Máis alá da matrícula de honra: orgullo polo traballo ben feito

Os Premios Extraordinarios de Bacharelato recpñeceron o esforzo dos mellores 20 estudantes da nosa comunidade
Adrián Bacariza, na Facultade de Matemáticas da USC. DP
photo_camera Adrián Bacariza, na Facultade de Matemáticas da USC. DP

Nin a pandemia puido con eles. Sobrepuxéronse ao confinamento, ás clases telemáticas, á incertidume da ABAU e ao inicio dunha etapa universitaria marcada polas restricións e a chamada nova normalidade. Pero, aínda así, lograron que o traballo ben feito tivera recompensa. Clara, Adrián, Irene e Iago son catro dos 20 estudantes galegos recoñecidos esta semana cos Premios Extraordinarios de Bacharelato, que lle poñen o ramo a unha inmellorable traxectoria académica.

A Consellería convoca cada ano este galardón co fin de recoñecer o esforzo, traballo e aproveitamento académico dos estudantes que rematan a etapa de Bacharelato nun centro docente de Galicia e que obtivesen unha nota media do Bacharelato igual ou superior a 8,75 puntos. A maiores tiveron que superar unha proba específica estruturada en dúas partes: a primeira consistiu na análise e comentario crítico dun texto e na resposta a cuestións de carácter cultural e ou lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada como materia común. Na segunda desenvolvéronse temas e exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade.

Clara Cantisano Gillanders

Nacida en Lugo en 2002, veu a Pontevedra cun ano de idade. Fixo Primaria e ESO no Sagrado Corazón e Bacharelato no IES Frei Martín Sarmiento "porque era el único de Pontevedra que ofrecía la modalidad de Artes Escénicas". A súa media de 9,43 ten en conta tamén as materias do Conservatorio, onde vén de rematar o grao profesional de Violín. «El tercer trimestre fue bastante complicado, estábamos muy desubicados». Aínda así, non tivo problema para matricularse na carreira elixida: Filoloxía Clásica na USC, o que lle valeu "los típicos comentarios de 'por qué no haces algo de más provecho, que te da la cabeza'; es una pena que se infravaloren tanto las carreras más humanísticas". De feito, para poder acceder, pasou o verán aprendendo Latín e Grego, materias que nunca cursara no instituto. Alumna de boas notas toda a vida, foi a súa nai quen a animou a presentarse á proba. "Cuando terminé el examen no estaba muy segura de haberlo hecho muy bien", pero acadou un 26,4 sobre 30. A mellor nota, o 10 en Inglés, que por algo conta co nivel C1. Mentres se adapta á Universidade, pensa nun futuro no que lle gustaría dedicarse a algo relacionado cos museos ("quiero estudiar también el grado de Historia del Arte") ou á docencia. Cos 1.000 euros do premio teno más claro. "Me gustaría, cuando sea seguro, poder llevar de viaje a mi hermano, que está en primero de la ESO y se ha quedado sin hacer su viaje de fin de Primaria. Sería una fantástica experiencia". 

Me matriculé en Filoloxía Clásica y me dijeron los típicos comentarios de ‘por qué no haces algo de más provecho, que te da la cabeza

Iago Fraga Vilas

Clara comparte aula en Filoloxía Clásica con Iago, nacido en Cambados hai 18 anos e que logrou un 28,1, a segunda mellor nota a só dúas décimas da primeira. Despediuse do IES Ramón Cabanillas cun dez de media, na modalidade de Humanidades, e rozou a perfección na ABAU, pero tamén elixiu un grao sen nota de corte. Presentouse ao exame por ser "un reto" e tamén pola "oportunidade económica". Non foi "con moitas expectativas, pero saín con boas sensacións", asumindo que a competencia era dura. "O resultado foi unha sorpresa". Fillo de filólogos, a querencia polo Latín venlle desde o berce. "Xunto co Grego era a materia favorita do instituto. Ler épica, teatro, cultura clásica...". Gustaríalle ser profesor universitario ou dedicarse á lingüística computacional, pero de momento ten bastante con adaptarse á vida universitaria marcada pola semipresencialidade. "Non podemos nin ir tomar un café cos compañeiros, é un desafío coñecer xente". Os 1.000 euros, de momento, están gardados, á espera de poder facer unha viaxe.

Gustaríame ser profesor universitario ou dedicarme á lingüística computacional, pero non é algo que pense con 18 anos

Adrián Bacariza Villamarín

Tamén na USC, estudando o dobre grao de Matemáticas e Física, atópase Adrián (Caldas de Reis, 2002), quen pasou polo CPR San Fermín antes de graduarse en Bacharelato no IES Aquis Celenis cun 9,95. "Sempre fun de ciencias puras e no Bacharelato esforceime moito porque tiña claro o que quería estudar e que pedían moita nota". O seu empeño, sobre todo nun terceiro trimestre que o obrigou a redobrar o traballo, levouno a conseguir unha das codiciadas once prazas. "Son bastante aplicado e leveino ben", admite. Non tiña moi claro o de presentarse á proba, pero os seus compañeiros de clase acabaron de convencelo e un lixeiro repaso no verán foi suficiente. "O premio foi unha sorpresa" e o cheque destinarao a gastos universitarios. "Nótase moito o cambio", di respecto á súa vida en Compostela, con clases semipresenciais. "É o que toca". 

No Bacharelato esforceime moito porque tiña claro que quería estudar o dobre grao de Matemáticas e Física e pedían moita nota

Irene Pereira Reboredo

aaaaAlumna excelente desde pequena, Irene (Vilagarcía, 18 anos) rematou o Bacharelato de Ciencias da Saúde no IES Castro Alobre con matrícula de honra pese aos atrancos da pandemia e a compaxinar o instituto co último curso de Piano no Conservatorio. Unha nota case perfecta na ABAU permitiulle poder matricularse en Medicina na Complutense de Madrid, que preferiu á facultade compostelana. Alí está dedicada en corpo e alma a unha carreira moi esixente que lle abre o camiño a cumprir o seu soño de ser cirurxiá. Co Premio Extraordinario da ESO no seu haber, "probé suerte" no de Bacharelato. "Salí decepcionada, pero cuando estaba ya en Madrid me llamaron mis padres con la noticia". Ao igual que Adrián destinará o premio a gastos dos estudos.

Medicina exige mucha dedicación, todos los días, pero me gustaría ser cirujana. Hay que tener muy claro lo que quieres

Entre os 20 mellores dos 265 presentados
Os catro estudantes quedaron clasificados entre os 20 mellores de Galicia nunha convocatoria á que se presentaron 265 bachareis. Cada un recibirá 1.000 euros ademais dun diploma acreditativo, e a distinción será anotada no seu expediente académico.

Comentarios