Luis Seoane converterase nunha praza urbana na contorna da avenida de Vigo

A reforma integral dotará a este espazo de plataforma única, moderno mobiliario e novas canalizacións e iluminación ▶O orzamento é de 348.000 euros e executarase en 2023

Recreación da nova praza. DP
photo_camera Recreación da nova praza. DP

A rúa Luis Seoane converterase nunha praza "de alta calidade urbana" na contorna da avenida de Vigo. A actuación está orzamentada en 348.000 euros e agora iníciase o proceso administrativo para a súa contratación. Aínda que alude á cautela á hora de establecer datas, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, estima en que estes trámites levarán uns seis meses, polo que agarda que a reforma integral, presentada onte, se empece a executar no primeiro semestre de 2023.

Está rúa sen saída, que acaba nun "fondo de saco" con aparcamento desordenado e maleza, transformarase nun tipo de espazo "do que carece na actualidade esta parte da cidade".

As actuacións previstas nesta rúa foron presentadas o xoves á veciñanza nunha reunión celebrada no IES Torrente Ballester e tiveron "unha moi boa acollida", afirmou o edil. A reforma permitirá resolver os "diferentes problemas" detectados na rúa, como o excesivo número de vehículos que permanecían aparcados todo o día nesta, en ocasións mal estacionados ao invadir a beirarrúa; o mínimo espazo peonil, materiais antigos, a pouca iluminación do lugar ou os servizos de pluviais e abastecemento que estaban pendentes de ser renovados.

Plano da actuación. DP
Plano da actuación. DP

Así, o Concello promoverá a instalación dunha especie de plataforma única, pero con dúas áreas de 80 centímetros de altura que permitirán sortear o desnivel. O novo piso será de formigón continuo, adornado con prefabricados e baldosas; un material que emite menos gases invernadoiro no momento de fabricación e no momento da instalación ca o asfalto, ademais de contar cunha mellor eficiencia térmica, subliñou.

O novo espazo de convivencia contará con novo mobiliario urbano, construído cunha combinación de madeira e aceiro cortén, e que contará con cargadores USB pensando nas novas necesidades da cidadanía. Os bancos e papeleiras estarían elaborados por unha empresa local.

Aspecto actual da rúa. RAFA FARIÑA
Aspecto actual da rúa. RAFA FARIÑA

Tamén se renovarán as canalizacións de pluviais, abastecemento, saneamento e a rede eléctrica. No final da rúa, na zona que limita con Manuel Colmeiro, serán colocadas luces LED no chan para "favorecer que non haxa sombras que provoquen problemas de accesibilidade amais de seren un elemento de embelecemento que poderían ser semellantes ás instaladas na Ponte do Burgo".

Diante por muro deste tramo será construído un xardín vertical que contará con dez tipos de flores distintas.

Comentarios