ENTREVISTA XX

Luisa Márquez: "A escola ten que ser un espazo seguro, libre e feliz"

Profesora vocacional, xubilouse en 2015, no IES Luís Seoane de Monte Porreiro, despois de 35 anos no ensino público. Dende 2019 é a coordinadora da Rede de Escolas Asociadas da Unesco en España.
Luisa Márquez (Pontevedra, 1954). DAVID FREIRE
photo_camera Luisa Márquez (Pontevedra, 1954). DAVID FREIRE

Cantas escolas coordina en España dentro desa Rede da Unesco?
Agora mesmo, despois das últimas adhesións que tivemos, son 262 escolas. Diversas: dende de Educación Infantil ou de Educación Especial ata conservatorios de música ou aulas de centros hospitalarios pasando por todo o que poidas imaxinar. Esta é a gran riqueza da rede: a diversidade. Eu diría que, de feito, a española é a máis diversa de todas a nivel internacional. Involucramos a preto de 11.000 profesores e profesoras e a uns 180.000 estudantes. 

É difícil coordinar tantos centros?
É un traballo laborioso, mais moi gratificante. Se cres no proxecto, e eu creo, ves como se vai progresando, como vai cambiando a atmósfera das escolas e iso é moi fermoso porque é como facer camiño cara esa educación á que aspiramos. 

Que supón para unha escola estar nesta rede?
Supón ter unha visión diferente. Primeiro, porque estamos falando dunha rede internacional e, polo tanto, abre as portas ao mundo. Despois, porque sempre tes con quen poder traballar cooperativamente. E sempre tes impulsos, axudas, propostas de traballo, posibilidades de intercambio... Hai moitas directrices de ámbito pedagóxico, moitos encontros de reflexión... Á parte é moi importante tamén para as familias, en moitos casos familias acolledoras que conviven con rapazada de moitas partes do mundo.

Non estamos en contra das redes sociais. Vivimos neste mundo. Hai que aceptar que están aí. Como xa o está e o vai estar aínda máis a Intelixencia Artificial, que precisa dunha regulación ética porque non se sabe que perigosos camiños pode seguir

É un exemplo de globalización en positivo?
Así é. Precisamente un dos nosos ámbitos de traballo é o da cidadanía global. Porque partimos da idea de que todos somos cidadáns dun só mundo, que vivimos nun só mundo e que traballamos nun só mundo. Esa concepción global está sempre presente, igual que sempre está presente a perspectiva do coidado. O coidado entendido como atención e acompañamento do alumnado, pero tamén do planeta, por exemplo. A nosa visión é unha visión global, sustentable, equitativa e xusta. 

Unha das cousas máis importantes que supón estar nesta rede é a conexión con milleiros de escolas en todo o mundo. 
Case 13.000 escolas. E si, o que facemos é conectalas. No Día do Libro Infantil e Xuvenil puido verse en Pontevedra, dende onde se organizou unha lectura compartida on-line. E eu mesma veño hoxe de rematar unha master class dende París, con estudantes de distintas partes do mundo, para formarnos contra a discriminación, o racismo e os discursos de odio. Esta é unha preocupación importante para a Unesco debido á gran influencia que neste sentido se está vendo que teñen as redes sociais. Na rede española traballamos tamén especificamente co desenvolvemento de habilidades críticas para aprender a distinguir a información e a desinformación.

Os estudantes son axentes de cambio. O que aprendemos na escola ten un impacto e axuda a formar a sensibilidade

Un dos maiores retos dos educadores en todo o mundo é precisamente enfrontar o enorme impacto da información que lle chega a través das redes sociais á xente nova.
Por iso é fundamental desenvolver habilidades de pensamento crítico e ter asentados valores que respecten a vida das persoas. A escola ten que ser un espazo seguro, un espazo libre e un espazo feliz. Para iso necesitamos traballar coa nosa realidade. Quero dicir que non estamos en contra das redes sociais. Vivimos neste mundo. Hai que aceptar que están aí. Como xa o está e o vai estar máis a Intelixencia Artificial, outra gran preocupación. Defendemos que ten que haber unha regulación ética sobre ela porque non se sabe que perigosos camiños pode seguir. Pero tamén traballamos outras cousas moi importantes como a memoria. Para nós é fundamental. Non se pode construír cidadanía se non coñecemos o pasado e se non lle damos dignidade ás vítimas. Tanto as propias como as doutros países.

En realidade, todas as que menciona son cuestións importantes non só para os estudantes senón para a cidadanía en xeral. 
Por suposto. É que nós sempre dicimos que os nosos estudantes son axentes de cambio. O que aprendemos na escola ten unha repercusión na nosa contorna máis inmediata. Fáloche de pequenas accións que teñen o seu impacto e que axudan a formar a sensibilidade. Por exemplo: limpar a contorna. Por exemplo: intercambiar poemas con persoas maiores. Outra das nosas preocupacións é favorecer a relación interxeracional, que constatamos que minguou polas novas condicións sociais e que consideramos fundamental, insubstituíble.

Bota en falta as aulas?
Se che digo a verdade, non. Agora visito moitas aulas distintas; coordino proxectos diversos e teño unha relación coa cativada e cos adolescentes mellor que calquera profesor.

Porque non lles pon exames.
Exacto! Nada lles demando. Así que cando chego a unha escola é unha festa, unha alegría. Hoxe son unha persoa que o fai fundamentalmente é escoitalos. 

Cando se xubilou afirmou que a Lomce rompía con todo no que vostede cría. Despois aínda veu a Lomloe. Hoxe, que é case como unha observadora externa da educación en España, considera que a cousa vai a mellor ou a peor?
No ensino público hai moitas dificultades. E moitas delas teñen que ver co financiamento. A maiores, unha parte do profesorado está moi queimado pola burocracia. O que pasa é que as escolas da Unesco son escolas rebeldes por natureza e enfrontan moitos destes problemas con formas de resistencia pasiva. Porque as nosas prioridades son outras: crear expectativas positivas entre os estudantes.

Comentarios