Máis xoguetes, máis chuches, menos coches e máis bicicletas

O alcalde recolle as ideas que os nenos deixaron no Salón do Libro Infantil e Xuvenil para mellorar Pontevedra
Lores e Anxos Riveiro recibindo as peticións das mans de Orbil
photo_camera Lores e Anxos Riveiro recibindo as peticións das mans de Orbil

O mundo que queremos é o lema baixo o que este ano se celebra o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A organización do evento convidou aos cativos a manifestar como é ese mundo que queren a través de diversas accións. Parte do resultado, o que saíu do mural de post-its instalado nun recuncho do Pazo da Cultura, foille entregado este mércores ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que prometeu estudar as peticións dos nenos.

Máis rúas peonís, menos contaminación, máis bicicletas e menos coches eran algunhas das suxestións máis repetidas nestes papeliños, que se poden seguir colocando, ata a clausura do Salón, nun espazo que leva por título Ideas para a túa cidade. "Atopámonos con moitas propostas relacionadas co coidado do medio ambiente e co modelo de cidade", explican os responsables de comunicación do evento. "Xunto a elas había outras máis tolas e divertidas como que prohiban o reggaeton".

Peticións dos cativos
►"Que todo o mundo sexa feliz"
►"Que caian gominolas do ceo"
"Que haxa máis bichos no mundo"
"Wifi gratis, moitos zoos e poucos coches"
"Cen parques de atraccións"
"Que prohiban o reggaeton"
"Que non haxa máis guerras"
"Máis rúas peonís e máis bicicletas"
"Que no mundo non haxa polémicas"

Lores recolleunas todas da man da mascota do Salón, o lobo Orbil. Fíxoo acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro, e polo urbanista Toni Puig, de visita na cidade. A este último chamoulle a atención a cantidade de peticións dos nenos relacionadas co modelo de cidade. "Sus padres no podrían ni pensarlo. Esto da una idea de la transformación de la ciudad", comentou, segundo recolle unha nota do Salón do Libro.

Pero, o evento ten en marcha outras iniciativas relacionadas co mundo que queren os nenos. Ademais dos post-its con ideas para a cidade, hai outro mural onde se deixa sobre cartóns o que non lles gusta. Titúlase O mundo que non queremos. "Non á guerra". "Non á desigualdade". "Non á contaminación". Son algunhas das consignas que se poden ler neste espazo do Salón onde hai varias referencias a Ence e a Donald Trump. De novo, xunto a outras mensaxes máis divertidas como "Non me gustan as matemáticas".

RECINTO FEIRAL. No espazo que o evento habilitou este ano no Recinto Feiral celebráronse dous obradoiros centrados tamén en O mundo que queremos. Un é o que coordina o artista e arquitecto Ramón Corbato, que constrúe un muro de caixas de cartón cos cativos. En cada caixa, escriben os seus desexos. "Que todo o mundo sexa feliz". "Ter bebés". "Coidar o noso mundo". "Que caian gominolas do ceo". "Que haxa máis bichos no mundo". "Peluches de corazón". "Que medren amorodos". "Que no mundo non haxa polémicas".

A proposta de Corbato, que continúa ata a clausura do Salón, complétase coa doutro obradoiro no que os nenos escribiron varias peticións que aparecen colgadas dun tendedeiro. De novo, as máis repetidas teñen que ver co coidado co medio ambiente e co modelo de cidade.

"Máis parques, menos coches e máis árbores" deixou escrito Estefanía, de 3 anos. "Wifi gratis, moitos zoos, concurso de videoxogos, reservas naturais, poucos coches e pouca contaminación" foron algunhas das cousas que escribíu David, de 11 anos. Susana, de 9, o que quere son "100 parques de atraccións" e Marta, de 6, "máis chuches". Todo é posible nun mundo infantil no que por pedir pídese ata o que Carla, de 9 anos: "Xente voadora".

Comentarios