O Ganapán ensinará aos cativos a facer madalenas de mandarina e biscoitos de aguacate

Esta fin de semana, o Gastroespazo do Mercado de Abastos acollerá unha nova entrega do programa de lecer infantil do Concello
Participantes nunha anterior edición do Ganapán. RAFA FARIÑA
photo_camera Participantes nunha anterior edición do Ganapán. RAFA FARIÑA

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, regresa esta fin de semana cuns talleres de cociña do máis innovador e creativo. Así, entre as actividades que se desenvolverán no Gastroespazo do Mercado de Abastos o sábado 22 de xaneiro inclúese un obradoiro de elaboración de ricas e aromáticas madalenas de mandarina, mentres que no programa previsto para o domingo 23 de xaneiro, os máis pequenos poderán realizar un delicioso e súper suave biscoito de aguacate con glaseado de iogur.

Ganapán Sábado 22 de xaneiro

Como vén sendo habitual, os rapaces tamén poderán desfrutar de talleres nos que as manualidades e a imaxinación serán protagonistas. Segundo explica a socialista Yoya Blanco, "para a xornada do sábado está previsto un obradoiro no que os rapaces participantes crearán unha mini piñata ideal para decorar e entreterse, e para a do domingo outro no que construirán o seu propio instrumento musical, unha frauta de pan a base de palliñas". "Aconsello a todos traer a súa friameira para levar o que cociñen aos seus fogares", sinala a concelleira.

Ganapán Domingo 23 de xaneiro

Os nenos e nenas de 4 a 10 anos interesados en asistir deberán inscribirse previamente a través do email [email protected] antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos talleres. Unha vez máis, haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas.

Comentarios