Máis de corenta establecementos de hostalaría están xa inscritos na web oficial da Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon para facilitarlle a todos os visitantes que nos vindeiros tomarán Pontevedra a situación e tipoloxía dos locais aos que poden acudir.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este venres unha xuntanza con algúns dos responsábeis destes establecementos co fin de subliñar a importancia do sector dentro da proba internacional, e agradecerlles a súa participación e implicación "nunha semana que semella será inesquecíbel". O rexedor extendeu este agradecemento público a todos os establecementos da cidade, alén dos que decidiron poñer as súas cartas e servizos na web oficial.
"Vós colaborades activamente en que esta Gran Final sexa a mellor celebrada nunca", sinalou Lores. "Indiscutiblemente a restauración e a hostalaría son fundamentais á hora de poder celebrar con éxito un evento destas características. Se chegamos aquí e agora, a chegar o evento en relación co tríatlon máis grande que se pode facer, é porque a imaxe que deu Pontevedra ao longo dos anos é unha imaxe máis que positiva para todas as federacións, e vós sodes responsábeis directos da mesma".
A web habilitada, que recolle a día de hoxe os servizos ofrecidos 48 establecementos da cidade, serve de guía útil para os atletas e os visitantes que están por chegar (ou que xa están na Boa Vila).
Cartas en distintos idiomas, linguas que se falan no local, horarios, quendas, tipo de cociña, información de contacto, enderezo... Todos os datos que pode precisar un visitante á hora de buscar onde cear, xantar ou tomar algo están xa visíbeis.
Desde o Gumer sinalaron o venres que a hostalaría da cidade "está implicada masivamente para xerar, entre todos e todas, un ambiente fenomenal para a toda a xente que veña". "Sei de moitos compañeiros do esforzo que están a facer e vemos cada vez máis xente preparada no mundo da hostalaría para tender visitantes internacionais".
"Prestaríanos seguir sendo o que somos, non pasar a ser un destino turístico preparado só para atender visitantes, senón que a xente que recibamos veña a aprender como somos, como traballabamos", explicaron. "A xente que chega a Pontevedra é fantástica, un público interesante que valora o que temos. Abonda viaxar por aí para ver o que hai e darse de conta que somos un destino único".
Os locais comentaron que moitos incluíron modificacións nas súas quendas de traballo, contratación de persoal e apostaron por menús especiais á hora de recibir os atletas que tomarán a cidade durante toda a semana que vén.