As ARI permiten rehabilitar máis de 400 edificios en Pontevedra

As axudas para reformas en inmobles do casco antigo e do núcleo de Estribela acadaron os 1,9 millóns de euros
2020072511305873682
photo_camera Obra no casco histórico de Pontevedra. DAVID FREIRE

Máis de 400 reformas en inmobles e 1,9 millóns de euros en subvencións. É o resumo da actividade nas ARI da cidade desde a súa posta en marcha ata a actualidade.

Pontevedra conta con dúas ARI, é dicir, espazos delimitados polo Insituto Galego de Vivenda e Solo a petición dos concellos que conforman a base de actuacións para a rehabilitación de espazos nos entornos urbanos. En Pontevedra hai dúas, a de Estribela e a do casco antigo da cidade, que acumulan tres e oito fases, respectivamente.

Deste xeito, o ARI do casco antigo da cidade conta con 1.528 vivendas susceptibles de rehabilitación e xa acumula 112 obras executadas nestas tres fases. Os inmobles incluídos na ARI contan cunha subvención para sufragar unha parte destas obras, de xeito que, a partir de axudas estatais, xa se entregaron 575.561 euros en subvencións para estas reformas.

En Estribela, onde a ARI leva establecida máis tempo, as rehabilitacións foron 295, por un valor de 1,38 millóns de euros. "Hai doce anos que este proxecto está en marcha en Estribela e aínda segue facendo falta máis rehabilitación", conta o presidente do Colexio de Arquitectos en Pontevedra, Anselmo Villanueva. "Este barrio ten as súas peculiaridades con respecto ao casco antigo de Pontevedra, hai rendas máis baixas, hai moita poboación de idade avanzada, e é unha zona na que conviven edificios grandes con pequenas vivendas unifamiliares que tenden máis ao abandono pola propia forma da herdanza das propiedades en Galicia. É preciso seguir actuando no barrio para que non se vaia apagando", conta Villanueva.

As opcións inclúen melloras na accesibilidade ou adaptacións para mellorar a eficiencia enerxética

Neste sentido, o arquitecto indica que sería importante crear polos de atracción que fagan de Estribela un barrio atractivo para a poboación máis nova. "Ten que haber un investimento decidido para atraer xente ao barrio", insiste Villanueva.

As opcións para a reforma dos edificios das ARI optando a subvención inclúen melloras na accesibilidade dos inmobles ou adaptacións para mellorar a eficiencia enerxética dos mesmos, entre outras. Segundo Villanueva, existe concienciación entre a cidadanía da importancia de crear edificios sostibles, "pero os arquitectos temos que ser didácticos e informar sobre estas posibilidades". Así, indica que a adecuación dos inmobles a determinados estándares de eficiencia e aforro repercute na calidade de vida das persoas. "Implica que haxa máis comodidade nas vivendas, máis aforro das familias e menor contaminación, polo que son bastantes vantaxes", conta Villanueva.

Porén, as expectativas ante a crise económica motivada pola pandemia poden frenar a quen tiña pensado levar a cabo determinadas obras. "As reformas estéticas poden non facerse, pero as de necesidade si, como por exemplo as de mellora de accesibilidade, coa colocación de ascensores", explica o arquitecto.

Neste sentido, o Concello xa tramita a participación no programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, con vistas de obter financiamento para unha novena fase na ARI de Estribela e unha cuarta fase do Conxunto Histórico, o que permite programar novas actuacións de renovacións en ambos os dous barrios. Con estas novas fases, abrirase de novo a convocatoria para que os propietarios poidan solicitar as correspondentes axudas. Unha das peticións do COAG, precisamente, é que os prazos de solicitude de subvencións sexan máis dilatados e que a cantidade do orzamento que se sufrague sexa maior. "Pasamos de axudas do 80% das obras, hai anos, ás de agora, que só cobren unha parte pequena, como o 30%", conta o presidente do COAG en Pontevedra.

Un aprobado alto ao casco antigo de Pontevedra
Un seis sobre dez ou, o que é o mesmo, un aprobado alto. É a nota que lle pon o presidente dos arquitectos de Pontevedra ao estado do casco antigo da cidade. "Non chega ao notable aínda que é certo que a cidade está moi ben plantexada, pero hai un problema fundamental, o Peprica", indica Villanueva.

O Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) de Pontevedra data de 2003 e, segundo o arquitecto, conta "cunha cantidade de erros considerable", polo que é urxente a súa actualización. "Precisa dunha adecuación normativa moi urxente e será entón cando comecen a arreglarse as cousas", conta.

Neste sentido, indica que este plan é a ferramenta básica para que os técnicos poidan traballar en obras do casco antigo, pero os principais beneficiarios da súa mellora serían os propios veciños "que queiran arranxar as súas casas facendo algunha obra". Segundo Villanueva, no Concello traballan na renovación do documento, se ben sería interesante axilizar eses traballos para telo canto antes.

Comentarios