Máis visibles, coordinados e perigosos: así son os ataques contra as mulleres nas redes

O terceiro informe do Observatorio Stop Machitroles da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo e a Deputación de Pontevedra analiza a violencia machista dixital a través de 315 novas publicadas pola prensa galega

Observatorio Feminismos
photo_camera Lucía Muradas, Águeda Gómez, e Marga Tojo, este xoves, durante a presentación do informe. DUVI

O terceiro informe do Observatorio Stop Machitroles constata que a contorna virtual non é segura para as mulleres e as nenas e amosa que os ataques en liña contra elas son cada vez "máis visibles e coordinados, máis sofisticados, daniños e perigosos". O novo estudo, presentado este xoves e elaborado ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, centrouse en analizar 315 noticias publicadas na prensa galega relacionadas coa prevalencia e coa tipoloxía da violencia machista dixital, segundo informou o Duvi.

Os resultados amosan como a fenda dixital de xénero representa a nova cara da desigualdade e permiten observar "un retroceso patriarcal", pois mulleres e nenas sofren unha violencia en liña que é distinta entre homes e mulleres e inclúe discurso de odio misóxino, ameazas ou violencia física ou sexual, acoso en liña, doxing, vixilancia electrónica selectiva, coacción e mesmo exposición non consentida de imaxes.

Con este informe, como explicou na presentación a directora da Unidade de Igualdade e responsable da cátedra, Águeda Gómez, "queremos contribuír á toma de conciencia sobre a complexidade da violencia en liña sobre as mulleres e as súas consecuencias". Unhas consecuencias, engadiu, que van máis aló da contorna virtual, impactando de múltiples xeitos, e xerando vergoña, ansiedade, impotencia, coraxe, culpa, perda de confianza en si mesmas e, nos casos máis severos podendo afectar á saúde mental e desencadeando ataques contra a súa propia vida. O estudo revela tamén que no caso concreto do ámbito español, xerouse un momento de gran vulnerabilidade para as mulleres e nenas dado que, na actual lexislación, o acoso misóxino non entra dentro dos delitos de odio.

A violencia virtual xera, entre outras cousas, vergoña, ansiedade e culpa; pode afectar á saúde mental e mesmo desencadear intentos de suicidio

Respecto do período analizado, Gómez explicou que estivo marcado por dous fitos informativos: o caso Rubiales e as múltiples reaccións ao mesmo que derivaron no SeAcabó e o caso das fotografías de menores manipuladas con intelixencia artificial en Almendralejo, que tivo moito impacto na opinión pública ao evidenciar os perigos potenciais das novas tecnoloxías. No acto tamén participou a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas, que agradeceu o "traballo rigoroso" realizado polo Comité de Sabias da Cátedra Feminismos 4.0 e a implicación das dúas institucións impulsoras da cátedra.

A violencia traspasa o mundo virtual

Para levar a cabo o informe empregáronse como fonte 315 novas sobre esta temática publicadas entre novembro de 2022 e setembro de 2023 polos xornais galegos, contrastadas co medio estatal máis lido, El País, e establecéronse varias categorías en relación coas tipoloxías do acoso: violencia dixital por razón de sexo e por razón de xénero (74,5% do total das novas), violencia dixital sobre as mulleres con presenza pública (10,2%), violencia machista dixital organizada ou manoesfera (8,9%), e o coñecido como Efecto Johny (1%), acuñado así tras o caso de Johny Depp e Amber Herad e que consiste na denuncia do acosador cara a vítima por difamación. 

A análise destas novas permitiu constatar que a violencia en liña que sofren as mulleres está relacionada coa violencia estrutural sexista e por razón de xénero e que a violencia en liña traspasa a virtualidade con consecuencias concretas e visibles nas vidas das mulleres que a sofren. "Só coñecemos a punta do iceberg das violencias machistas dixitais, as noticias que máis aparecen na prensa teñen que ver coa violencia sexual e o bulling dixital escolar, pero atopamos moitas menos noticias sobre violencias machistas dixitais como a manosfera e contra mulleres con presenza pública. A violencia estética, a pesar de estar presente na axenda do discurso feminista, non aparece reflectida na presenza mediática de maneira equiparable", explicaba Águeda Gómez. 

O informe sinala que o silencio que sofren as voces de mulleres con presenza pública supón "unha ameaza pora a democracia"

 
Por outra banda, o informe tamén sinala que o silencio que sofren as voces de mulleres con presenza pública supón unha ameaza para a democracia. Por unha banda, implica unha autocensura das mulleres fustrigadas; en segundo lugar, ten un carácter aleccionador para as mulleres activistas que non queren correr a mesma sorte e se relegan en posicións menos visibles; por último, e na mesma liña, supón unha carencia de mulleres participando na ágora pública dixital. Ademais, como indicaba a responsable da cátedra, as novas tecnoloxías, como a intelixencia artificial, supoñen un campo moi amplo para reproducir violencias machistas; de feito, vese medrar o número de casos de violencias machistas dixitais relacionadas coa pornografía non consentida e a IA. Estas non están exentas da estrutura patriarcal, polo que é importante a concienciación no seu uso, así como a lexislación neste eido".

En definitiva, tal e como xa quedara patente informe Stop Machitroles de 2022, a violencia machista dixital é un fenómeno socioestrutural cada vez máis frecuente; existe un contínuum entre a violencia en liña e a violencia fóra de internet e trátase dun fenómeno xeralizado, no que acosan homes e as vítimas son mulleres, a meirande parte delas menores. Ademais, gran parte dos acosadores son homes coñecidos polas vítimas (parellas, ex-parellas, profesores, monitores, veciños), como lembrara a responsable da Unidade de Igualdade.

Para facer fronte a esta realidade, dende a cátedra recomendan "fortalecer as estruturas sociais e políticas, que formen unha rede de apoio baseada na solidariedade entre mulleres" e engaden que "necesitamos traballar sobre o cambio de cultura e de mentalidade para concienciar sobre a violencia que se exerce sobre as mulleres e as nenas en internet. Antes da lexislación vén a toma de conciencia dos problemas que existen na sociedade, ademais de fomentar un cambio cultural a este respecto. É entón cando a sociedade ten a madurez suficiente para lexislar".

Xornalistas Galegas

Paralelamente á presentación deste terceiro informe, no acto deste xoves a Asociación Xornalistas Galegas tamén deu a coñecer o estudo Os medios como (re)produtores de ciberviolencia simbólica, elaborado a partir dos datos recollidos polo observatorio. Como subliñaba Marga Tojo, vogal da entidade, "os medios de comunicación participan na produción e na reprodución de ciberviolencias a través dos enfoques, das noticias que se escolle dar e non dar, etcétera, pero tamén poden exercer como axentes de cambio".

Neste sentido, lembrou que para "frear a onda de desinformación de xénero" é necesario ter en contra que esa desinformación "é lucrativa, xera 213 millóns de euros ao ano en ingresos publicitarios ao ano" arredor de contidos como, por exemplo, o mito das denuncias falsas. Fronte a isto, dende Xornalistas Galegas teñen elaborado unha serie de propostas, entre elas a implantación da figura da redactora xefa de xénero, ou editora ou correspondente de xénero, que se creou por primeira vez no New York Times no 2017 e que actualmente existe tamén en El País. Sería "unha figura de referencia" que reclaman tanto "para medios privados como para os nosos medios públicos" que permitiría unha abordaxe transversal dos contidos relacionados co xénero, as desigualdade e a violencia machista.

Comentarios