Viernes. 16.11.2018 |
El tiempo
Viernes. 16.11.2018
El tiempo

Luz Pérez e Ismael Calvo, protagonistas do campus na campaña da UVigo

Foto de familia do equipo que colaborou na campaña xunto co reitor, Salustiano Mato
Foto de familia do equipo que colaborou na campaña xunto co reitor, Salustiano Mato
O reitor agarda manter a ocupación do 96% de alumnado grazas a unha iniciativa na que os egresados animan aos futuros universitarios

"Se volvería facer a carreira? Sen dúbida, porque me encanta a publicidade. E volvería facela naquela época e tamén na actual, cos medios e o profesorado que tedes agora", afirma Ismael Calvo. A súa compañeira, Luz Pérez, subscríbeo. "E no campus de Pontevedra, claro". Licenciados en Publicidade e Relacións Públicas na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación -son da segunda promoción- e creativos de Ovo Publicidade, son os protagonistas da nova campaña de imaxe da Universidade de Vigo.

Eles representan ao campus de Pontevedra, mentres Alicia Ferreiro, enxeñeira industrial e directora de Loxística de Arnoia Distribución de libros, fai o propio co de Vigo e Jorge Vázquez, enxeñeiro informático e director da empresa de consultoría de sistemas e software a medida Redegal, é o representante do de Ourense.

Co lema Todo encaixa, en referencia á unión entre a etapa como estudantes (pasado) e a profesional (presente), a campaña, deseñada e realizada por persoal e alumando da institución académica viguesa, céntrase en tres casos de éxito de egresados da UVigo, que foron quen de "cumprir os seus soños e crear riqueza no país", asegurou o reitor, Salustiano Mato, no acto de presentación das novas pezas audiovisuais, celebrado este martes no Edificio Miralles do campus de Vigo.

Ademais de amosar o éxito profesional de egresados da institución a nova imaxe da institución pon o acento na transferencia de coñecemento que os titulados achegan á sociedade

A potenciación da imaxe de marca da Universidade é o obxectivo fundamental da campaña, que se suma, como lembrou o xefe de gabinete do reitor, Ciprián Rivas, "ás impulsadas desde a chegada de Salustiano Mato á Reitoría e para as que sempre se contou co alumnado, para o que a Universidade de Vigo está sempre na súa cabeza e no seu corazón". Ademais de amosar o éxito profesional de egresados da institución, o que supón un paso máis aló respecto da campaña do ano pasado, protagonizada daquela polo alumnado, a nova imaxe da institución tamén pon o acento na transferencia de coñecemento que os titulados achegan á sociedade, que se pode ver representada en todas as pezas, nas que se amosan situacións da vida real e localizacións características do tres campus.

SOPORTES. Tres spots curtos e tres pezas reportaxeadas nas que os protagonistas rememoran a súa etapa de estudantes nos tres campus e os seus inicios profesionais; tres anuncios de radio e tres pezas gráficas adaptadas a diferentes soportes, conforman a esta nova campaña transmedia, na que as pezas máis breves, a través dun código QR, convidan a ver as reportaxes completas.

Prensa escrita e dixital, emisoras de radio, redes sociais e autobuses, así como lonas e carteis, son os soportes a través dos que se lle dará difusión a unha campaña, que, segundo o reitor, "conecta coa sociedade, que ve como somos, un actor do desenvolvemento social, porque é a nosa obriga ser proactivos na creación de empresas e dar resposta ás demandas do sector socioeconómico". Na véspera da celebración da nova Selectividade, Salustiano Mato manifestou as súas expectativas de que cara ao vindeiro curso a Universidade manteña a porcentaxe do 96% de ocupación nos tres campus, "algo que non ocorre case que en ningún sitio", que acadou este curso que está a piques de rematar.

Na presentación da campaña, que tivo lugar nunha sala decorada para a ocasión con caixas de cartón e papel de embalar, que ocultaba os rollups coa nova imaxe, a actriz e xornalista Maika Aguado foi a encargada de conducir un acto, no que o grupo Mecanismo Ruso puxo a música. Pola súa banda, o docente da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Paulino Pérez achegou os detalles do traballo desenvolvido cos protagonistas das pezas audiovisuais, aos que agradeceu a súa disposición para participar nesta iniciativa, ao tempo que lembrou que "aínda que temos xente na ESA ou na NASA, queríamos centrarnos en cousas que temos máis preto e poñelas en valor".

Alicia Ferreiro, directora de loxística de Arnoia, que non puido estar presente no acto de presentación da campaña, refírese a súa participación nela como "unha experiencia fantástica". Pola súa banda, Jorge Vázquez, director de Redegal, que se atopa en México, asegura que "para una empresa coma esta, cuxo equipo se nutre nun 90% de titulados da Universidade de Vigo, participar nesta campaña supón un recoñecemento xa non a súa traxectoria, senón a do equipo humano que traballa día a día para ser mellor e sen o que, o crecemento da empresa non sería posible". Redegal, xurdida dun grupo de investigación da Escola de Enxeñaría Informática, conta con oficinas en Ourense, Madrid, Miami e México, nas que desenvolven a súa actividade un cento de empregados.

Luz Pérez e Ismael Calvo, protagonistas do campus na campaña da UVigo
Comentarios