Máis de 200 emigrantes volveron á comarca no último ano

A Xunta axudou a sete emprendedores da comarca que retornaron da emigración con subvencións para os seus proxectos

El secretario xeral de Emigración Antonio Rodríguez Miranda en la vinoteca Tragolargo. GONZALO GARCÍA.
photo_camera O secretario xeral de Emigración Antonio Rodríguez Miranda na viñoteca Tragolargo. GONZALO GARCÍA.

A Xunta quere que os emigrantes no exterior volvan. Na actualidade, 30.000 veciños de Pontevedra e arredores viven no estranxeiro. Ademais, o cómputo total de galegos na diáspora é de medio millón de persoas. "Hoxe en día están retornando emigrantes a moitos puntos de Galicia e queremos que volvan máis", indicou o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, este xoves en Pontevedra. O secretario xeral visitou a cidade para falar da estratexia Retorna 2020 e fíxoo nun dos establecementos dun emprendedor retornado, Carlos Vidal, propietario da viñoteca Tragolargo.

A Pontevedra volveron 200 emigrantes ao longo do último ano e a Secretaría Xeral de Emigración axudou á posta en marcha de sete empresas de pontevedreses retornados. "Son persoas que no seu momento saíron de Galicia ou fillos de galegos emigrados –algo moi habitual nos concellos próximos a Pontevedra– que deciden volver. Queremos que esa xente decida que a súa vida persoal e profesional se estableza en Galicia", explicou Miranda.

A estratexia Retorna 2020 está formada por unha serie de medidas para facilitar o retorno de emigrantes a Galicia. Así, tal e como explicou Miranda, consiste en ofrecer axudas para que o retorno se produza en boas condicións desde o punto de vista social, educativo, laboral e de vivenda.

As axudas ao retorno emprendedor son unhas das medidas da estratexia. Permiten que un proxecto emprendedor dun emigrante retornado poida ter un apoio da Xunta de ata 10.000 euros e van destinadas a cubrir os gastos correntes de posta en funcionamento das empresas. 

Queremos que a tradición emigrante de Galicia se convirta no século XXI nunha oportunidade


"Queremos que a tradición emigrante de Galicia se convirta no século XXI nunha oportunidade. Que esa xente que ten moi boa formación e grande experiencia profesional volva a Galicia e nos achegue eses valores para que a nosa sociedade medre e sexa máis competitiva neste mundo globalizado". Do mesmo xeito, Miranda fixo referencia ao avellentamento da poboación en Galicia e os problemas que acarrea. "Eles poden ser un piar importante dentro desas metas que nos pon por diante o reto demográfico en Galicia".

"Cando pensas en abrir un negocio, as axudas son un último empurrón"

Tras oito anos en Londres, Carlos Vidal traspasou o seu negocio na capital británica coa intención de emprender en Pontevedra, a súa cidade. Agora rexenta a viñoteca Tragolargo.

"Decidín volver porque a miña parella vive aquí e, ademais, a situación en Inglaterra era complicada. Eu tiña un negocio alá, levaba sete anos pagando as miñas taxas, dándolle traballo tanto a traballadores españois como italianos como ingleses e, de repente, ves que a xente vota por poñerche a vida complicada; tiñamos que regularizar papeis e demais", conta referíndose ao Brexit. 

A vitoria dos que optaban por saír da Unión Europea no referendo de xuño de 2016 influíu á hora de tomar a decisión de volver, mais tamén foi determinante a forma de vida de Inglaterra e os desexos de Carlos por volver.

A volta prolongouse por cuestións burocráticas e, nesa espera, descubriu que existían axudas da Xunta de Galicia para emigrantes retornados. "Cando pensas en abrir un negocio vas ao límite no que se refire aos cartos e a axuda dáche un último empurrón". 

Do mesmo xenito, Vidal explicou este xoves e que se está adaptando á clientela de Pontevedra, aínda que a considera unha boa cidade para un negocio de hostelería.