Maiores e rapaces abordan a cara e a cruz da emigración

O IES A Xunqueira I acolle un programa interxeracional de Afundación

Elisa Senra co grupo de alumnos co que falou sobre as motivacións para emigrar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Elisa Senra co grupo de alumnos co que falou sobre as motivacións para emigrar. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Dorinda Rivas, Elisa Senra, Mª del Carmen González e Margarita Gómez son as catro voluntarias do Espazo +60 Afundación de Pontevedra que este martes participaron xunto a 22 alumnos de Historia de 2º da ESO do IES A Xunqueira I na iniciativa Fálame da emigración, na que maiores e estudantes de centros escolares de toda Galicia dialogan sobre vivencias na emigración.

O proxecto enmárcase na liña estratéxica O valor da experiencia, da Área de Envellecemento Activo de Afundación, que ten como obxectivo "ampliar as oportunidades de participación e de contribución social das persoas maiores, aproveitando o seu talento e a súa experiencia vital e profesional, a través de programas interxeracionais e de voluntariado, que beneficien outros grupos da sociedade".

Na primeira sesión do encontro, celebrada con anterioridade, estas mulleres contaron as súas experiencias na emigración en países como Alemaña, Venezuela ou Francia, que inclúen vivencias como separacións familiares e aprendizaxe de idiomas en tempo récord.

El martes foi a quenda dos rapaces, que, tras investigar sobre a historia das súas propias familias, relataron as súas relacións coa emigración e xuntos reflexionaron sobre as diferentes motivacións para emigrar, as dificultades e os aspectos positivos ou as diferenzas coa inmigración en Galicia. Falaron, por exemplo, Andrea Alvite, Ainoa Garzón, Ainara Iglesias e Noé Romero.

Mª del Carmen González: "Viaxo todo o que podo: a Inglaterra, a Marrocos, a Estados Unidos..."

María del Carmen González, mestra xubilada. JAVIER CERVERA-MERCADILLOAos seus case 74 anos, esta mestra xubilada fai gala da súa enerxía, destaca a importancia da interacción cultural e despois de percorrer medio mundo ("non tanto como quixera") aínda pensa en volver facer a maleta e pasar un tempo en Estados Unidos, se as circunstancias familiares llo permiten. Nacida en Ribeira (A Coruña), está asentada en Pontevedra.

A que se dedicou na súa vida profesional? Canto leva xubilada?

Levo dez anos xubilada. Fun profesora de Infantil, de Francés, de Lengua Española e de Inglés. Impartín clase no Príncipe Felipe, na Anexa (actual Vidal Portela) e no instituto A Xunqueira II. Agora dou aulas de Inglés no Espazo +60 como voluntaria.

En 1967 viaxou a Inglaterra para aprender inglés mentres traballaba nun hospital, logo trasladouse a París e coidou nenos (entre eles o neto de Zola), en 1971 volveu a España, aprobou as oposicións de Maxisterio e obtivo praza en Barcelona. Foi profesora en California e Dallas (EE UU) e en Marrocos...

Viaxo todo o que podo. Vou moito a Inglaterra a ver unha amiga (antes ía a Noruega porque ela vivía alí), de cando en vez a Dallas e dúas veces ao ano a Marrocos, onde traballei seis anos e teño alí un apartamentiño. Aproveito para levar xente de turismo. Cando me fun a Dallas era para viaxar bastante máis, pero alí vívese para traballar. Aínda estou pensando en volver a unha charter school.

Comentarios