"É un luxo poder celebrar festa, pero dependemos de que se reactiven as comisións"

As orquestras cren que as probas piloto serán clave para que os organizadores se animen a programar actuacións
Manuel Fariña. DP
photo_camera Manuel Fariña. DP

Galicia conta con "preto de cen orquestras profesionais" que, dende a irrupción da covid, están paradas á forza. O presidente da asociación galega sectorial, Manuel Fariña, agarda que a desescalada reactive a maioría das agrupacións, das que algunhas xa tiraron a toalla.

Como recibe o sector das orquestras as novas normas covid?

O que comentamos cando negociamos. O protocolo está ben, porque nestes tempos é un luxo que Galicia reúna as condicións para celebrar unha festa. Porén, seguimos dependendo da reactivación da xente, das comisións de festas, os concellos... Non vai servir de nada que a Xunta poña estas facilidades se a outra parte non reacciona.

Que fai falla para conseguilo?

Aí é importante o papel dos concertos piloto. Intentaremos montar unha festa para que as comisións de festa vexan como sería e se animen. É o noso reto agora mesmo, que esos concertos prendan a chispa.

Como cre que recibirán as comisións a norma de sacar entrada?

Todos temos que poñer o noso grao de area para que vexan que é sinxelo, pero se o queremos facer, ese non será o problema.

Agora mesmo a axenda das orquestras está bastante baleira.

Baleira de todo. Todo se vai trasladando dun ano para outro e agora mesmo vamos ver se se pode respectar algo do que está contratado.

Algunha orquestra tirou a toalla neste ano e pico de pandemia?

Algunha si, outras se non o fixeron é porque é moi difícil reinventarse, sobre todo nun mundo no que te dedicas a divertir aos demais, unha actividade cancelada por un ben maior.

Confía en que isto sexa un punto de partida cara unhas medidas máis flexibles?

Si. Hai que pensar que estamos en maio e que o ano pasado a estas alturas estaba morrendo xente. Se agora estamos así, como estaremos en xullo ou agosto? Eu penso que, se todo vai ben, pódese mellorar. O verán pasado non houbo grandes contaxios e este ano coa vacuna esperamos que sexa moito mellor. Agora entra un raio de luz pola ventana. Agardamos que no verán entre o sol de todo.

Comentarios