Máis de 11 millóns de euros públicos impulsan o sector cultural da cidade

O Concello destina o 4,5% do seu orzamento para 2021 en proxectos relacionados con este eido  A maior parte dos investimentos no Museo dedícanse ás nóminas dos traballadores
En maio celébrase tamén o programa Maio mes da lingua (1); en xuño, comeza o programa de Festas do verán (2).
photo_camera En maio celébrase tamén o programa Maio mes da lingua (1); en xuño, comeza o programa de Festas do verán (2).

Só o Concello destina anualmente preto de cinco millóns de euros á cultura, que sumados aos seis millóns que a Deputación inviste no Museo de Pontevedra supoñen once millóns de impulso ao sector cultural na Boa Vila.

A esta cantidade habería que sumarlle os investimentos da Xunta de Galicia, así como os da Deputación máis alá da institución museística que depende dela. Son datos extraídos do Informe do Sector Cultural en Pontevedra elaborado polo grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo para o Concello.

O estudo debulla polo miúdo a que tipo de gastos van destinados os orzamentos municipais, de xeito que as actividades culturais en si mesmas supoñen máis da metade do presuposto cultural, o 55,7% do mesmo. O mantemento dos edificios ou os gastos de persoal son outras das partidas relevantes (566.000 e 267.795 euros, respectivamente) dun concello que conta cunha programación cultural fixa que abarca 45 eventos ou ciclos distribuídos ao longo do ano e dedicados a diferentes ámbitos como o cine, a música, as artes escénicas ou a pintura.

Ao longo de 2020 as asociacións da cidade programaron 229 actividades das que só se realizaron menos da metade 

"O de Pontevedra é un Concello que entende a cultura como algo transversal, de feito que moitas concellerías máis alá da de Cultura celebran actividades deste tipo", explica o coordinador do grupo de investigación que elaborou o informe, Pedro Figueroa.

Deste xeito, o Goberno local destina o 4,5% do seu orzamento de 2021 ao sector, tendo en conta que en 2021 as contas do Concello ascenden aos 110 millóns, xa que dispoñen de 30 millóns de euros extra que formaban parte dos aforros municipais e foron rescatados con motivo da crise sanitaria. Nun ano normal, o orzamento total do municipio situaríase arredor dos 80 millóns e, nese caso, a cultura suporía un 6,5% do total.

Por outra parte, a actividade cultural da cidade non sería a mesma sen o Museo de Pontevedra, unha institución que depende da Deputación e que supón un investimento anual de 6,1 millóns de euros segundo os orzamentos correspondentes ao ano 2020.

A maior parte das partidas van destinadas ás retribucións dos traballadores, que supoñen un 46,5% do presuposto, 2,8 millóns. Os traballos realizados por outras empresas (21,1%), ou a adquisición de fondos culturais (11,1%) son outras das partidas principais das contas anuais do Museo.

Os datos que amosa o estudo en relación ao investimento público multiplícanse se se ten en conta o gasto cultural da Xunta de Galicia, que xestiona infraestruturas como a Biblioteca Antonio Odriozola, o Arquivo Histórico Provincial ou o Conservatorio Manuel Quiroga.

Ademais, financia parte de actividades como a propia feira das industrias culturais, o Culturgal, que se celebra a finais de ano na cidade. Tamén a Deputación é responsable doutros edificios como o Arquivo Provincial e impulsa actividades de xeito directo ou a través de colaboracións. Nesta relación habería que incluír á UVigo e, no que se refire aos investimentos privados, a Afundación.

Asociacionismo. A nivel de base, o asociacionismo tamén xoga un papel fundamental na dinamización da cultura en Pontevedra e, segundo o Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, na cidade déronse de alta 385 asociacións dende 1977.

"Non é un rexistro moi fiable para saber as que están activas agora mesmo, porque non se recollen as baixas", explica Figueroa. Do mesmo xeito, na maior parte das entidades rexistradas non se detalla a que tipo de actividade se dedican, aínda que un 7,8% especifican que son colectivos de tipo musical, outros (2,9%) están centrados na cultura popular e a gastronomía, un 1,6% ao teatro e aos espectáculos, un 1,3% á defensa do patrimonio e un 0,3% son de tipo histórico.

O traballo sobre o sector cultural inclúe datos sobre o número de actividades programadas ao longo do ano da pandemia polas asociacións. Deste xeito, a pesar da covid, os colectivos organizaron 229 eventos, dos cales tiveron que ser cancelados a metade debido á situación sanitaria. No ano anterior, antes da pandemia, programáronse e leváronse a cabo polo menos 309 actividades, segundo os datos dunha enquisa elaborada por este equipo de investigación á que responderon 33 asociacións.

Do mesmo xeito, as preguntas que incluía a enquisa permitiron saber detalles como o número de socios dos colectivos ou os seus orzamentos. Segundo os datos recabados, as 33 asociacións que contestaron manexan un orzamento anual de 355.805 euros, aínda que o reparto entre elas é dispar.

Comentarios