Luz verde ao proxecto para o eólico da Fracha en Ponte Caldelas e Pontevedra

O parque supera o informe ambiental da Xunta e terá un menor impacto do previsto ao reducir a altura dos aeroxeradores de 105 a 95 metros ? O proxecto recibiu 428 alegacións
Un parque eólico da comarca de Pontevedra. DP
photo_camera Un parque eólico da comarca de Pontevedra. DP

Tras a realización dunha avaliación do impacto ambiental do proxecto, a Dirección xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade acaba de determinar que o parque eólico Serra da Fracha é "ambientalmente viable". Así o determina a resolución publicada onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), que da luz verde á construción de dous aeroxeradores entre os termos municipais de Ponte Caldelas e Pontevedra, aínda que impón unha serie de condicións e cambios no proxecto, o primeiro dos catro plantexados na capital da provincia ao que se lle da o visto bo para sair adiante.

A principal modificación será unha redución da altura das torres, que pasarán dos 105 metros plantexados pola promotora, Eólicos Santa Teresa S.L., a 95 metros -sen ter en conta as dimensións das palas-. Esta condición vén imposta polo informe do Instituto de Estudos do Territorio co obxectivo de minimizar o impacto visual sobre a cidade de Pontevedra.

Xacementos petróglifos

Dende a Dirección xeral de Patrimonio Cultural, aínda que se informou de xeito favorable, tamén se realizaron unha serie de consideracións pola habilitación do viario de acceso á infraestrutura eólica. Os traballos acometeranse nunha contorna de xacementos petróglifos, polo que se establece que as obras deberán ser supervisadas e, "no caso de aparecer restos de interese arqueolóxico, poderanse solicitar cambios nas características do proxecto".

A construción deste acceso tamén afectará á zona de ríos, concretamente a un leito do río da Reigosa e a outro do Bouzamigo, e ao rego de Covelo polo cruce co mesmo das infraestruturas eólicas. Non obstante, dende Patrimonio Natural apuntan que o proxecto prevé "manter a continuidade da rede de drenaxe natural do terreo coa menor afección posible ao medio hídrico".

Impacto na flora, a fauna e o turismo

En canto ao impacto na flora, indícase a posible presenza dunha especie ameazada, pero esta "non figura como potencialmente presente na área". Non sucede o mesmo coa fauna, xa que, segundo o informe, das 20 especies de reptís da zona, "sete estarían catalogadas como vulnerables", as cales "poden estar presentes na área de estudio". Por outra banda, considérase "pouco probable" a presenza de mamíferos vulnerables.

A Axencia de Turismo de Galicia alude a un posible impacto do proxecto sobre os valores turísticos da zona e dende Planificación e Ordenación Forestal imponse o cumprimento da normativa de prevención de incendios.

Máis de 400 alegacións

O proxecto para o parque eólico Serra da Fracha, tal e como se expón na resolución, recibiu un total de 428 alegacións, 412 de particulares e 16 proveñentes de asociacións ou organizacións. Entre elas figuran as alegacións presentadas polo Concello de Ponte Caldelas -o municipio ocupado en maior parte polo proxecto- e as presentadas polo Concello de Pontevedra.

Comentarios