Máis de 6.500 escolares participarán nos obradoiros de Normalización Lingüística

O Concello incrementou ata 33.500 euros o orzamento para esta iniciativa, que chega a 24 centros educativos e que persegue frear a "forte castelanización" dinamizando a lingua galega

Traballar co profesorado para dinamizar o uso da lingua galega entre a xente nova, especialmente os usos orais, dada a "forte castelanización" existente na actualidade e o descoñecemento do vocabulario, é o principal obxectivo dos 170 obradoiros que a Concellaría de Normalización Lingüística realizará de febreiro a xuño en 24 centros de Educación Infantil, Primaria e ESO, Bacharelato e Formación Profesional do municipio. "É una oferta educativa complementaria na que participarán máis de 6.500 estudantes, cifra nunca asumida ata o de agora polo Servizo, que se achegou, o pasado curso, a uns 4.300 alumnos de distintas idades", segundo explicou este mércores o concelleiro delegado, Alberto Oubiña.

O Servizo viuse "desbordado" ao recibir 360 peticións dos centros, das que só se poderán atender 170 por cuestións presupostarias. A Concellaría destina para estes obradoiros 33.500 euros, "e asumir a totalidade das peticións obrigaría a triplicar este orzamento, que xa se incrementou este ano para atender a demanda crecente". De feito, engadiu, de cara ao 2019 a Concellaría xa estuda poder aumentar a oferta de obradoiros e a dotación orzamentaria.

O obxectivo, subliñou o edil, é que "ningún escolar do concello quede sen obradoiro" e así se lles trasladou aos responsables educativos na xuntanza que mantiveron a primeiros de curso, na que se escoitou as propostas dos docentes. As propostas foron moi ben acollidas porque supuxeron unha gran renovación dos obradoiros ofertados e tamén pola alta implicación dos centros a prol da lingua, engadiu.

Os que tiveron maior acollida son Contos nas orellas, impartido por Migallas, que recibiu 97 solicitudes, das que só se puideron conceder 26, e que trata de difundir o uso da lingua a través dos contos, das historias e da música cunha participación activa dos alumnos; e Navegando entre papel e contos. Mar adiante, unha actividade arredor de María Victoria Moreno impartida por Xandorela na que se solicitaron 66 obradoiros e se impartirán 28.

Os talleres, que hoxe chegarán ao CEIP de Ponte Sampaio (Un universo de lendas), impartiranse tamén nas EEI Crespo Rivas e Fina Casalderrey e nos colexios públicos A Carballeira de Lourizán, A Xunqueira I e II, Álvarez Limeses, Praza de Barcelos, Cabanas-Salcedo, Campolongo, Froebel, Manuel Vidal Portela, Marcón, Marcos da Portela, Parada-Campañó, San Benito de Lérez, San Martiño-Salcedo, Vilaverde- Mourente e Xeve, así como nos IES A Xunqueira I e II, Valle Inclán e Torrente Ballester e no CIFP Carlos Oroza. A todos estes centros públicos súmase un colexio concertado, o Sagrado Corazón de Xesús.

O CEIP de Ponte Sampaio celebra o Día da Lingua Materna

O CEIP de Ponte Sampaio celebra o Día da Lingua Materna. CEDIDA

O CEIP de Ponte Sampaio festexou este mércores o Día Internacional da Lingua Materna cun dos obradoiros incluídos na proposta do Concello, ‘Mario pensaba que o galego non servía para nada’, a cargo do colectivo Polo Correo do Vento.

Docentes e escolares falaron de cal é a causa de conmemorar esta data, escoitaron cancións que versan sobre a importancia do uso e mantemento da lingua materna de cadaquén, no seu caso do galego, e fixéronlle un oco nos seus blogs a esta efeméride