sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Máis de 8.500 alumnos participan en 16 liñas do Plan Proxecta na capital

Reparto de froita no IES A Xunqueira II. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)
Reparto de froita no IES A Xunqueira II. GONZALO GARCÍA (ARQUIVO)

O IES A Xunqueira II, con oito propostas, encabeza a relación dos 13 centros implicados

Trece centros educativos da cidade (seis institutos e sete colexios de Infantil e Primaria) están a desenvolver durante este curso algunha das liñas incluídas no Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas que desenvolvan competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

En total este plan chega a 8.551 estudantes, dos que o 51% son rapazas. En toda Galicia son 138.000 alumnos e 542 centros de ensino, un 5,24% máis que o curso anterior. Desenvolveranse 1.039 proxectos coa colaboración duns 8.000 docentes.

Por provincias, na Coruña participan 177 centros, 73 en Lugo e 80 en Ourense. Pontevedra encabeza o ranking con 212 colexios e institutos e 373 iniciativas.

Neste curso ofertáronse 43 programas diferentes, relacionados cos ámbitos da saúde, a alimentación, a actividade física, a ciencia e a tecnoloxía, a lingua, o patrimonio, a solidariedade, o medio ambiente, o desenvolvemento sustentable, a igualdade, o consumo responsable, o voluntariado, a interculturalidade, a convivencia, a educación emocional, o audiovisual, a normalización lingüística, os dereitos da infancia ou a mobilidade, entre outros.

O obxectivo é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros

Acoller esta variedade de programas establece un marco xeral de colaboración para traballar neste eido dun xeito estruturado, de tal forma que se contribúe a fixar uns criterios metodolóxicos e organizativos comúns, a establecer pautas compartidas en relación ao recoñecemento do traballo do profesorado nestes proxectos e a ofrecerlles aos centros e aos docentes a posibilidade de incluír dentro da súa planificación anual a participación neste tipo de iniciativas, segundo explica a Consellería.

O obxectivo último deste plan é avanzar nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado.

DE UNHA A SETE. Das 43 liñas ofertadas no plan, en Pontevedra desenvólvense 16 en 13 centros. Entre eles destaca o IES A Xunqueira II, que pasou de unha o curso pasado (Aliméntate ben) a oito neste. O director e coordinador de proxectos, Juan Carlos Pérez, explica que tralo exitoso funcionamento da primeira liña (que inclúe, por exemplo, o reparto de froita nos tempos de lecer ou a promoción do peixe en conserva con obradoiros e visitas a peiraos para difundir unha alimentación saudable) "fixen un pequeno resumo da oferta e animei á xente para ver outras opcións".

As actividades físicas e deportivas tamén están moi arraigadas no instituto, só que este curso se engloban neste plan, así como as iniciativas arredor da igualdade (o IES oferta dúas materias de libre configuración neste eido) ou as de Parlamento Xove (o equipo do centro foi finalista provincial o curso pasado), que se completan coa Liga de debate forestal.

A cifra de participantes depende da actividade, pois algunhas implican a cursos ou grupos concretos e outras son para toda a comunidade educativa.

Pérez destaca tamén a vantaxe que supoñen para a conciliación familiar e laboral, pois en moitos casos desenvólvense polas tardes e, neste caso, o alumnado conta con axudas para comer no IES.

Máis de 8.500 alumnos participan en 16 liñas do Plan Proxecta na...
Comentarios