Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Luz verde da Xunta ás batidas de xabaríns en Cerponzóns

Plantacións danadas por xabaríns en Cerponzóns. CEDIDA
Plantacións danadas por xabaríns en Cerponzóns. CEDIDA

Varios veciños fixeron chegar ao Goberno autonómico as súas queixas polas desfeitas provocadas polos animais nos cultivos

A Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns presentou nos últimos días escritos de protesta dirixidos á Xunta de Galicia e ao departamento de Caza polos estragos ocasionados polos xabaríns en propiedades de varios habitantes da parroquia, instando ás autoridades a tomar medidas ao respecto.

O colectivo veciñal reuniuse cunha representación da directiva da Sociedade de Caza Pontillón do Castro, a responsable da zona en temas de cinexética, que decidiu, tras comprobar a situación na que se atopan os habitantes de Cerponzóns, darlle prioridade a esta parroquia nas batidas da tempada de caza 2018/19, que comeza nos próximos días. A raíz disto, a Xunta de Galicia vén de autorizar o inicio destas batidas para a próxima fin de semana.

Ademais destes contactos formais, nas últimas semanas varios veciños da zona presentáronse a título individual nas dependencias do Executivo autonómico para denunciar os danos dos xabaríns.

A Asociación de Veciños O Chedeiro apunta tamén que varios dos afectados chegaron a organizar pola súa conta batidas nocturnas para espantar os animais e botalos dos seus terreos.

Varios dos afectados chegaron a organizar pola súa conta batidas nocturnas para espantar os animais

O millo, un cultivo moi habitual na zona e que xa se atopa moi crecido nesta época do ano, está a ser unha das plantacións máis afectadas pola entrada dos xabaríns nas leiras.

ZONAS MÁIS AFECTADAS. Os lugares de Meán, O Vigario, Pidre e Tilve son os que o colectivo veciñal de Cerponzóns sinala como os máis danados pola acción dos xabaríns. Os residentes nestas zonas instan tamén aos servizos provinciais e ao departamento de Conservación da Natureza a regresar á parroquia e avaliar os novos estragos que se están a producir.

A Asociación O Chedeiro tamén apuntaba que a batida que se realizou hai uns días desde o Pontillón ata Xeve parecía non ter reportado ningún resultado positivo, pero malia isto agardaba que as novas batidas que se iniciasen en Cerponzóns co comezo da tempada de caza si tivesen éxito.

Lembraba, tamén, que os propietarios que sufrisen danos nas súas fincas terán que continuar denunciándoos á Xunta a pesar de que empece a tempada cinexética. As reclamacións poden efectuarse chamando ao teléfono 986 805 459, sen necesidade de desprazarse ata as dependencias do Goberno autonómico.

As cazas de xabaríns aumentaron exponencialmente nos últimos anos, favorecidas polo cambio de hábitat e polo aumento da atención sobre esta especie por ser a que máis danos ocasiona en propiedades privadas. Os xabaríns cazados en Galicia no ano 2000 foron 2.082, que se converteron en 13.156 no ano 2010 e en 15.333. na tempada pasada.

Luz verde da Xunta ás batidas de xabaríns en Cerponzóns
Comentarios