Máis de 3 millóns de euros para mellorar a seguridade vial do rural

O Concello prevé acometer este ano a mellora de estradas en Campañó, Mourente, A Canicouva, Lérez, Marcón e Lourizán
Obras de calmado de tráfico en Peralba, Marcón. GONZALO GARCÍA
photo_camera Obras de calmado de tráfico en Peralba, Marcón. GONZALO GARCÍA

Mellorar a calidade de vida, as condicións de accesibilidade e de seguridade viaria de seis parroquias do rural son algúns dos obxectivos das obras que a Concellaría do Rural prevé acometer neste exercicio.

Estes traballos contarán cun investimento total de 3.065.493,12 euros. Tal e como avanzou o concelleiro responsable de Medio Rural, Alberto Oubiña, trátase de seis grandes actuacións que se realizarán con cargo á modificación de crédito aprobada na sesión plenaria do mes de maio.

Obras de alcantarillado en Campañó

Con carácter xeral, as obras contemplan a renovación da capa de rodadura, a instalación de elementos de calmado de tráfico, a renovación das canalizacións de pluviais e a instalación de nova sinalización. Nalgúns tramos tamén está previsto o ensanchamento da vía, a realización de muros de sostemento e a instalación de varandas. En total, suman 7.459 metros de vías municipais nos que se intervirá.

Campañó

En Campañó melloraranse 1.685 metros de viais entre Carballiños e Ferreiros. Esta actuación, que conta cun orzamento de 432.596,36 euros, inclúe a renovación da pavimentación, instalación de pluviais, o ensanchamento dun tramo de 140 metros no acceso a Sabarís, a instalación de lombos e muros de contención, e nova sinalización.

Mourente

En Mourente, a intervención está prevista no vial do Pazo a Carabelos. Trátase dun tramo de 1.220 metros, que conta cun orzamento de 437.460,08 euros, e que ademais da capa de rodadura, lombos e nova sinalización, implicará a demolición das actuais canalizacións de pluviais para substituílas por unhas novas. O tramo no que se actuará é un vial paralelo á estrada de Ourense (PO 541) no que se colocou o abastecemento recentemente pero no que, dadas as condicións do vial e a densidade de poboación á que dá servizo, se realiza esta actuación fóra do contrato de Viaqua para renovar a canalización de pluviais.

A Canicouva

Na parroquia da Canicouva, intervirase nun tramo de 820 metros, no que se renovará a capa de rodadura, instalaranse lombos e renovaranse pluviais e sinalización. Ademais acometerase o ensanchamento do vial en todo o tramo e instalaranse muros de contención. Esta intervención ten un orzamento de 742.969,13 euros.

Lérez

No caso da parroquia de Lérez completarase a actuación no Ramallás que se realizou hai uns meses coa dotación de saneamento nese lugar, respondendo a unha demanda histórica da veciñanza. Nese treito no que se colocara o saneamento pavimentouse e quedou arranxado e agora continúase nun tramo de 558 metros. O orzamento ascende a 386.897,39 euros e ao igual que nas demais actuacións instalaranse elementos de redución de velocidade, renovarase a capa de rodadura, pluviais e sinalización. Ademais neste caso, acometerase o ensanchamento dun tramo de 336 metros.

Marcón e Lourizán

Ás catro actuacións anteriores súmanse ademais as dúas das que xa informara o concelleiro de Medio Rural tras a aprobación da modificación de crédito e que tamén foron concebidas a fin de mellorar os servizos no rural: a da Peralba, en Marcón, que conta cun investimento de 564.248,34€ para 1.995 metros de viais; e a do vial de Rial a Rorís-A Meán-Liñares, na parroquia de Lourizán, cun investimento de 455.190, 94€ para 1.181 metros de viais. Alberto Oubiña salientou ademais que todos estes traballos contan co obrigado plan de seguridade e saúde, que ascende 46.130,88 euros.

Comentarios