Os máis pequenos xa poden gozar do renovado parque infantil da Seta

A reforma do espazo, situado en Campolongo, supuxo un investimento de 6.700 euros
A zona de xogos do parque infantil da Sota. DP
photo_camera A zona de xogos do parque infantil da Sota. DP

Os máis pequenos xa poden gozar desde este martes do renovado parque infantil da Seta, no barrio de Campolongo. O espazo está situado entre a rúa Iglesias Vilarelle e a Avenida María Victoria Moreno. 

A firma Garocaprim SL vén de rematar os traballos de reforma integral desta zona de xogos. As obras, enmarcadas dentro do plan do concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, para que que todos espazos de lecer de Pontevedra cumpran coas normativas de seguridad, supuxeron un investimento de 6.700 euros e permitiron mellorar a capacidade de amortecemento de pavimento, que se atopaba nunha situación irregular e afectado por fochancas.

A intervención incluíu o levantamento de todo o pavimento de terrizo e area, a retirada das zonas con vexetación e herba e a aplicación dunha capa de area de 40 centímetros de espesor. Tamén foron retiradas todas as pezas de madeira que presentaban deterioracións e podremias, construíndo unhas novas para cambialas, e substituíronse pezas metálicas por outras en aceiro inoxidable.

Asemade, substituíronse o mobiliario e as papeleiras e renováronse as estruturas e elementos de xogo coas que conta o parque da Seta: un tren de madeira, unha torre, un tobogán e os asentos dos balancíns de resorte. Por último, aplicouse un tratamento de pintura especial para madeira, coa finalidade de prolongar a vida útil do parque infantil e dilatar a necesidade de facer reparacións.

Tal e como aconteceu coas actuacións que se levaron a cabo nos espazos de lecer da Praza de Europa (Monte Porreiro), a Cidade de Pedra e os antigos terreos de Tafisa, os traballos de renovación leváronse a cabo seguindo os criterios marcados pola empresa STO (Soluciones Técnicas de Ocio), contratada polo Concello para auditar as condicións de seguridade de todas as zonas de xogo da cidade.

"As inspeccións e medicións dos técnicos de STO buscan conseguir os máximos estándares de calidade e seguridade para os parques infantís de Pontevedra, coa finalidade de evitar que se produzan accidentes como atrapamentos de cabezas e pescozo en buratos do mobiliario e elementos de xogo, contusións ou feridas por caídas ou aprisionamentos de dedos nas cadeas dos bambáns", indica a concellería nun comunicado.

Pintado dun dos xogos no parque infantil da Sota. DP

Comentarios