O papel de Ence

Máis de 80.000 familias perciben 300 millóns anuais por vender madeira

A industria facturou 1.941 millóns en 2015, un 11% máis que no ano anterior. O volume de cortas foi de 8,25 millóns de metros cúbicos, o mellor dato desde 2008
Elier Ojea, Juan Manuel Corbacho e Juan Picos na comparecencia deste xoves
photo_camera Elier Ojea, Juan Manuel Corbacho e Juan Picos na comparecencia deste xoves

A industria galega da madeira e do moble facturou 1.941 millóns de euros en 2015, o que supuxo un incremento do 11,2% respecto a 2014. Son as cifras globais dun sector que xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e que o ano pasado se traduciu en récords en múltiples factores, entre eles, o volume de cortas: 8,25 millóns de metros cúbicos, o mellor rexistro desde 2008, sen contar as cortas domésticas. Estas son algunhas das cifras recollidas no Informe de Resultados da Industria da madeira e o moble de Galicia, un traballo elaborado por primeira vez de xeito conxunto entre docentes da Escola de Enxeñaría Forestal e a Confederación Gallega de Empresarios de la Madera (Confemadera Galicia).

"Esta é a primeira vez que se conta cunha institución de ensinanza superior para a elaborar un informe que é a referencia do sector en Galicia e para nós é todo un orgullo que se faga desde un dos nosos centros, onde temos expertos máis que cualificados para facelo", subliñou o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho.

As exportacións en 2015 ascenderon a 768 millóns e o principal produto vendido fóra de España foi a pasta de papel


O presidente de Confemadera, Elier Ojea, e o secretario e profesor da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, foron os encargados de debullar os datos. Picos exemplificou cun taco de madeira o que supoñen os oito millóns de metros cúbicos. "Esto es la cantidad que se corta y transforma en Galicia en una milésima de segundo. Cada día hay mil camiones que transportan madera en tronco en la comunidad".

O incremento no volume de cortas rexistrouse en todas as especies: coníferas (1,5%), frondosas (7,5%) e eucalipto (19%). Este representa, por sétimo ano consecutivo, máis do 50% das cortas realizadas. Un dos datos cos que se exemplificou a tendencia favorable do sector son as exportacións, que ascenderon en 2015 a 768,1 millóns de euros, un 2,5% máis que no ano anterior.

A pasta para papel foi o principal produto exportado (189,2 millóns de euros). Esta maior actividade industrial tamén beneficia ás familias. Neste sentido, os expertos indicaron que o sector xera en Galicia uns 70.000 postos de traballo e máis de 80.000 familias percibiron300 millóns pola venda de madeira, o que supón un incremento do 14% en comparación con 2014.

SECTOR VITAL. En canto ao volume de negocio da industria da primeira transformación (rematantes, serradoiros, taboleiros e pasta...), en 2015 medrou un 12% e situouse en 1.555 millóns de euros, o que supón a consolidación da súa fortaleza en Galicia. Nesta liña o informe especifica que os rematantes tiveron unha maior actividade de cortas de madeira, pero cuns prezos lixeiramente inferiores, alcanzando unha facturación de 424 millóns de euros, un 5% máis ca no ano anterior.

No caso da industria de serradoiros aumentou a produción un 3% e alcanzou unha facturación de 306 millóns de euros; e os subsectores de envase, embalaxe e mobiliario de exterior rexistraron tamén un comportamento máis positivo ca os tradicionalmente vinculados á construción.

Destaca tamén o incremento dun 20% na facturación conxunta do taboleiro e a pasta, que ascendeu a 825 millóns de euros, crecemento que os autores atribúen á recuperación económica que se rexistrou no mercado europeo e á situación cambio euro/dólar, moi favorable naqueles mercados e produtos que teñen de referencia a divisa norteamericana.

Na segunda transformación obtivéronse en 2015 mellores resultados, cunha facturación de 386 millóns de euros, un 7,8% máis que en 2014, xa que as empresas aproveitaron diferentes segmentos de mercado.

Comentarios