Máis de 400 escolares participan na mobilización pola emerxencia climática

O CEIP Froebel inicia un novo proxecto eTwinning con colexios de nove países europeos sobre consumo responsable e medio ambiente

Máis de 400 escolares da Rede de Escolas Unesco en Pontevedra sumáronse ás mobilizacións convocadas para este venres na cidade pola emerxencia climática dentro da iniciativa Efecto PO2, impulsada polo Concello co apoio da Federación Provincial de ANPA (Fanpa), a Federación de Veciños Castelao, a propia Rede Unesco e novos apoios como a Asociación pola Defensa da Ría (APDR).

Arredor dunhas 175 crianzas proceden do CEIP Froebel. Todo o alumnado de Primaria participou na concentración da praza da Peregrina e non o fixo coas mans baleiras. Mela Rodríguez, mestra neste colexio, explicou que "fixemos pancartas ecolóxicas, con cartóns reutilizados que nos deron nos supermercados" e que sumarán ás que xa elaboraran o curso pasado con motivo do desfile de Entroido reivindicativo no que puxeron o acento na importancia de coidar o planeta.

As pancartas, ademais, teñen lemas en inglés, pois foron confeccionadas nas clases de Arts and Crafts, xa que as aulas de Plástica pertencen á Sección Bilingüe. Unha das protagonistas das aulas durante esta semana foi a activista sueca Greta Thunberg. "Estivemos traballando cos seus discursos nas clases de Lengua, cos subtítulos en español, e tamén en inglés para poñer os lemas nas pancartas", apunta a docente. Neles farán referencia á frase que lle dixo Donald Trump ("she seems like a very happy young girl looking forward to a bright and wonderful future") e que ela fixo súa de xeito irónico.

Así mesmo, o centro recibiu este xoves a confirmación de que este curso participará nun novo proxecto e-Twinning compartindo as súas actividades con colexios de nove países europeos, "especialmente aqueles que afectan ao consumo responsable e respecto do medio ambiente". O lema deste ano será 'EcoTwinning all year round' e implicará a doce escolas de Alemania, Croacia, Eslovenia, Estonia, Francia, Italia, Polonia, Reino Unido e outros colexios do contorno, como poden ser, na liña do curso anterior, o CEIP Vidal Portela e o CEIP Plurilingüe da Espiñeira en Aldán (Cangas).

EEI DE VERDUCIDO. Noutros colexios da cidade, como o propio Vidal Portela ou o CEIP de Barcelos, tamén levan toda a semana traballando nestes temas e este venres enviaron unha expedición de mestres e alumnos á mobilización na Peregrina.

Os que se atopan fóra do casco urbano téñeno máis complicado, pero non por iso deixarán de desenvolver actividades relacionadas co coidado do medio ambiente. É o caso da EEI de Verducido, que este venres se suma á Folga Mundial polo clima. "Dende que comezamos o curso estamos traballando para concienciar á comunidade educativa sobre este problema de grandes e fatais dimensións", explica a directora, Raquel Mera.

Este venres amosan un mural que recolle a súas propostas "para contribuir a paliar este problema" e farán entrega dun compromiso de "residuos cero nas merendas" a cada escolar para que asine a súa familia "e despois asinarán cada un deles de maneira seria e solemne" no centro. Ese "compromiso verde" consistirá en non traer merendas libres de residuos contaminantes como plástico e aluminio.

Axenda: cita para a cidadanía ás 20.00 horas
O Concello de Pontevedra respalda as mobilizacións pola emerxencia climática. Ás 11.30 horas despregouse a pancarta Efecto PO2 no balcón da Casa Consistorial coa presenza de todos os grupos municipais e entidades colaboradoras. Ás 12.00 horas, o Movemento galego polo Clima fixo entrega dun manifesto na Subdelegación do goberno antes de dirixirse á praza da Peregrina, onde ás 12.15 horas tivo lugar a concenración das Escolas unesco.

Por outra banda, ás 20.00h está convocada toda a cidadanía a unha mobilización polas rúas da cidade en defensa da emerxencia climática. O punto de partida será a praza da Ferrería e o percorrido rematará na Peregrina.

Comentarios