Máis de 7.000 persoas visitaron Santa Clara entre o sábado e o domingo

O calendario municipal de 2022 será unha homenaxe á historia gráfica do convento, con 24 imaxes antigas e contemporáneas
undefined
photo_camera Unha das imaxes antigas de Santa Clara que compoñen o calendario municipal de 2022. FONDO GRÁFICO DO MUSEO DE PONTEVEDRA

As xornadas de portas abertas celebradas esta pasada fin de semana polo Concello de Pontevedra para permitir que a cidadanía coñeza as instalacións exteriores do convento de Santa Clara resultaron todo un éxito. Só este domingo foron 4.250 as persoas que entraron ao recinto e, sumadas ás que o fixeron o sábado, a cifra total de visitantes durante os dous días ascendeu a 7.053.

A cualquier hora Foto COLAS solo para visitar Santa Clara A intención do Goberno local é organizar novas xornadas de portas abertas despois das festas, así como visitas guiadas tamén polo interior do convento para as que será necesario inscribirse na web santaclarapontevedra.gal.

Por outra banda, dende este luns o Concello pon a disposición de toda a veciñanza o calendario municipal 2022, que ten como temática o convento de Santa Clara, dada a efemérides histórica que vén de vivir a cidade coa súa compra.

 

O calendario de mesa recolle 24 instantáneas: 12 antigas e 12 contemporáneas do recinto e da súa contorna. As fotos históricas forman parte do fondo gráfico do Museo de Pontevedra, que quixo colaborar dende o primeiro momento con este proxecto facilitando todas as imaxes que custodia. O departamento do Arquivo municipal tamén participou na confección.

undefinedEntre elas pódese ver a cabeceira da igrexa de J Pintos de 1915, a fachada setentrional de F. Zagala cara a 1900, o estado da rúa Santa Clara a primeiros do século XX, ou un dos lavadoiros do convento con tres monxas, tamén de Zagala de 1905 (cabe lembrar que unha fonte de ingresos da comunidade relixiosa foi lavar a roupa das familias pontevedresas). Tamén aparecen imaxes dos anos 40 e 60, como o xardín do convento situado ao carón do claustro cunha persoa traballando; o enreixado das fiestras das celas; unha instantánea das monxas dirixíndose cara ao pozo e á Capela dos Anxos; ou a reforma da rúa Santa Clara do arquitecto Pons Sorolla. Dos anos 80 son as imaxes do refectorio ou do lagar situado na planta baixa do convento.

Ao respecto das fotos contemporáneas, foron realizadas maiormente polo fotógrafo local Gustavo Santos durante a visita ao convento que organizou a Concellaría de Patrimonio Histórico no verán de 2019, no marco da Semana do Patrimonio invisible. Amosan a fonte do xardín do claustro, a capela dos Anxos, os locutorios nos que as monxas podían comunicarse coas súas familias, un dos corredores do convento, o xardín do claustro, o coro alto, as celosías, os enreixados, a igrexa, o coro baixo e mesmo unha imaxe aérea.

Xente entrando e saíndo onte do convento de Santa Clara.O calendario tamén dispón dunha última páxina cun código QR que permite obter máis información sobre Santa Clara.

En total editáronse 15.000 exemplares que poderán recollerse na Oficina de Turismo da Casa Consistorial e no edificio administrativo de Michelena 30. Tamén se entregaron aos participantes nestas xornadas de portas abertas celebradas esta fin de semana.

Comentarios