Maica Larriba García, subdelegada do goberno en Pontevedra

"Implícome ao cento por cento na loita contra a violencia de xénero"

Un dos obxectivos da nova representante do Goberno de España na provincia é darlle voz á cidadanía e garantir a súa seguridade ► Mentres se afai ao cargo, que compaxina co de secretaría xeral da agrupación socialista local, non disimula o "orgullosísima" que se sente pola chegada de Pedro Sánchez á Moncloa e afirma que non se lle pasa pola cabeza a Alcaldía

Maica Larriba García, subdelegada do Goberno de Pontevedra. GONZALO GARCÍA
photo_camera Maica Larriba García, subdelegada do Goberno de Pontevedra. GONZALO GARCÍA

ACABA DE CUMPRIR un mes como subdelegada do Goberno en Pontevedra, en substitución de Ana Ortiz, e unha das súas primeiras medidas foi pedir o cambio das placas onde se le subdelegado. Maica Larriba García (Pontevedra, 1953) suma este cargo ao de secretaria xeral da agrupación local do PSdeG-PSOE.

Como están sendo estas primeiras semanas de traballo?
Moi intensas. Primeiro porque é unha responsabilidade nova, un cargo ao que te tes que afacer e que ten moitísimas competencias. A xente identifica a Subdelegación do Goberno cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que xa é moito, pero hai moitísimas máis responsabilidades. Estou coñecendo as dependencias, entrevistándome cos responsables... Temos competencias en sanidade exterior, en postos de información fronteiriza, aeroportos, costas, estradas, Protección Civil...

Recibiu máis felicitacións que pésames tralo nomeamento?
Desde logo. Pero cada vez que me felicitan pido que me desexen moita sorte, porque é fundamental que as cousas vaian o mellor posible. Sempre cometemos erros e pido comprensión, pero que os cidadáns saiban que a disposición da Subdelegación e do seu persoal é a de traballar con seriedade e a máxima responsabilidade para ofrecerlles os mellores servizos e garantir a súa seguridade.

Aterrar a metade da lexislatura inflúelle dalgún xeito?
Non, non. Calquera persoa que ocupe este posto ten un período de adaptación.

De quen se lembrou cando coñeceu o seu nomeamento?
Do meu pai e da miña nai e de todos aqueles que me quixeron, que confiaron en min. Algúns xa non están, como meus pais. Lembreime da miña familia, do meu marido, dos meus fillos, do meu netiño... E tamén de todos os meus amigos e compañeiros que me apoiaron. De Javier Losada [delegado do Goberno en Galicia], por suposto, que depositou en min a súa confianza; do meu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que apostou por min, e de Pedro Sánchez, con quen tiven relación a partir deses procesos orgánicos que todos coñecemos. Creo que colaborei a que Sánchez fora presidente do Goberno, primeiro conseguindo que volvera ser secretario xeral do PSOE. A satisfacción foi enorme. Recibo moitísimas felicitacións polo cambio de Goberno, mesmo de xente da que non o esperaba. Estou orgullosísima de que Pedro Sánchez sexa o presidente do Goberno e esperanzadísima con que Gonzalo Caballero chegue a ser presidente da Xunta.

O caso de Sonia Iglesias non está aparcado, séguese traballando para esclarecer a súa desaparición

Cal é o seu principal reto nestes dous anos?
Que a Subdelegación do Goberno sexa a voz da cidadanía de Pontevedra, elevala a instancias superiores. E, por suposto, como muller e socialista, implicarme ao cento por cento na loita contra a violencia de xénero, apoiar todo tipo de políticas que teñan como obxectivo conseguir a igualdade real entre homes e mulleres e acabar con esa peste, con esa lacra, que é a violencia de xénero. Ás veces parece que se están incrementando, de maneira exponencial, estes delitos, pero o que creo que está pasando é que as políticas de prevención e educación están dando os seus froitos. Un deles é que as mulleres perderon o medo a denunciar. E que os amigos e familiares que teñen coñecemento de que nun domicilio se está producindo violencia de xénero tamén colaboren. Iso é fundamental, que as mulleres saiban que teñen o apoio social e o apoio do Goberno. É un dos meus principais obxectivos.

Precisamente onte cumpríronse oito anos da desaparición de Sonia Iglesias. Cre que poderá haber novos avances na investigación nos vindeiros meses?
Eu, loxicamente, non podo dar datos sobre a situación na que está este caso, máis aló dos que son sabidos. Eu coñecía a Sonia. O que si podo dicir é que todos os días, todas as semanas, os corpos e forzas de seguridade do Estado seguen na investigación da desaparición de Sonia. Que non crea a cidadanía que as investigacións están durmidas ou no conxelador. Os responsables dos corpos de seguridade que están no caso de Sonia Iglesias seguen traballando para lograr o esclarecemento da súa desaparición. O caso non está aparcado.

Cre que Pontevedra é unha provincia segura?
Desde logo. Os índices de delincuencia están baixando dunha maneira considerable. Xa a anterior subdelegada, na súa despedida, transmitiume que recibía unha provincia segura na que os índices de delincuencia estaban baixando con respecto a períodos similares en anos anteriores. Certo é que no verán a provincia, dado que é costeira, recibe unha poboación moi a maiores do censo habitual. O índice pode aumentar neses meses. Sempre poño como exemplo o concello de Sanxenxo, que no verán quintuplica a súa poboación e se converte no terceiro núcleo poblacional de Galicia. É lóxico que neses meses repunten os índices, pero Pontevedra é unha cidade segura e os corpos de seguridade están permanentemente activos para garantir a seguridade dos cidadáns.

Está sendo un verán tranquilo? Preocúpalle algunha circunstancia de orde pública?
A nivel de delincuencia non hai incidencias subliñables. Si é certo que foi un mes moi intenso. Acababa de tomar posesión cando sucedeu o incendio do catamarán do Grove, no que afortunadamente non houbo falecidos, aínda que posteriormente finou un dos feridos máis graves ao non superar as consecuencias das queimaduras. Funcionaron perfectamente todos os servizos de atención ás vítimas, tanto o corpo superior de Policía como a Garda Civil, que tivo unha actuación extraordinaria. A Garda Civil de Tráfico montou un dispositivo que permitiu a entrada de 22 ambulancias no porto do Grove e a evacuación de todos os feridos. Houbo un comportamento excepcional da poboación do Grove: bateeiros, pescadores, veciños, que recolleron os pasaxeiros do mar e os levaron a lugar seguro... O alcalde habilitou prazas de aloxamento para as persoas que non dispuñan de medios nese momento, porque a maior parte da xente perdeu todas as súas pertenzas no incendio. Foi un comezo serio.

Loitamos permanentemente contra ese enorme problema que é o narcotráfico

En canto ao narcotráfico, hai un incremento da actividade policial neste sentido ou é unha percepción da sociedade?
A actividade policial respecto ao narcotráfico está permanentemente alerta e activa, mesmo se se trata de montar unha infraestrutura que tiña como obxectivo desenvolver unha operación a raíz do que ocorreu recentemente co Titán (Terceiro, que foi interceptado preto das Azores con 2.500 quilos de cocaína e que permitiu numerosas detencións, entre elas as de Manuel Charlín e un fi llo seu). Está claro que había unha infraestrutura en Galicia moi importante. De feito, 20 dos 24 detidos foron apresados en Galicia. Nós, como Subdelegación, temos a responsabilidade de manter unha escrupulosa reserva respecto dos datos que me chegan, porque o primeiro que fai un xulgado é decretar o segredo das actuacións. Cando unha operación está aberta non podemos dar información, nin sequera desmentir os datos que aparecen na prensa. O traballo dos corpos e forzas de seguridade do Estado é permanente e así o demostran as continuas incautacións de haxix e cocaína. Loitamos permanentemente contra ese enorme problema que é o narcotráfico, xa que Galicia é unha zona quente.

O cargo de subdelegada é o colofón á súa carreira política?
De momento si o é. Aquí estou para desempeñalo coa máxima responsabilidade. O que nos pode deparar o tempo non o sabemos.

Gustaríalle ser alcaldesa de Pontevedra?
Non está en absoluto no meu obxectivo. Non teño disposición para iso. Empecei a miña andaina política no Concello, fun concelleira durante oito anos (1987-1995). Era a única muller concelleira dunha Corporación de 25 membros. Teño un magnífico recordo do meu paso polo Concello de Pontevedra. Deixei grandes amigos de todas as forzas políticas que compoñían aquela Corporación. Aí estaba eu con Tito Taboada, Gonzalo Adrio... Non está entre os meus obxectivos, en absoluto, optar á Alcaldía de Pontevedra.

Como secretaria xeral da agrupación local, como ve agora mesmo o seu partido, a todos os niveis?
Vexo o PSOE en xeral moi reforzado e, sobre todo, moi ilusionado, con moitas ganas, ao igual que o PSdeG e as agrupacións locais. Teño unha magnífica executiva, xente con moita experiencia, xente nova que se está introducindo na vida orgánica, que traballa, que aprende, que se ilusiona... Neste momento teño unha enorme esperanza en que o PSOE e o PSdeG recuperen aínda máis confianza da que xa moitos cidadáns teñen depositada neles.

Teñen candidato á Alcaldía?
Non. De momento non empezou o proceso de primarias. Calcúlase que se iniciará despois do verán.

"Xamais me arrepentín de dedicar a miña vida á ensinanza"
Pontevedresa de toda a vida, procedente dunha familia "numerosísima", casada, nai de dous fillos e avoa dun neto, Larriba é filla e irmá de xornalistas. Catedrática de Xeografía e Historia, vén de cumprir os 65 anos, pero non pensa na xubilación. "Levo moitísimos anos no IES A Xunqueira I, onde fun secretaria e directora. Dediqueille boa parte da miña vida. O ensino, a miña familia e o compromiso co Partido Socialista foron tres constantes na miña vida". Admite que bota en falta dar clase.
Xubilación
"Debo de ser unha profesora atípica, pois nunca me pasou pola cabeza xubilarme. Gústame a aula. Imparto docencia en segundo de Bacharelato e teño sorte de explicar materias moi gratificantes, como Historia de España contemporánea ou Historia da Arte". Afirma que "nunca tiven ningún problema cos alumnos, máis aló dun roce por ser unha mestra esixente. Xamais me arrepentín de dedicar a miña vida á ensinanza. Sempre lles digo aos meus fillos que teñen moita sorte, pois os seus pais teñen as dúas profesións máis marabillosas do mundo: a medicina e a educación. Desde o meu punto de vista son as profesións máis importantes".

Comentarios