Maite Celeiro: "Non é xusto nin real o que se di sobre estes adolescentes"

A asociación Arela recibe nos seus centros a algúns dos menores non acompañados que chegan ata Galicia. A súa misión é colaborar cos rapaces que se atopan en situación de desprotección para acadar a súa integración
Maite Celeiro, coordinadora da Área de Protección de Menores de Arela. LUIS POLO (AGN)
photo_camera Maite Celeiro, coordinadora da Área de Protección de Menores de Arela. LUIS POLO (AGN)

ARELA é unha das asociacións que traballa cos menores non acompañados que chegan ata Galicia. Actualmente, este colectivo conta con seis centros dispostos ó longo e ancho da comunidade, no que na actualidade atenden a catro rapaces que chegaron sen a protección nin o acompañamento dun adulto.

En que consiste a súa actividade?
Arela traballa normalizando a vida destes adolescentes desde os nosos centros de protección de menores. Primeiramente quero puntualizar que están mal chamados menas. Con esa palabra abarcamos a nenas, nenos e adolescentes que veñen sós cruzando dun continente a outro. Pero chamándoos así o que facemos é estigmatizalos e deshumanizalos. Imaxina a calquera adulto que fai esa viaxe, que ten que atravesar varios países sós. Agora imaxina que en ves de un adulto é un rapaz.

"Son rapaces que veñen cunhas mochilas terribles, aquí tratamos de axudarlles a que se integren"

Que se atopan ó chegar aquí?
Como se procede con eles? Chegan a un país onde non teñen rede de apoio nin familiar nin social, onde non comparten a cultura nin o idioma. Nós non facemos ningunha intervención específica, senón individualizada. O que si facemos cando chegan é aclarar a nacionalidade, ver cantos anos teñen e que necesidades teñen. Son rapaces cunha capacidade de resilencia bestial, unha gran capacidade de superar adversidades, de adaptación e de integración. Veñen cunhas mochilas terribles. Ás veces vivencian mortes. Aquí tratamos de axudarlles a que se integren, van ó colexio, participan en actividades deportivas, sociais e de tempo libre superando todo iso e facendo unha vida con bastante normalidade.

Non é unha realidade nova a dos rapaces que chegan refuxiados moitas veces sen un adulto que os acompañe.
Non. En principio levamos traballando bastantes anos con rapaces que proceden principalmente de África e Asia, aínda que aquí non tratamos a cantidade de casos que noutras comunidades como Andalucía. Hai que deixar claro que non veñen para delinquir, nin para xerar conflitos... Dinse verdadeiras aberracións. Estes nenos e nenas veñen para buscar un futuro mellor, non só para eles, senón tamén para as súas famillias. Fíxate que no momento que teñen traballo o primeiro que fan é axudar ás súas familias. No caso dos adolescentes que nós tivemos, non temos casos de rapaces que non quixeran prosperar e a día de hoxe ou se están formando ou están traballando formando unha familia e se integran como calquera dos demais. Veñen buscar a vida, un mundo mellor e fíxate que mensaxe están a recibir de nós.

Que pensan das mensaxes que se están lanzando sobre estes menores relacionándoos coa delincuencia?
As entidades sociais que temos contacto directo con estes adolescentes queremos alzar a voz, non é xusto nin é real o que se di sobre eles. É certo que nós en Galicia tampouco temos a situación de Andalucía, onde hai centros específicos para estes rapaces e moitas veces están ateigados, aínda así por contactos con outras entidades sabemos que non é verdade o que se está dicindo. Son nenos e nenas que se integran en centros da rede de protección de menores de Galicia. Teñen a súa situación cuberta, pero precisan da solidariedade, concienciación e respecto da sociedade para poder integrarse no noso sistema.

Comentarios