Máis de 130 actividades e 120 expositores no Culturgal

A décima edición do evento contará cunha ampla oferta de actividades culturais producidas no país

Ao longo de tres días, Culturgal construirá en Pontevedra un espazo no que gozar, con tempo e ampla oferta onde escoller, da actividade cultural producida no país.

Esta fin de semana no Pazo da Cultura haberá máis de 130 actividades e 120 expositores que se converterán tamén en escenarios improvisados apra mostrar e facer de creadores, entidades e institucións. Estreas dos libro-disco que o petarán este Nadal entre o público máis novo, espectáculos na Carpa de estilos variados: desde Atrás Tigre ata Panadaría, pasando polo percusionista Robertoliveira; o último cinema galego, incluída a estrea en Galicia do documental Sitio distinto; conversas e sinaturas cos autores e autoras deste e do ano que vén; o directo de Respirar de Andrea Pousa este sábado pola noite... Por estas e moitas razóns, Culturgal é unha cita ineludible.

Ademais, nesta edición de 2007 a feira aposta, tras meses de traballo, polo convite a Portugal como cultura convidada, un intento serio de establecer relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas.

Aínda que desde o nacemento de Culturgal, a cultura producida no país veciño tivo presenzas máis puntuais no recinto e na programación, en 2017 comparece en Pontevedra como unha marca conxunta para institucións, empresas e creadores portugueses.

A cultura portuguesa visibilizarase a través de encontros, conversas, presentacións e espectáculos, co apoio da Secretaría de Estado da Cultura e a través da Direçao Regional de Cultura do Norte e Instituto Camões.

A programación completa do evento pode consultarse na páxina werb cultur.gal, así como nos perfís da feira nas diferentes redes sociais.

ARTE CONTEMPORÁNEA. Desde 2014, co apoio da Deputación de Pontevedra, o equipo da Feira, dirixido por Xosé Aldea, decidíu achegarse á arte contemporánea a través de diferentes mostras colectivas desenvolvidas na sala de exposicións do Pazo da Cultura. Nelas, baixo o comisariado de Antón Sobral e Paula Cabaleiro e ao redor do libro de artista, a arquitectura ou a paisaxe, participaron boa parte dos artistas galegos, tanto consolidados como emerxentes.

En 2017, Culturgal transforma o formato adicado á arte establecendo un espazo de arte contemporánea. Encomendado aos mesmos comisarios, este espazo contará con expositores e programación propias. O obxectivo é implicar aos diferentes axentes que operan neste ámbito: artistas, galerías, estudantes, docentes, críticos, etc, para tomarlle o pulso ao campo artístico a través de intervencións, presentacións e coloquios e normalizar a visibilidade das artes e as súas dinámicas, tal como Culturgal procede con outros sectores da cultura.

Dez anos: Unha historia que comeza en 2007

A primeira edición de Culturgal tivo lugar en maio de 2007 en Pontevedra, impulsada fundamentalmente polos editores de Galicia. En 2008 celebrouse na Coruña. Tras un ano baldío, diferentes asociacións gremiais decidiron constituír a asociación Culturgal en 2010 para dar estabilidade ao proxecto, que ese mesmo ano volve a Pontevedra para quedar.

Hoxe forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtores Independentes (Agapi), entre outras.

Corresponsabilidade
​Culturgal consolida un modelo de colaboración entre as empresas galegas dos diversos sectores da cultura e os poderes públicos (Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte), que achegan o seu patrocinio, sen menoscabo das axudas dos patrocinadores privados e da corresponsabilidade asumida por 15.000 visitantes e un cento de expositores.