra, cunha representación modesta. Non foi o que sucedeu noutros concellos importantes de Galicia, nos que compañeiros nosos chegaron á Alcaldía. A nosa aspiración é que as confluencias superen o 20% dos votantes. Traballamos con posibilidades reais. Haberá dentro de dous anos unha candidatura de Marea Pontevedra con posibilidades de gobernar Pontevedra.
Gustaríalle repetir como candidato?
Neste momento, iso non está enriba da mesa.
É a cara máis visible de Marea.
Iso é certo. Pero non é algo que toque neste momento. Tocará dentro duns meses. De todas formas, no noso caso iso sairá dunhas eleccións primarias. (...) A ambición coa que temos que traballar é a de que podemos gobernar Pontevedra. Sabemos que é imposible que nós, no ano 2019, teñamos maioría absoluta. Pero tampouco a terá o Bloque. Entón, haberá unha fórmula de entendemento, a través dunha coalición, a dous ou a tres, para gobernar esta cidade. Á dereita non lle vai chegar a súa hora no ano 2019. Parte dunha posición tan atrasada que implicaría unha suba inviable do PP e de Ciudadanos, sobre todo polo traballo que están a desenvolver.
Por que Marea se abstivo e non apoiou o nomeamento de Sabino Torres como Fillo Predilecto de Pontevedra?
Pontevedra é 'rácana' cos recoñecementos que fai. A nós parécenos que a persoa da que se fala agora reúne unha serie de condicións, pero, xunto coas cualidades tamén ten outras facetas que a nós nos levaron a absternos.
Cales foron esas facetas?
O informe era claramente insuficiente, imperfecto e mellorable. Iso xerou moitas dúbidas sobre a conveniencia de outorgarlle a Sabino Torres un recoñecemento así.
Pontevedra é a única cidade galega na que se celebran corridas de touros. O contrato de alugueiro do Concello coa praza de San Roque subvenciona este festexo?
Nos concellos nos que había touros, e nos que o Bloque tiña presenza, pedíase que non se subvencionaran as touradas. O Bloque di en Pontevedra que non é unha subvención, senón un contrato de algueiro dunha praza. É un arrendamento que, en todo o ano, ten un único uso: durante a Feira Franca. Hai outras posibilidades.
Cre que é a gran contradición do Bloque en Pontevedra?
É unha gran contradición.

Comentarios