martes. 20.08.2019 |
El tiempo
martes. 20.08.2019
El tiempo

LUÍS REI, CABEZA DE LISTA DE MAREA PONTEVEDRA

"Péchase un ciclo, tamén para min, por iso poño o meu cargo a disposición do colectivo"

Luís Rei, este martes, en Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA
Luís Rei, este martes, en Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Canso e decepcionado. Luís Rei non oculta o seu descontento tras o resultado das eleccións en Pontevedra e anuncia a súa retirada. Tras catro anos na Corporación, despídese coa espiña de non ter conseguido unha candidatura de confluencia que integrase a Podemos. "Sempre apostei por manter a unidade coa que naceu Marea Pontevedra"

A RUPTURA saíulle cara a Marea Pontevedra e o seu cabeza de lista recoñéceo. Luís Rei (1958) dimite como voceiro do colectivo pontevedrés tras tempos convulsos. "Hai un ano aspirabamos obter catro concelleiros, agora xa pensabamos en dous, pero todas as discrepancias que se produciron leváronnos a este panorama", confesa o escritor e xornalista. Rei afástase agora da primeira liña da política e aposta polas autonómicas como un momento para relanzar un proxecto ilusionante, "tras facer unha seria autocrítica".

Como foron os días despois de coñecer o resultado das eleccións e de saber que Marea quedaba fóra da Corporación?
Foron días de reflexión, independentemente dos resultados que houbese, tiñamos que valoralos. Nós fixémolo hoxe (por este martes) na coordinadora xeral da Marea e agora correspóndelle á asemblea da Marea tomar algunhas decisións.

Cales son as decisións que están enriba da mesa?
Os resultados non foron satisfactorios e hai unha serie de razóns para argumentar cales son as causas. Con estas eleccións péchase un ciclo e, para min, a nivel persoal, tamén. Eu poño o meu cargo a disposición do colectivo.

Fálase da decepción do electorado pero a vostede tamén se lle nota descontento.
Claro, estou canso. Durante estes catro anos estiven activo laboralmente e literariamente, en ningún momento tiven salario do Concello de Pontevedra. Agora aproveito as circunstancias para volcarme de novo na actividade literaria e laboral.

Desvincúlase por completo da política ou seguirá colaborando con Marea Pontevedra nun papel secundario?
Non digas iso! Da política non me desvinculo, pero todo o traballo que desenvolvía no Concello desapareceu do meu día a día e, polo tanto, libérase tempo para atender de forma intensa á miña profesión e á literatura. Co tempo irei vendo se manteño a vinculación e o traballo con Marea.

Como ve o ánimo do colectivo para seguir con este proxecto?
Eu vin á xente bastante convencida do traballo desenvolvido estes anos, tamén na campaña, e decepcionada cos resultados. Logo hai xente máis partidaria de continuar e outra que prefire dar paso a outros.

Os resultados son malos, pero a realidade é que sumando os votos de Marea Pontevedra e os de Podemos daba para un concelleiro. Cal é o diagnóstico que fai vostede desta situación?
Eu creo que a confluencia de Pontevedra non puido permanecer inmune a todo o tempo de ruído e furia que se deu e que axitou En Marea como espazo nacional (a nivel galego), iso levou á ruptura e volveu o minifundismo político á esquerda do PSOE. As consecuencias diso pagámolas nas eleccións xerais primeiro, e agora nas municipais. Nas catro cidades onde Podemos se integrou nas mareas houbo un correctivo, pero mantívose unha presenza importante. Nos outros tres concellos das cidades onde a ruptura se consumou e se presentaron listas por separado de Podemos e as mareas, o negocio foi nefasto para ambos porque tanto uns coma outros quedaron fóra. Iso foi o que ocorreu en Lugo, Ourense e Pontevedra.

Véndoo coa perspectiva de hoxe, pensa que se puido facer algo máis para crear unha lista conxunta con Podemos?
Nestes últimos meses fun moi partidario de facer o imposible para que a unidade se mantivese, mesmo coa incomprensión de xente do equipo.

E non confía en que de aquí a catro anos se poida reparar ese erro?
Eu non teño unha bóla de cristal para saber o que vai ocorrer. De todas formas, catro anos é moito tempo, en política é unha eternidade. Para calquera recomposición do noso espazo hai unha cita anterior, que son as eleccións autonómicas, en setembro do ano que vén, se Feijóo non as adianta. Se a sensatez volvese, habería posibilidades de ter esa cita como lanzadeira para recuperar o espírito que animou á fundación das confluencias.

Pero xa non se vai xogar a baza da novidade e o electorado vai estar un pouco canso das pugnas internas, non cre?
É que ten que ser outra cousa. A reinvención ten que facerse aprendendo dos erros cometidos e a partir dunha autocrítica moi seria. Se non hai esa autocrítica, non ten sentido nin futuro.

Unha das súas apostas para estas eleccións era a fichaxe de Teresa Casal, como está ela despois dos resultados?
Iso ten que dicilo ela, para min foi unha compañía grata e imprescindible neste tempo. Construímos unha profunda amizade e ese vínculo vai seguir existindo. Seguiremos sendo moi amigos, dende unha amizade na que a política a concibimos de xeito similar.

Logo da súa dimisión, cal será o proceso a seguir dentro de Marea Pontevedra para elixir un novo voceiro?
Hoxe (por este martes) na dirección de Marea puxen o meu cargo a disposición dos compañeiros. Iso debe ir a unha asemblea. Alí consumarase a miña retirada e correspóndelle á asemblea decidir como quere encarar os próximos tempos.

O paso pola Corporación. "O Bloque de Lores, en moitos aspectos, funciona como unha secta"

Luís Rei, en Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA (2)

Que aprendeu nestes anos?
O meu traballo de escritor é todo o contrario ao que representa a política. Escribir é lentitude, silencio e soidade. Todo isto deume máis facilidade para relacionarme coa xente, o ti a ti, as reunións cos colectivos, aprender a dirixirme a eles... Foi unha aprendizaxe.

Leva algo malo?
No Concello, o feito de que gobernen as mesmas persoas desde hai 20 anos fai que haxa unha estrutura na que hai moita opacidade que obstaculiza o labor da oposición, en parte grazas ao amparo da Ley de Bases del Régimen Local que lle atribúe aos gobernos potestades case ilimitadas. Iso reduce as posibilidades de actuación.

Que tal se levaba cos outros concelleiros?
Sempre tiven unha relación cordial. É máis difícil co Bloque de Lores que, en moitos aspectos, funciona como unha secta.

Pero no plano ideolóxico teñen moitas cousas en común.
O nivel de coincidencia dos partidos é moi grande, outra cousa é o BNG de Lores. Moitas cousas que pide o BNG en concellos similares, tendo aquí oportunidade de poñelas en práctica, non se están facendo. Falo da xestión directa e pública do abastecemento da auga, a recollida do lixo, o mantemento dos xardíns... Todos os contratos de concesións están asinados por Lores.

"Péchase un ciclo, tamén para min, por iso poño o meu cargo a...
Comentarios